miércoles, 15 de mayo de 2013

Os problemas das pitas

Todo o mundo ten pitas, logo deben ser animais doados de manter... pois non. Non sei se somos nós que facemos cousas mal, se o problema é que non imos seleccionando meténdoas na pota ó primeiro problemiña, se sería máis sinxelo telas metidas nun galiñeio pechado a diario,...

galo kiriko

Vouvos contar todo o que nos pasou dende que as temos, se cadra algún de vós sabe máis e pode botar luz no asunto, ou contarnos as vosas historias para sentirnos máis normais.

Antes case de comezar Galla esganou dous pitiños, do primeiro non atopamos nin unha pluma, así que pensamos que o levara un paxaro, que nos pasara antes cun coello que trouxeran os avós Moucho. Cando estabamos nós fora a cadela nin sequera miraba para as pitas e podía estar perfectamente deitada ó seu carón sen inmutarse nin poñerse nerviosa, entón unha mañá que fomos de recados, ó volver fixera furados ó redor do galiñeiro para intentar entrar e rompera a malla. Así que aínda que as pitas estiveran pechadas no galiñeiro non podiamos deixar a Galla no mesmo sitio. Un día colouse e ós trinta segundos atopamos o outro pitiño, esta vez non lle deu tempo a nada, pero xa non estaba vivo :(

Mercamos outro pitiño para facerlle compaña ó pitiño negro que nos quedaba, e estas foron medrando e convertéronse en Lucía e María. Mentres, o galo Kiriko e a súa compañeira Castiñeira seguían sendo inseparables.

Dende aquelas galla quedaba separada sempre delas por un valado de madeira dun metro e algo de alto... e un día Lucía pasou para o outro lado. Nós pensabamos que non eran quen de pasar, e ademáis, que estando galla non o farían, e cometemos un erro, e tivémonos que despedir de Lucía, que xa comezara poñer oviños.

Entón unha veciña tróuxonos unha pita, que quedaría bautizada como Lucía II ou tamén coñecida como Correcaminos porque lle faltan as plumas do lombo e a cola tena ergueita igualiño que se fose o famoso Correcaminos. Non sei que pasou. Estabamos preparados para que tardaran en acoller á pita nova e lle picasen ó primeiro, pero iso nunca pasou, pola contra Kiriko e Lucía II comezaron a picar a Castiñeira, a inseparable do galo, sen descanso, arrincábanlle plumas, fixéronlle sangue na cabeza e a pobre acabou subida permanentemente no tellado do galiñeiro sen poder pisar o chan para que non a atacaran, así que tivemos que separala e facerlle un sitio para ela soa. Agora soltámolos de maneira alterna para que non se ataquen. E non sabemos moi ben cal é a solución, tiñamos a castiñeira coa idea de que chocase ovos e ter pitiños, pero por mor disto botou dous meses sen poñer, xusto cando as kikas comezaban xa a quedar chocas. Aínda comezou poñer de novo a semana pasada. teriamos que quitar ó galo e a Correcaminos para estar certos de que non a picaban ó bestia de novo, ou quitar a Castiñeira,...

galo e lucía II (correcaminos)


Ó mesmo tempo, cando chegou Correcaminos, María botou unha semana marchando todos os días a casa do veciño. Xa nos daba vergoña, así que, aínda que non nos facía gracia, cortámoslle as plumas dunha á. A sorpresa foi a semana pasada, cando as nenas foron ver as cobaias recén nacidas que teñen soltas, e máis unha toupiña que colleran e aínda non foran soltala noutro sitio, cando se pon a regar as plantas dunha xardineira e atopa media ducia de ovos! Supoño que de hai dous meses cando lle deu por escapar á súa casa. Mágoa que non os descubrisen antes.



maría

Hai pouco engadímoslle uns fíos en altura a ese valado de madeira que separa o xardín para poder ter unha parte limpa cando viñera o sol e poder deitarnos fora ou poñer a piscina. Comprobamos que non eran capaces de pasar agás por un anaco baixo a porta onde colocamos unha maceta.
Pois hai un par de días, mentres me duchaba a Z veu onda min e díxome:
- Mamá, na herba hai unhas cousas que ou son cogomelos ou son ovos, e estábaos a comer unha pega.
Ó sair da ducha fun mirar e efectivamente, había na herba do lado ó que non poden pasar as pitas, un par de cousas redondiñas e brancas. Baixamos, fomos mirar, e alí estaban dous oviños picados (nin sequera os comera a pega!)

ovos 1

ovos 2

Deixámolos alí para amosarllos ó Moucho e cando chegou pola tarde eran xa tres os ovos, e os tres picados e sen comelos. Entón descubrimos que no valado había unha das táboas que estaban roídas por Galla e facían que o oco entre elas fose maior, así pasaba ó outro lado poñer os ovos.

E logo está o que xa vos contamos, cando Castiñeira chocou un ovo e enfriouse cando nacía o pitiño e non o coidou, ou cando unha pita se nos convertiu en galo, ou cando arrincabamos follas de berza para lles botar de comer e non as probaban, e entón o Moucho decidiuse a plantar berzas ó carón do galiñeiro e ós dous días non quedaba nin unha folla,...

kiriko controlando

Que vos parece? Aínda non hai un ano que están connosco e xa temos ben cousas que contar, non?




4 comentarios:

  1. Cando queirades incorporar un novo membro ó galiñeiro é mellor facelo de noite e ás escuras porque sen luz son moi torpes e non se enteran e ó día seguinte seguramente non a piquen. As galiñas cólanse por calquera oco que ven e se non caben ainda dan catro voltas intentando pasar; son pacientes e sobre todo curiosas, ademáis teñen todo o tempo do mundo... Son maniáticas e se lles da por poñer os ovos en sitios diferentes farano onde lles parece (sempre é ben terlles un nido con palla e recollidiño onde se sintan tranquilas, así prefíreno a outros sitios).
    Esas son as miñas experiencias con galiñas pero experta, experta, non son... ggggggg.
    Tamén sei porque na casa nos pasou e o teño oído, que as quicas choquean máis veces e crían mellor os pitiños. Nós poñíamoslles ovos de galiña galeados; é incrible os que son capaces de incubar tan cativas como son. Se dunha vez non naceron moitos pitos porque fallaron varios ovos polo que fose, pódenselles poñer pitiños noviños (cómpranse nacidos do día ou do día antes) e criaranos a todos como irmáns (hai que facelo de noite e sen luz, é importante eso).
    Igual vos serve de algo todo esto. Agora non temos pitas porque ainda non fixemos o galiñeiro pero na outra casa si tivemos e espero volver telas pronto.
    Uns chuchiños e felicidades polo blog que leo a miúdo.Gústame moito.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. O de facelo de noite é boa idea, pero o problema desta vez é que non foron a pola nova incorporación, senón que esta e o galo foron a pola que era máis amiga do galo ata entón.
      Castiñeira e o galo Kiriko eran kikas en teoría, pero supoño que son pepas en realidade, cruce de kika e galiña normal. O caso é que ata decembro estivo quedando choca tras cada ducia de ovos que poñía, e cando queriamos criar os pitiños empezamos co problema ese e deixou de poñer.

      Moitas grazas polos conselliños, a experiencia sempre é o mellor saber :)

      Eliminar
  2. Nadie ha dicho que la vida del granjero sea fácil... :P

    La verdad es que nosotros nunca hemos tenido gallinas, a pesar de mis intentos por camelarle a mi pareja. Pero mi padre, sí, toda la vida... Preguntaré...

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir