lunes, 8 de octubre de 2012

O traballo do outono

Estes días ando pensando en todo o traballo que se agacha atrás das últimas semanas de verán e no outono, traballos de campo sobre todo, dos que nós libramos porque temos unha vida relaxada e que non vai acorde coas estacións. Non sabemos o que é o traballiño da formiga para facer reservas para o inverno...

Andamos mirando de poñer unha cheminea na casa, se tivesemos monte de onde sacala, a estas alturas deberiamos ter a leña cortada e colocada preparada para quentarnos todo o inverno; recoller castañas e landras para os cochos, e máis para comer no inverno (probastes as castañas nos guisos de carne? Están boísimas. Ou no cocido como se facía antes?); a herba seca xa gardada nos palleiros para acomedar ós animais,...

Leña, castañas e palla

...este ano non fomos por moras, pero a veciña volveunos dar excedentes de pexegos tamaño mini do seu xardín, e ademáis de comelos fixemos moita marmelada para os almorzos dos meses que quedan por diante (no verán tamén aproveitamos para facer un par de botes de ameixas e ter variedade),...

marmeladeando 2
(facíame gracia poñer esta foto porque últimamente teño a sensación de que na casa os cacharriños non nos chegan a nada: de esquerda a dereita: para a marmelada, para escoller, para as pitas, para o compost)

marmeladeando 2
(encántame ese cunco, debe ter polo menos vinte anos, temos outros dous e "roubeinos" de casa de miña nai)

marmeladas

... e máis conservas, porque no mediterráneo comerán gazpacho no verán, pero a nós madúrannos agora os tomates, e non temos tantos para que nos faga falla conservalos, e ademáis a avoa Carme sempre fai ese traballo por nós e así temos salsa de tomate caseira todo o ano, eles si saben o que é o traballo estacional e envexo todo o coñecemento que teñen da vida no campo e do aproveitamento do natural...
 
tomates
 
 ... o millo gardado xa no canastro...

Outono no millo I
(este é o novo canastro dos avós Moucho, metinme un día dentro e toleei a facer fotos coa luz que había, a semana pasada adiqueime a poñer no flickr unha chea delas, podédelas ver aquí )
 
E seguro que hai moito traballo máis que se me escapa porque non sei, porque non o fixen nunca. Non sei, tal e como están as cousas, se a nosa vida cómoda terá un amaro e rápido final, pero coido que é de recibo dar as grazas a toda a xente que leva toda a nosa vida facendo este e outros traballos por nós, así que GRAZAS, por traballar e por coñecer como funciona a natureza e como aproveitar os seus recursos.




7 comentarios:

  1. Mmmm, castañas, qué ricas.
    La mermelada tiene una pinta deliciosa, el otro día encontré éste enlace y me lo acabas de recordar, para hacer etiquetas fashion para la mermelada jejeje

    http://www.jamlabelizer.com/

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pero ti de onde sacas sempre todos os enlaces? AS miñas foron feitas cun word dos de sempre e por primeira vez non a man

      Eliminar
    2. Éste en concreto de www.directoalpaladar.com, los demás del mogollón de blogs a los que estoy subscrita, siempre cae algún enlace interesante.

      ¡Saludos!

      Si no te molesta que te los ponga cuando encuentro alguno que pienso que te pueda servir, te los sigo pasando :p

      Eliminar
  2. Na nosa casa tamén aproveitamos o saber aproveitar da familia de Arbo.
    Penso que somos afortunados.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Eu tamén o creo, paideleo, e ogallá puideramos acumular aínda máis saber. Somos afortunados

      Eliminar
  3. Canta razón tes!
    Non sabes a pena que me da non ter aprendido máis da miña avoa.
    Saber que hai cousas que xa non se repetirán, doces que non volverei a comer...
    ains...hoxe levanteime melancólica. Será a calor?
    Saúdos sevillanos.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ás veces pasa. Eu teño mágoa de non ter grabado as historias que nos contaba sempre... coido que agora xa non é o momento.
      Un biquiño

      Eliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir