viernes, 31 de agosto de 2012

As pitas

Por onde empezo coas nosas pitas... pasaron moitas cousas en pouco tempo.
O máis triste foi que tivemos unha "incompatibilidade interespecies" e dous dos pitiños "voaron. Non sempre as novas son boas :(, o amareliño do moño e a piñeira, quedou o negriño.
Para compensar a falta fomos buscar un pitiño novo que lle fixese compaña e que alegrase un pocuo ás nenas, así que quedamos con dous pitiños que vimos medrar.
Primeiro estiveron en casa, e logo, cando estaban máis emplumados e fora facía calor fixémoslles un sitio provisional preto das pitas máis grandes pero sen que puideran atacalos.

pitiños

pitas novas
Así foi como os deixamos na casa da veciña que se encargou de coidalos nas vacacións, e así como os atopamos á volta, convertidos en todas unhas señoras case-pitas.

negra

rubia

Así que despois duns días soltas polo día todas xuntas para poder escapar dos máis grandes xuntámolas no galiñeiro e vanse adaptando, aínda escapan das grandes, pero estas xa non lles pican.

E que foi das grandes? Pois tamén houbo novidades, non vos pensedes. Cando puxen fotos deles houbo varias persoas que me advertiron que Peinados, a pita do moño, parecía un galo, pero seguimos agardando porque a muller que nolos deu insistía en que era unha pita, e entón un día...


Resultou que non tiñamos dúas pitas e un galo, senón dous galos e unha pita. 
peinados e kiriko
Non sei se se aprecia moi ben, pero no vídeo primeiro canta Kiriko, e logo Peinados, así que quedou confirmado que Peinados non ía poñernos ovos e decidimos levarllelo ós avós Moucho e quedar entón de momento con Kiriko, Castiñeira e os dous pitiños que xa case son pitas.
kiriko e castiñeira

E entón chegamos das vacacións e Kiriko e Castiñeira quedaran na casa ó coidado doutros veciños, e cando aterramos descubrimos isto na cociña

os primeiros oviños

Os nosos primeiros oviños!!!!!

Aí os tendes ó carón dun ovo de tamaño normal. Son pequeniños e ás Tartarouchas encántanlles así, vai dar mágoa cando empecen a ser máis grandes, pero con sorte teremos entón oviños pequenos das outras pitas.

E agora cóntovos un conto para rematar. Un día as pitas campaban ás súas anchas, Galla non estába aínda de volta das vacacións, así que non había ningún sitio onde non quixesen estar. De súpeto vimos ó galo Kiriko xunto á horta, intentamos sacalo de alí e non se puxo agresivo, pero non quería saír do sitio... entón achegámonos onda o galiñeiro e alí estaban as pitas máis novas, pero de Castiñeira non había nin rastro, nin no galiñeiro nin nos arredores, nós veña a buscala e ela que non aparecía. Entón o Moucho avisou: "Non busques máis! Ven ver onde está!"

sorpresa no composteiro

Recoñecedes o sitio?
E así?

1

Efectivamente, Castiñeira estaba metida dentro do compostador alí deitada e o galo non quería que o levaramos de onda ela, por iso non quería marchar cando o botabamos. Agardamos un pouco...

2

3

E entón marchamos un rato e de súpeto escoitamos á pita facer co-co-co. O galo saíu pitando onda ela e ó mirar vimos á pita subida xa nas madeiras do compostador saíndo para fora e ó seu compañeiro acudindo a buscala. Miramos dentro e...

4

:)
Agora durante unha temporada terémolos pehados polo día no curral ata que a pita poña o seu oviño e logo abrímoslles para non atopar ovos en lugares inverosímiles... ou directamente non atopalos.

Fáltanos moito por ver, pero direivos que polo momento non acabamos de entender o que nos di a xente de que un galo cunha soa pita acaba con ela, de feito deunos mágoa meter ó resto das pitas con eles porque o que viamos era todo o contrario: cando atopa algo rico de comer no chan o galo Kiriko chama por Castiñeira e apártase para que coma ela; cando ela está nerviosa antes de poñer un ovo e el o que dá voltas buscando o sitio para poñer, déitase no niño, chámaa, faille sitio e entón ela decide se lle gusta ou non, e logo agarda nervioso a que acabe; avisa cando ve algún perigo... 
Non vos parece interesante? Nós estamos fascinados, así que seguimos observando, a ver que fan e que descubrimos.




2 comentarios:

  1. Pois sí que me parece fascinante toda a historia! E complicadísimo. Cánto hai que aprender... Pero vese que vades polo bon camiño. Para as cativas supoño que todo isto debe de ser máxico...

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir