viernes, 4 de enero de 2013

Rosa

Eu tiña un bebé na barriga, aínda era só un bebé, non sabiamos se sería un Tartaroucho ou unha Tartaroucha e a L. estaba emocionada pensando en todas as cousas que se lle ían poñer. Cada prenda de roupa que lle quedaba pequena e outrora lle custaba arredar do armario agora facíao feliz dicindo: "Isto para o bebé."
Entón un día o que apartou do armario foi unha saia e dixo o mesmo: "E cando naza o bebé podémoslle poñer esta saia" e atopeime a min mesma respostando: "Se é unha nena, se é un neno non lle imos poñer saias..." E vin a súa mirada, decepcionada e á vez sen acabar de comprendelo, cos ollos apagados ata que concluiu: "Pero ó mellor se é un neno gústanlle as saias..."

Son vítima dos absurdos estereotipos sociais.

Por que non había levar saia un neno? Só porque os adultos decidimos que non é correcto? Levo anos a queixarme de que a roupa dos nen@s está demasiado diferenciada, é dificilísimo atopar un vaqueiro a secas: os de neno son anchos e levan costuras fortes, ou números, ou etiquetas imitando algunha especie de organización militar; os das nenas son axustados e levan bordados de bolboretas, pespuntes rosas, flores nos remaches ou teas de flores nas vistas... e cando as camisetas dos nenos teñen pescozo tipo polo ou números ou algo que as faga eminentemente masculinas, as das nenas son rosas, malvas ou moradas e teñen paxariños ou flores e as mangas son estreitas e teñen frunces nos ombreiros, nalgunhas marcas é especialmente marcado.

E será porque eu tiven dúas nenas, porque non me gusta o rosa, porque non teñen pendentes, porque levaron o pelo curto e porque as vestín (mentres elas quixeron) con roupa masculina, neutra ou feminina, e que as confundiron con nenos infinidade de veces, tantas que deixei de aclarar que eran nenas, porque realmente que máis ten?
Será por iso que agora me fai sentir peor isto de ter un neno e non querer poñerlle unha saia como pretendía a súa irmá, chea de razón, ou como me pasou o outro día que gardei un conxunto de florciñas rosas que lle regalaran á L. de bebé porque o vía demasiado de nena con ese borde e ese laciño rosa... é que acaso é peor ca un neno se confunda cunha nena que o contrario? Porque as nenas son peores? Porque ser muller é algo peor? Porque parecera que "obligar" a un neno a vestir con "roupa de nena" vai crearlle problemas sicolóxicos?

Non tería problema en deixalo vestir así se el quere, pero facelo eu... é unha suma de argumentos ridículos nos que non creo e aínda así non son quen... e faime sentir mal por non ser coherente.

E entón, xusto o día que decidía retirar ese conxuntiño de flores a amiga Catuxa compartía este vídeo


Para sentirme un pouco mellor descubrín que hai cousas rosas, "de nena", que foron das súas irmás, que me encantan e que non me importa poñerlle sen pensar sequera que o que leva posto "é de nena".

z con b

b de rosa

Co ben que lle queda ademáis... agardo polo menos que sexa esta semente a que plante nas Tartarouchas, e non a outra, porque tamén depende de min.

7 comentarios:

  1. Está requeteguapísimo e a roupiña é tan linda que por que non poñela verdade??? Eu co meu pequecho, reutilizamos a roupa da Icía que nalgúns momentos foi moi moi rosa ou lila. Agora que é grande e decide encántanlle as mallas, a roupa violeta e un abrigo de neve de Icía rosa e lila. As flores non lle van, pero tampouco á súa irmá e cando imos mercar roupa (poucas veces porque reciclamos case todo de amigos, roupa de neno que non lle gusta tamén pasa) pois miramos nas dúas zonas, de nenas e de nenos e escolle indiferentemente.
    E ainss...que guapo estaba de bebé cos pixamas rosas e con laciños!! A cousa é empezar e afacerse, xa verás, despois non che vai costar nada....xa me contarás.
    Bicos!!!

    ResponderEliminar
  2. Encantoume! :)
    Eu comprei un cocheciño para Roi de color violeta e non oín máis que críticas jaja. Pero qué leda vou eu co meu cocheciño diferente!
    Bicos para os 5!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Que burriños somos! Pois mira, o noso carriño é un rosa escuro, pero non se me ocorreu que podía ser "de nena" ata agora :D

      Eliminar
  3. É difícil, moi difícil loitar contra os estereotipos, contra a sociedade, contra o resto do mundo, e ao final, aínda que a eles lles gusten as cousas rosas, o pelo longo, e as saias, vanse afacendo, supoño que é unha mágoa..... pero é o que hai. E sofren eles, e sofres tí. E penso que me fun do tema, pero tócame tan preto... E algo cala,porque unha persoa que hai anos díxome que ao meu neno ela non lle compraba unha barbie, hoxe regaloulle por reis o hotel sorpresas das Polly pocket ;.) Biquiños.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Creo que hai que ser moi moi fortes para manter as conviccións, Arantxa, posiblemente tamén nas nenas, pero nótase menos... non pode ser que a todas as nenas do universo lles guste o rosa. Aínda que tés razón en que a priori se é menos cruel cunha nena á que lle gusten os camións que cun neno ó que lle gusten as princesas.
      Alégrome por ese agasallo :) ó final dámonos conta de que o importante é que eles sexan felices

      Eliminar
  4. Ai, nena, emocionáchesme e todo :´) Quítome o sombreiro!

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir