lunes, 12 de agosto de 2013

Os xílgaros

O día 1, non sei como, comecei a ver uns movementos raros no xardín. Primeiro sorprendeume que ó saírmos fora á nosa mantiña coma sempre e achegarme á arbore que queda na sombra, un liquidámbar que nos regalaron hai ano e medio, saira un paxaro voando. Sorprendeume porque hai moitos paxariños no xardín (máis dende que temos comedeiro para eles,… bueno, ser é para as pitas, pero aprovéitase toda a fauna de paxariños do lugar), pero as nosas árbores son aínda novas e pequenas, e normalmente se algún está pousado nelas sae voando en cando abrimos a porta da casa.

Logo vinos, nada máis e nada menos ca uns xílgaros! Voando dun lado a outro do xardín sen parar, que se o tellado, que se unha árbore, que se o valado… chamábanse chiando. Eu estaba toda entusiasmada de velos tan pretiño, as nenas colleron os prismáticos para velos mellor… entón achegueime de novo á árbore porque me decatei de que volve pasarlle o mesmo do ano pasado: estamos en agosto, pero comezan a amarillearlle as follas e cáenlle, preguntei nun sitio e dixéronme que parecía un golpe de calor, pero regar regámolo, eu non as teño todas comigo,… se alguén sabe e nos bota unha man, xa de paso,… Bueno, ó que ía, que me achego a verlle as follas e véxoo: UN NIÑO!!!!

Púxenme toda nerviosa! Un niño! No xardín! Tan pretiño que pode tocarse coa man! Pero non só iso, de todos os paxaros que puideron aniñar no xardín os que o fixeron foron xílgaros!!!

Fixen fotos da mamá e do papá, e logo púxenme un pouco  (só un pouco) tristeira ó velas porque descubrín que tiñan con eles un neno mozo xa ben criadiño… bueno, era de agardar, non? En agosto xa terán a niñada máis ca criadiña.

mamá xílgaro
mamá xílgaro
e neno mozo

A min faime moita ilusión que haxa un niño, pero faime máis ilusión aínda terme decatado, ter identificado ós paxariños,(xa seguro que algún está a pensar que por pouco me aniñan na cachola e non me entero)… porque eu son de cidade de toda a vida, moi de cidade, e moi pouco interesada nos paxaros  en concreto ata hai pouco. Sei que hai unha chea de xente que os coñece todos por nomes que eu nin imaxino porque ó mellor só se lles chama así na súa zona, que sabe o que fan ou cando aparecen determinados tipos de paxaros,… e danme moita envexa da sana, por ter esa conexión coa natureza que os rodea. Así que ter un niño de xílgaros na nosa árbore, no noso xardín, é coma un tesouro.

O caso é que deixei de ver ós paxariños tan activos por alí, pero achegueime a mirar ó niño e vin á paxariña deitada! Segunda niñada do ano!

o niño e a paxariña

As nenas están todas emocionadas tamén co "noso" niño: "terá oviños? E cantos terá? E cando se abrirán? E podemos collelos? Eu quería velos!" Non podemos achegarnos moito para non asustalos e para que a mamá e o papá os coiden… moito non, pero así de cando en vez imos botar unha ollada, e entón o outro día viamos de novo á mamá e ó papá dando voltas. Oh! deixaría os ovos? :(

bebé xílgaro

Non! Hai un pitiño!

E non foi ata hai un pouco, vendo as fotos no ordenador que me decatei de que non hai un pitiño… hai dous!

bebés xílgaros

Levamos un par de días sen nos achegar a mirar, pero mamá e papá paxariños seguen dando voltas polo xardín, así que imaxinamos que todo vai ben, a ver se podemos achegarnos nuns días mirar ós seus filliños de novo.

Os "nosos" paxariños :)

papá e mamá xílgaro

E vou ter que darlle outra vez a razón a Aivou, que sempre me di que nacín cunha estrela no cú, pero que de todos os paxaros xusto viñeran aniñar unha parella de xílgaros, é ou non é ter sorte? :)

3 comentarios:

  1. Qué bonito! A ver cómo van creciendo esos pequeñines... de todas formas no os acerquéis demasiado no se vayan a asustar!

    ResponderEliminar
  2. Que historia preciosa. Traéme á memoria momentos deste verán, con meu pai falándome de todos os paxaros que viamos desde o xardín da casa do povo e dicíndome os seus nomes...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. que sorte, Montse! Cando estabamos en Arantzazu houbo un home sentado ó noso carón mentres comiamos que dixo: vai cambiar o tempo, cando se ve ese paxaro é que vai facer frío (ou chover, xa non lembro). Eu non vin o paxaro, pero deume unha envexa esa conexión co entorno, o saber de séculos, estamos tan desconectados da natureza... vaise perder todo e non poderemos recuperalo. Aproveita todo iso que sabe teu pai :)

      Eliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir