jueves, 8 de agosto de 2013

De vacacións polo norte VI

Venres: Cabárceno.

Non vou contarvos moito disto, a verdade, seguro que hai moita información polo mundo, pero douvos a miña visión: os animais non estarán engaiolados, pero dan moita mágoa. Polo menos a min, os depredadores, todos, nun espacio tan reducido,... as presas, os herbívoros non parece que estean mal, aínda que o espacio sexa pequeno, pero os leóns, tigres, lobos, ... e os gorilas! Pobriños os gorilas, metidos nun cubículo pechado e cun espacio exterior sen apenas unha sombra... :(
Ás nenas gustoulles ver tantos animais, claro, o B. e máis eu quedamos no coche moitas veces porque ademáis nos tocou un día de estar a corenta graos. Pero a sensación que teño é que aquelo é como un hipermercado de animais: hai tantos que todo se reduce a ir dun a outro, mirar, como se fose un catálogo, e ir cara o seguinte.
Non podo evitar ter a sensación de que gozaron moito máis vendo ó cervo e os paxaros en Salburúa que todos estes aquí.
Aínda así porei dúas fotos que sei que lles farán ilusión ás Tartarouchas.
A Z. estaba tan nerviosa que non miraba a curuxa nin a cámara. A L. tan seria e concentrada que apenas respiraba, cando a soltou botou un suspiro e enseguida me pediu ver a foto na cámara e dixo treméndolle a voz a piques de chorar de emoción: "É que me gustaba moito..."

Z curuxa
L curuxa

A idea era marchar dende aquí xa para casa, pero aínda faltaba bastante treito e como tiñamos que pasar por Asturias decidimos pasar ver uns amigos que facía pouco tiveran o seu bebé.

Sábado: Soto de Cangas.

Vimos ós nosos amigos e aínda tivemos tempo de subir ata os Lagos de Covadonga, pero fomos só ata o primeiro, o lago Enol, xa que á L. lle mancaban os zapatos. Estivemos un pouco alí gozando da paisaxe coas vacas (e as ordas de turistas).

lagos
lagos
lagos
lagos

E claro, quedamos con ganas de facer algunha excursionciña por Picos,... pero quedará para a vindeira ocasión.

Cousas que aprendemos:
- a importancia de levar paraugas no coche.
- a optimizar maletas. Eu necesito clases disto, non sei como fai a xente, a min facer as maletas avúltame o mesmo cando vou para catro días, que cando vou unha semana, que cando vou dúas, porque hai que contar se vai mal tempo tamén, e se se vai máis tempo pódese lavar roupa, pero se se vai pouco non,... desta vez arrisquei un pouco, pero ata isto saiu ben.
A roupa das pequenas, ademáis da roupa interior, claro, consistiu en: 
  • dous vaqueiros curtos (lembrabades o que vos falaba alá atrás da economía-ecoloxía dos vaqueiros? Foi o que usaron toda a semana e poderían telos usado outra semana máis sen apenas notarse, se chegana a ser mallas notaríaselles a porquería ó primeiro día), 
  • camisolas,
  • unhas mallas longas (aquí foi onde penso que arrisquei, pero tivemos sorte e non nos fixo mal tempo, a idea era levar uns vaqueiros longos, pero non tiñamos)
  • unha sudadeira
  • chuvasqueiro
  • bañadores
  • de calzado: uns tenis e unhas chanclas (a L. fixo trampa e antes de sair meteu uns zapatos tipo tenis, que foron os que lle mancaron, e ademáis deixou as chanclas, pero a curmá Elena nos regalou as súas, das que a L. se namorou)
Tendes algún truco para facer maletas? De verdade que eu necesitaría unhas clases para meter pouca roupa e caber todos no coche ;)

E ata aquí a nosa viaxe, esa tarde volvemos cara casa, despois dunha semana de sol, en canto entramos en Galicia chovíanos, estabamos en casa :)

Se vos animades a percorrer algúns destes sitios non deixedes de contarnos a vosa experiencia. Agora mesmo temos uns amigos facendo esta ruta, así que xa me dou por satisfeita.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Conta, conta...

Por se queres compartir