viernes, 15 de febrero de 2013

L debuxa :: Olivia e os gatiños

Xa vos contei que a L. pasa o día debuxando e escribindo, eu estou gozando moito disto porque a Z. apenas debuxaba á súa idade, nin agora. E non é só polos debuxos, senón por como se desenvolven, como xorden, ou como evolucionan os debuxos segundo vai contando a historia do que debuxa... ou ó revés: comeza facendo un garabato, entón paréceselle a algo e completa o debuxo con ese algo e logo xorden máis elementos para ir completando o que conta... encántame.

O outro día escaneei uns cantos, agardo ilos poñendo por aquí ós poucos, pero non sei se o conseguirei, así que hoxe que teño un ratiño vou intentar traer algún.

Primeiro vouvos amosar este, por desgracia cando se tarda en facer as cousas pasa isto: xa non lembro se era un gato ou un coello. O caso é que ó velo quedei pampa coa expresión dos ollos. Non sei se retivo dalgúns debuxos animados, en papel non ten nada así, pero non vos lembra á maneira de debuxar certas expresións nos debuxos xaponeses?

coello

Xa é de hai bastante tempo, de antes do Nadal seguro, xa hai moito que escribe mamá coas letras na orde correta, aínda que o seu cerebro aínda non fixo o "clic" e de momento, aínda que sabe que son letras, non sabe lelas nin comprende o mecanismo da lecto-escritura. Por exemplo, se escribe algo (de memoria) e esquece algunha letra, cando llo recordas escríbea no principio, no final, na ringleira de abaixo ou onde ve un oco grande abondo para metela :)

Un día estivemos a ver fotos vellas, de moito antes de que elas naceran, de antes de que o Moucho e máis eu nos coñeceramos,... e apareceron unhas fotos de Olivia cos seus bebés gatiños. A partires de aí xorde unha serie... veredes.

Preséntovos a Oli, hai moitos moitos anos, cos seus bebés :)

Olivia

gatiños

E isto foi o primeiro que debuxou a L. despois de ver esas fotos. Os debuxos que vos amoso non son nunca dirixidos, ela debuxa cando quere e o que quere, pero quería que virades o contexto.

olivia e os gatiños 2

Olivia é a máis grande, que ten a cabeza rosa e "ten moitas tetas para darlles teta ós seus bebés, e como ten moitos bebés ten que ter moitas tetas". Ó parecer tamén ten moitas patas, pero diso non soubemos nunca a explicación :D E vistes ós gatiños? Os gatiños teñen só dúas tetas, coma ela, e coma nós. Supoño que porque ela, que non ten bebés para darlles teta tamén ten dúas.
Outro detalle importante foron os lazos. A verdade é que eu non lembraba o sexo dos gatiños porque non os coñecín, así que ela preguntoume se os bebés "eran chico ou chica" e eu díxenlle que me parecía que eran tres gatiñas e un gatiño, así que, vós non o vedes, pero a versión primixenia do debuxo tiña tres gatiños con lazo, máis Oli, e un sen nada. Foi por aqueles días do meu dilema coas saias e as roupas rosas, aínda que as Tartarouchas non sabían del, e entón a L. dixo: "estas teñen un laciño porque son chicas... bueno, mellor o chico tamén levaba laciño, porque lle gustaba". Xa vos dixera que elas o teñen moito máis claro, ata que llelo estragamos nós. 

Podedes marabillarvos coma min vendo todos os detalles: uns gatiños con raias, con pestanas nun ollo, ou nos dous, un con gadoupas coas súas unllas correspondentes, os dentes, os bigotes,... agora mentres subía as fotos volveu ver o debuxo e dixo que se esquecera de debuxarlles o rabo :D

A orientación é un pouco complicada porque primeiro foron os gatos, despois os nomes (o de seu irmán onde vai o B) e por último o ceo.

Esta foi a primeira versión, pero logo viñeron moitas máis, preparadxs?

gatiños

gatiños

Por último a obra máis grande e completa :)

panel diante
(por diante)

panel atrás
(por atrás)

gatiños de olivia
(Olivia e os gatiños noutra versión)

?
(isto non sabemos o que era)

nomes dos gatiños
(e os nomes: primeiro os que pensaba eu, e logo cando veu o papá completou cos verdadeiros Dueñas e Kenia, con outra grafía porque o Q xa o coñecía e era máis sinxelo escribilo)

E iso é todo por hoxe. Bueno, de agasallo déixovos a min cun tigre e un raposo.

raposo, tigre, mamá
Outro día, máis. :)
    

4 comentarios:

  1. ¡Me la como! Son unos dibujos increíbles, guárdalos como un tesoro y dale un beso enorme a la artista. De mi parte.

    ResponderEliminar
  2. Que interesante é ver cómo empezan a construir as imaxes os nenos. De adultos olvidámonos de todo ese proceso e é bonito revivilo, non si?

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. A min encántame Montse, paréceme incrible que eu puidese ter feito isto antes algunha vez...

      Eliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir