viernes, 22 de marzo de 2013

Un sorriso

Vouvos contar un conto, metédevos no papel, imaxinade que sodes vós a protagonista.

Imaxinade que ides facer recados aproveitando que o papá pode quedar na casa coas nenas e que "só" tendes que levar un bebé (o que rinde o tempo só cun bebé... e cando ías sen ninguén despois de ir sempre con dúas nin che digo!). Imaxinade que saídes de casa e botades media hora dando voltas intentando buscar sitio para aparcar sen ir a un parkin, imaxinade que xusto o bebé se queda durmido nesa media hora e que decidides levar entón o carriño para non espertalo, e que, xusto cando entrades na merzaría para ir facer o primeiro recado, esperta. Collédelo no colo e botades un vistazo mentres facedes cola. Toca o voso turno. Queredes unha cinta ancha e forte para poñer de asa nun bolso. A dependenta sácavos unha caixa de cartón grande cuns rolos de cinta enormes. A cinta que queredes terá uns 4 centímetros de ancho e os rolos miden vinte ou vintecinco centímetros de diámetro cada un. Escolledes unha que pensades que vos pode valer, pedides metro e medio e a dependenta mide, corta, envolve, fai un paquetiño de papel (encántanme os paquetiños de papel das merzarías, máis aínda cando levan a conta feita no papel, con eses números como os da miña avoa) e cóbravos. E vos pagades, colledes o paquetiño e dispoñédevos a marchar... só que ós tres pasos decátaste de que non levas o paquetiño na man, senón un dos rolos enormes, que nin sequera era o que escolliches, e estás a piques de metelo baixo o brazo para poder manobrar mellor. Entón das a volta, a dependenta esmendréllase e unha señora da cola menciona que está ben mentres non te trabuques e deixes ó bebé. E ti xa non lembrabas que no outro brazo levabas un bebé, porque pasa tanto tempo aí, que é unha extensión de ti mesma.

E saes da tenda a gargalladas, pensando no ridículo que é saír cunha cousa tan grande sen decatarte, coma se foses por un vaso de auga e saíses cunha garrafa de seis litros sen te inmutar... :DDD

Teño unha poliña de mimosa, un pouco chuchurría xa, na mesa e o salón arrecende; onte ás 8:30 da noitiña estabamos a 18º; acabo de "alisarlles" o cabelo (pobriñas) ás Tartarouchas coas miñas ningunhas dotes de perruqueira; o Moucho está a tocar a harmónica para o B. a máis a L.; hoxe comezan as vacacións do cole, e mañá é fin de semana (aínda que o Moucho traballe).

A data meréceo, así que agardo que comecedes cun sorriso. :)

poliña de mimosa

4 comentarios:

  1. Cun sorriso e unhas boas gargalladas!!
    bicos
    Mari

    ResponderEliminar
  2. Bueno, hai días que unha non necesita ter un bebé no colo pare ter despistes como ese... Un día subín nun bus case vacío e parado, a punto de iniciar a ruta, pregunteille algo ao conductor e entrei sen pagar. Despóis duns minutos sentada, decateime! O conductor non me dicía nada, porque estaba agardando a ver que facía eu... Iso foi o que me dixo... o.O
    Boas vacacións!

    ResponderEliminar
  3. Si, ti és mui fina. Querías pagar unha mingurria e levar o chisme enteiro.
    Son cousas que pasan.

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir