lunes, 17 de diciembre de 2012

Proxectos rematados e comezados

Quedoume contarvos dos meus proxectos de calceta cando chegou o B., agora paso o día todo coas mans ocupadas e non me queda tempo para traballar uns puntos nin facer fotos, así que estas que esaban feitas vanse ver un pouco raras agora.

Como vos dixera rematei outro UFO, a mantiña de hexágonos quedou parada agardando conseguir algunha cor que me faltaba e púxenme cunha mantiña que tiña comezada hai un par de anos, a raias e en punto bobo. Sempre se me facía longo tecer cada raia e de feito xa vedes que non avanzaba moito, tíñaa de proxecto doado para as quedadas galegas e máis para o coche ou para tecer vendo a tele porque non había nada que pensar nin contar. Pero desta vez púxenme con ela e para a miña incredulidade remateina!

mantiña de agasallo

As cores, o único mérito da manta, non son elección miña, senón da súa futura propietaria, que de momento vai ter que agardar a que lla dea porque son unha malvada :P

Entón pensei que se cadra dábame tempo a comezar algún dos proxectos que pensara para o bebé antes de que chegase, e deume tempo! Fixen estes pantalonciños, que me gustou facer porque son pequenos, rápidos e sinxelos, e aínda por riba teñen pinta de ser prácticos, xa vos contarei, que de momento á nosa minchiña vanlle grandes. A intención non era facelos a raias, pero púxenme a mirar os metros que pedía o patrón cando xa levaba feito medio pantalón e co novelo que tiña non me chegaba, así que usei o resto dunha das cores da mantiña que acababa de rematar, que por casualidade era da mesma la. Quedaron un pouco raras as raias, se pensara facelos de raias teríaas comezado máis arriba, pero pilloume a medio camiño e co que odio desfacer só seguín cara adiante. Total, que non me tería feito falla meter outra cor porque me chegaba de sobra a la que tiña... pero así son diferentes... ;)

pantalon para B.

Por certo, que coido que fixen mal a mostra e me quedaron máis pequenos do que eu pensaba, pero o B. debía sabelo e déixanos marxe abondo para poñelos tempo :)

Se queredes algunha nota máis podedes mirar no proxecto de ravelry.

E entón fíxeno. A idea de aniquilar os restos nunha mantiña mesturando todo non puido aguantar máis. Collín agullas do 5,5 mm e calquera cousa lavable na lavadora que houbera entre os meus restos: acrílico, la ou algodón, tanto tiña. E a pesar de ser o mesmo sistema que a mantiña que viña de rematar faise moito máis amena, o feito de cambiar de cor cada poucas voltas, e de facelo sen pensar moito (ademáis de que medra moito máis rápido ó ser con agullas máis grandes) e vela medrar e ir cambiando fana divertida, e segue a ser un proxecto para non pensar ó ser todo en punto bobo, así que é perfeta para estes momentos.

mantiña de restos

mantiña de restos

O caso é que despois do subidón do que me estaba a gustar aproveitar os meus restos de las e do rápido que ía, chegou o baixón: estábame a quedar sen restos e levaba só uns 40 centímetros dos 150 que quería facer de longo... calculei que me quedaban restos para uns 15 cm máis... e despois que? Outro proxecto inacabado á espera dos restos que levo anos acumulando?
Pero entón viñeron as miñas salvadoras: a avoa Olga veu recibir a bebé B. cargada cunha bolsa de restos e unha veciña á que de cando en vez empresto as miñas agullas apareceu na casa con outra bolsa ata arriba de boliñas de restos da súa calceta...

mantiña de restos 3

Por certo, a veciña trouxo tamén isto:

moita la

Algunha idea de que facer con semellante cantidade de acrílico brillante en amarelo pitiño e tan fino que creo que se o poño triple podo calcetalo con agullas do 2?

Agora teño material para rematar unha mantiña e seguramente para algún proxecto máis!
O que non teño son mans, porque as teño ocupadas cun bebé seguido, e ademáis a teta desta vez estános dando máis guerra, así que agora téñome que adicar a un dos meus tres proxectos máis importantes, o resto quedan a un lado, xa haberá tempo.

<3

foggy eyes

8 comentarios:

  1. Felicidades por esa preciosa manta terminada y por los otros proyectos... pero sobre todo por ese bebé maravilloso. Ojazos! (como las otras dos, en realidad)
    Besos desde Gipuzkoa

    maría

    ResponderEliminar
  2. Como se lle imita ó Moucho non?
    E vaia remuiño dificil de peitear vai a ter!!
    Noraboa!!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pois si, iso di todo o mundo por aquí :)
      O remuíño é marca da casa da familia, téñono os tres pequechos no mesmo sitio exactamente igual, o pelo rizado é unha sorte para este remuíño :)
      Grazas!

      Eliminar
  3. look at his wrinkled forehead...he's gorgeous. x

    ResponderEliminar
  4. Que historia a da veciña levándoche os restos de lás! Fantástico!

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir