domingo, 26 de agosto de 2012

Os bichos nas vacacións

Igual non vos parastes a pensar o que pasa cos nosos animais durante as vacacións, pero eu sempre penso como se amañará outra xente, xente que ten incluso máis ca nós, e ás veces a que sigo por outros blogues, así que vouvos contar o que fixemos este ano cos nosos compañeiros.

Olivia queda sempre na casa, pásao moi mal cos cambios e co coche, así que deixamos unha tolva chea de pienso e outra chea de auga e a area recén cambiada, e a uns veciños encargados de botarlle un ollo a que estea todo en orde. Este ano marchamos un pouco menos tranquilos ca outras veces porque a nosa gatiña vaise facendo velliña e empeza a ter achaques, tivemos que tratala xusto o día antes de marchar e non sabiamos se lle fixera efecto a medicación ou se puidera darlle algún outro tipo de reacción. Por sorte cando chegamos estaba mellor que cando marchamos, e mooooooi apegañenta :)

olivia

A Galla levámola no coche de excursión acompañada por outro bicho máis (xa vos contarei) á casa dos avós Moucho. Ela pasa sempre as vacacións, antes con Sacho e agora soa pero acompañada por Fecha, que é a cadela que teñen alí os avós, antes non se levaban moi alá, pero últimamente fixéronse moi amigas e coido que se sinte ben alá porque está ben acompañada. Algunha vez, cando tiñamos aínda a Sacho intentamos que quedase na cidade a cargo de alguén, pero foi imposible, botou 3 días sen sequera mexar, así que isto fai que sexa aínda un chisco máis complicado acomodala nas vacacións. Galla foi rescatada da protectora cando tiña xa ano e medio, tivémola na casiña en acollida para que se recuperara dunha sarna por estrés, e para logo atoparlle dono, pero non tivemos oportunidade de publicitala moito e era unha cadela grande, co que non era tan doado, así que ó final quedou connosco. Agora sabemos que todo o seu estrés vai estar sempre con ela proque cando era unha cachorriña non tivo contacto seguramente con apenas nada: nin xente, nin coches, nin contedores, nin bicicletas, nin nada de nada, debeu estar pechada nun agocho e agora tenlle medo a todo ó que non se afixo de pequena, é dicir, a todo. Hai xa 7 anos que está connosco e o que sabemos seguro é que no xardín é feliz.

galla

A tartaruga Tota queda a pobre na súa caixa, botámoslle comida antes de marchar e logo a volta de novo. A verdade é que resiste xa 23 aniños e aí segue o meu agasallo de comuñón. Igual este ano ten sorte e vai vivir para un estanque ben illado onde non poida escapar para invadir a fauna local e poida estar ó aire libre.

Tota

E faltan as pitas, das que se encargaron dous veciños, uns quedaron coidando os máis grandes que quedaron no galiñeiro con auga e comida en tolvas, e outra encargouse de facerlles un sitio na súa casa ós pitos. E das pitas teño máis cousas que contarvos, pero vouno deixar para outro día porque se non voume extender demasiado por hoxe.

castiñeira e kiriko

Posiblemente parte da nosa complicación é que son animais de especies diferentes, e con necesidades diferentes, e iso fai as cousas máis difíciles, igual se tiveramos catro gatos era máis sinxelo... en calquera caso témoslles que agradecer a todos os veciños e familiares que se encargan dos nosos bichiños cando nós non estamos que fagan ese esforzo por nós. Moitas grazas :)

E vós tendes bichos? E que facedes con eles cando marchades de vacacións?
E se tendes pensado ter algún animaliño na casa pensade tamén en como vos organizaredes cando queirades marchar uns días.


2 comentarios:

  1. Para min ese tema é fundamental. Mesmo aínda que non sexan vacacións, senón os días que pasamos moito tempo fóra da casa. Por iso non temos can.
    Vivo nun piso. Coa primeira gata que tiven, empecei deixándoa na casa de meus pais, pero sufrían todos demasiado. Con esta segunda xa nin o intententei. Queda na casa, e ven meu pai case todos os días a botar un ollo, alimentar e aloumiñar. Inda así, dábame pena que pasase tanto tempo soa, por iso este ano trouxémoslle unha amiguiña. O meu sono é que estean contentas as dúas xuntas, aínda que por agora é todo un pouco contradictorio (só levan tres meses...). Os gatos sonche ben complicados!

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir