viernes, 16 de agosto de 2013

De paxaros

Últimamente vou pola casa e atopo libros abertos con paxariños por todas partes.

paxariños

paxariños

Este é o libro preferido da Z., mercámolo nunhas vacacións nunha ibraría de Cangas porque tiña moooooitas fotos e era moi barato. Chámase 1000 crías de animales e encántalle. Leva moitas horas de xogo-lectura enriba.

Ata atopei un niño dentro da casa e todo!

niño

E fomos á biblioteca e a Z. quixo buscar libros de animais que non fosen contos, ata agora non se lle ocorrera buscar ese tipo de libros na biblioteca, ía collendo o que vía por alí, supoño que puido ser a raíz da busca das guías de paxaros para as vacacións. Á L. non lle entusiasman os bichos, nunca tivo especial interese neles a non ser que fosen bebés, pero fomos á sección da biblioteca dos libros de animais e apareceu este libro: "O paxaro e o seu niño" (en galego ademáis!), e emocionouse toda e dixo que ese quería levalo ela. Non sei se foi o feito de ver tantos paxaros nas vacacións, se foi coller a curuxa que lle encantou, se atopar a pluma-tesouro, se os nosos xílgaros,… o caso é que a vexo inesperadamente interesada nos paxaros, e gústame, quen sabe a onde a levará...

libros

Aproveito para amosarvos as bolsiñas da biblioteca, foi o primeiro que cosín logo de nacer o B. e non teñen moita ciencia, pero quedei toda satisfeita: as costuras van agachadas (costuras inglesas chámanse?), teñen o tamaño perfeto para que collan tamén os libros grandes, e as asas tamén teñen a medida xusta para poder levalas no hombreiro sen que lles moleste demasiado ó camiñar (importante, porque bolsa grande + corpo pequeno non é boa combinación), e teñen un peto para que leven cadanseu carné. Aínda non probamos porque sempre nos aturullamos para coller os libros, pero igual ata podemos pousar a bolsa tal cual enriba da maquiniña para coller os libros en préstamo (hai que pousar primeiro o carné enriba dunha mesa e logo enriba os libros que queres levar e ir marcando co dedo nun monitor táctil os libros que levas en préstamo ou que devolves).

Bueno, e o importante, os nosos xilgariños. Onte fomos espiar de novo, dende fora podemos ver xa as súas cabeciñas asomando e as coliñas pequechas pero xa cheas das plumas características, como diría a Z. "son tan monos". Descubrimos que non son dous como pensabamos, senón tres, e sospeito que a próxima vez que vaiamos mirar xa non estarán no niño.

xilgariños

Ímolos botar de menos. As Tartarouchas queren que fagamos casiñas para colgar nas árbores e que se animen a aniñar de novo na primavera, e andamos argallando a ver se por fin facemos algún comedeiro no que non lles chova ou a comida marche co vento para poñerlles no inverno e velos dende a casa,… aínda que sospeito que lles vai seguir gustando máis o comedeiro das pitas.

Xa vos contaremos.

3 comentarios:

  1. Hola!! atopábame fai uns minutos nunha terraza ao lado da miña casa tomando algo cando vin nunha mesa a un neno moi curriño, que me sonaba moito, e non atinaba a onde o vira...pero despois vin a papá moucho e máis tarde a mamá tartaruga e xa caín na conta...
    B. é una cucada de neno!!
    Saudiños!!

    ResponderEliminar
  2. Non aniñan por casualidade os paxaros nesa casa. Se eu fora paxaro e tivera que criar tamen iría ahí, onde millón!. Bicos mil familia.

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir