lunes, 30 de septiembre de 2013

Cando as cousas non saen coma unha quere

Pasei toda a semana pasada con ganas de coser, intentando arañar un minutiño aquí ou acolá para sentarme a facer algo. Co B. é difícil porque polo día apenas dorme e pola noite a luz na habitación de coser é moi escasa, así que non me apaño nada ben. En toda a semana non tiven un momento.
Uns veciños emprestáronnos a silla para o coche que ó seu bebé (máis novo que o noso) xa lle ía pequena e que nós aínda poderemos aproveitar un tempo, así que estámola a usar, pero está impecable, coma nova, coa fundiña de tea impoluta, e nós sabemos o que pasa cos nosos bebés nos coches: cando a viaxe dura máis de media hora e non dormen empezamos a darlles calquera cousa que poida entretelos uns minutiños máis, incluíndo comida. E iso nunha silla tamén sabemos o resultado que ten, así que pensei que podía facerlle unha funda como fixen para a trona, e o tempo ía pasando e eu non facía a funda, os días íanse enchendo de actividades diarias tales como limpar, poñer/tender/recoller lavadoras, facer o xantar, ir á compra, levar ás Tartarouchas ás actividades, ir ó parque,... de sentar na máquina facer iso non había rastro, e a verdade é que me cabreei e pagouno quen non o tiña que pagar. Esquecín a regra máis importante da vida diaria con nenos pequenos: non ter expectativas.

Non pasa nada cando no medio do día atopas un oco para facer iso que non é imprescindible pero que che apetece, pero se cada día esperas poder ter un rato e ese intre non chega hoxe, nin mañá, nin ningún día a ilusión vaise transformando en frustración e iso non é bo, non axuda a ter boa cara polas mañás, nin a non respostar mal ó final do día.

O venres choveu. Moito. Cando volvín de acompañar ás Tartarouchas o primeiro que fixen ó chegar á casa foi cambiar os zapatos pingando e os pantalóns enchoupados ata os xeonllos, logo mentres o B. enredaba ós meus pes sentei un cacho no sofá e sen querer nin saber moi ben como púxenme a probar unha idea que vira pola rede estes días, de novo para aproveitar restos.
No verán non puiden conterme e coa intención de facerlles unha alfombriña para os pés ás Tartarouchas, que no inverno sempre se queixaban do frío que estaba o chan, caín no trapillo. Un comezo improvisado en forma de flor no canto de seguir un patrón dalgues, moita cabezonería e moitas dores de cabeza despois (porque non conseguía que o asunto quedase chairo) rematei esta alfombriña.



E conseguín saber que o trapillo non é para min, que me doen moito as mans de traballar con el co gancho, e que o tecido está ben coma alfombra, pero non se me ocorren moitos máis usos para unha cousa tan basta e tan pesada. E ademáis conseguín moitos restos de trapillo, dos tres novelos que utilicei e aí naceu a improvisación do venres: restos de fíos e restos de trapillo e un intento de alfombra nova, xa que a outra é pequena, para que haxa dúas e as Tartarouchas poidan pousar os pés no chan á vez e vestirse a un tempo.


E volveume pasar o mesmo que coa primeira alfombra, comecei só por probar, para ver como se traballaba e como quedaba o tecido e non prestei atención a ningunha cousa máis, pero como me ía gustando seguín, e seguín, e seguín. A primeira cousa da que me decatei foi de que cometera un erro pensando, logo de ver as fotos, que a cor principal viña dada pola cor do trapillo da base, cando en realidade o que predomina é a cor do fío que se traballa co gancho. A segunda foi que segundo ía avanzando non quería darme por enteirada de que cada vez a alfombra voleaba máis.



A estas alturas e despois de toda a fin de semana xa desfixen a espiral dúas veces, primeiro non de todo e a segunda volvín comezar de cero, pero necesito a axuda de expertas ganchilladoras ou matemáticas porque veredes, as veces que fixen algo en redondo con ganchillo sempre usei múltiplos de seis para facer os aumentos, pero desta vez cando empecei foi a cousa tan ó chou pensando que non ía ir para arriba que sairon oito, como se pode ver na foto porque fun facendo os aumentos no mesmo sitio sempre. Podo influir iso? Ou o número de aumentos non ten relevancia?
Outra teoría é que sexa polo grosor do fío, xa que ó usar restos algúns son máis finas ca outros, de feito o rosa clariño ese que usei bastante treito xusto cando comezoua  volear máis é máis groso ca os anteriores. Hai algún método para facer isto dunha volta ou vou ter que seguir facendo e desfacendo ata o final? Xa vos contarei cal é o método e o resultado final, de momento quedádevos con que non me gusta nada desfacer e o meu nivel de frustración estaba acadando cotas perigosas.

Pero entón, por fin!, puiden conseguir un tempiño para coser o sábado pola tarde e alí me puxen eu toda feliz, á velocidade da luz a facer a funda para a silla. Collín de novo cousas que había por casa: teas duns mostrarios daqueles que me regalara anavilat (andas por aí?), o que sobrou do recheo de facer a funda da trona, e para o interior, que non se ve, un retal de tea dunha cortiña branca.
E listo!



Non quedou mal, eh?

JA!

Pois non, despois de coser coma unha tola a contrareloxio e con cara de cú, estaba na metade da primeira costura cando me decatei do primeiro erro: puxera unha tea do revés, así que en vez de verse o dereito da tea vese isto:


Xenial.

Estaba a tempo de desfacelo, pero entón non me daría tempo de rematalo nese día e logo volvería quedar empantanado a saber canto tempo máis. Igual tiña que darlle antes un anaco de pan ó B. no coche e logo xa non había remedio, así que tirei para diante co ceño fruncido e xa con morros ademáis. E rematei, xa vedes que rematei. Funo probar e... non entraba! Por ningures! Nin por arriba, nin por abaixo, nin polo medio. E por riba o Moucho que estaba alí ó carón dixo:
- Quedouche pequeno, non?

ARRRRRRRRRGGGGGGGGHHHHH!
Non lle me botei ó pescozo, pero a mirada que lle botei díxoo todo. Frustrada, fastidiada, cansa, cabreada, triste, sabedes esa sensación de impotencia?

Entón decateime do absurdo: pasar toda a semana cabreada agardando ter un oco para coser, facelo de calquera maneira, ás presas e case sen pensar para comezar e rematar no mesmo pedazo, decatarte na primeira costura de que vai quedar mal e tirar para adiante cosendo de morros para que ó final che saia unha merda que non vale para nada. En serio merecía a pena tanto cabreo, tanta frustración e tantas malas caras e contestacións toda a semana? En serio era isto o que quería? Non se supón que eu facía isto porque me gustaba e para pasalo ben?

STOP!

Imos comezar de novo.
Fora expectativas.
Perdón familia por terme que aturar toda a semana. Agardo ter aprendido de todo isto.

A solución na media hora que durmiu o B. hoxe pola mañá, e despois de terlle metido a tesoira por todos os frontes foi facerlle uns engadidos en forma de cuña. 


Veremos se vale de algo para mantela no seu sitio, e se non, con calma, xa farei outra un día que me pille con ganas.



Mantra para esta temporada: fora expectativas.


3 comentarios:

  1. Diooos Raquel! Esa sensación de frustración por no tener tiempo la tengo DEMASIADAS veces! Y me pasa como a tí, que sobré todo lo que me cabrea es tenerla. Porque es una mamonada vivir así! Pero que difícil es de controlar! Si encuentras unas era hazmelonsaber. Lo necesito.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Totalmente de acuerdo, ¡¡queremos la receta!! porque mira que jod.... ánimo y a relajarse (tomo nota para ver si me aplico yo también)

      Eliminar
  2. Ainssssssss, que me estresassssssssssss! Ommmmmmm!
    :o*

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir