domingo, 23 de septiembre de 2012

8.40 am

A Z. aterra na nosa cama despois doutra noite enteiriña na das Tartarouchas. Métese no medio e aínda que intenta estar quieta o que non lle bule no corpo búlelle na lingua. Escóitase chover.

A L. segue na cama, pero semella que escoitamos uns pasos que paran a metade de camiño, na escaleira. Atrás deles escóitanse os pasos de Olivia, que parece un cadeliño e non unha gata.

Chamo polo seu nome, pero non resposta ninguén. Se cadra trabuqueime e aínda dorme. A Z. tamén chama por ela e non hai ningún eco de volta, pero non pode máis e érguese a mirar se está realmente nas escaleiras, desorientada como pensaba eu. Achégase e escóitase á Z:

- L. que fas aí sentada nas escaleiras?
- Z. que sorte tés, porque che trouxeron moita ropa nova,... que morro!

A Z. volve camiño da nosa cama contándonos que a L. está tola, alí sentada. Escoitamos como baixa os chanzos,... desorientada, volvo pensar eu. Chega abaixo e logo duns segundos volve subir, pero non vén onda nós, que seguimos os tres metidos na cama. Desorientada, penso outra vez:

- L! Estamos aquí! Que fas?
- Fun buscar as medias novas e estoume vestindo.

É así a nosa L. Unha amante da roupa, unha pequena fashion victim.

Onte viñeron Carolo e Aivou de visita, trouxéronme unha chea de candeas de cereixa, que agardo poder usar desta vez :), e unha bolsa de roupa da S. para a Z.




candeas

Pasamos media mañá a probar na roupa. Válenos toda, e temos un armario de inverno cheo para a Z. A L. tivo sorte e a forza de insistir e ir probando cada prenda atrás da Z. apañou un par de camisolas e unha saia... e cando metimos a da Z no seu armario e revisamos as súas camisolas do ano pasado levou outra pila máis de roupa "nova" e xa foi feliz.

Tres anos de diferencia e só unha talla entre elas. Afórrome o traballo de meter a roupa en caixas.

Hoxe rematou vestida con roupa "nova" da irmá do ano pasado, e sen medias. A Z. vestiuse tamén con roupa "nova" da S. Polo menos á L de momento faina feliz a roupa "nova". Agardo que iso non cambie co tempo...

Vento e choiva. Falta de luz. O primeiro día de outono. Coas mosquiteiras aínda postas pegadas ó cristal coa chuvia.

vento choiva e falta de luz

Hoxe toca estar na casa, tecer no sofá a chaqueta de entretempo para a Z. que pensaba rematar para a primavera pasada...

chaqueta


... e coser e remendar outras prendas para telas listas cando chegue o frío...



amaños

vestidas con roupa "nova"

descoser


E a vós que vos toca hoxe? Como sexa... bo domingo!!

4 comentarios:

  1. Pois como chove... apartaremos roupa de verán para a Z. ;oD, zurzirei roupa que ainda nos vale e aínda queda algún libro por forrar/restaurar (no insti de Xan aínda usan libros do programa de gratuidade de 2007 O.O)... labores de outono

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Que sorte o do Xan, pero creo que se os pillan cáelles un puro, así que mellor non digas nada. E ti aparta roupa aparta, que xa verás que contentas nos poñemos a temporada que vén :)

      Eliminar
  2. tocou molladura na marcha ciclista por Lu e choveu a cachón, aínda estamos aproveitando a roupa de verán pero a min tócame comprar todo, vouno facendo a cachiños, sobre todo despois deste mes

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Eu terei que mercar tamén algunha cousa, de momento teño apuntadas medias e katiuscas para a L, pero dáme gusto aproveitar a roupa, e non só no peto :)

      Pensei eu nos ciclistas, ves? Puido estar un día mellor para iso, a verdade, pero tamén dá gustiño chegar a casa, darse unha ducha quentiña e poñer roupa seca... eu teño esse recordos das molladuras de pequena e encántanme :)

      Que gusto verte por aquí!

      Eliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir