miércoles, 6 de junio de 2012

Nunha arroutada

O certo é que arroutada arroutada non foi, falarámolo moitas veces, pero de súpeto un día aí atrás, nunha semana de vacacións do Moucho, non sei que pasou que nos deu por comezar a facelo, e fixémolo.
Collemos as táboas dun valado de madeira en desuso, e máis duns palés, puxémonos a indagar sobre os costumes e necesidades e... tachán! O día 2 de xuño tiñamos isto:

galiñeiro 4

Sabedes o que é, non? Un galiñeiro!!!

A idea inicial era que fose móbil, pero non sei se será moi móbil porque se nos fixo bastante pesado polo material que usamos, así que igual queda en semi-móbil.
Tres perchas para que as galiñas durman nas alturas se lles apetece.

galiñeiro 3




Ventilación por diante e por atrás, commo se aconsella nos tellados a unha auga (xa veremos no inverno se necesitamos tapalas de cando en vez)

Un par de portas laterais, para inspeccionar e limpar o interior, e fixemos unha por cada lado porque coa idea de ser móbil algún dos lados podía estar pegado a unha parede e ser inaccesible.

Un poñedoiro cunha portiña para ver se hai ovos cada mañá (agora está dividido en dous, epro na foto aínda non o estaba)

galiñeiro 2

Ademáis o xoves foramos buscar con que pechar o recinto exterior a unha comercial e había un cento de pitiños amareliños preciosos. O home deixoulles pasear un a cada Tartaroucha pola tenda mentres nos atendía e explicaba, pero deixámolos. A Z. veu para a casa feita un mar de bágoas. Repensámolo e decidimos voltar ó día seguinte e coller un par de pitiños, aínda que o galiñeiro non estivese rematado eran demasiado pequenos para estar nel, así que mentres podiamos coidar deles nunha caixa na casa con calor.
E ó día seguinte voltamos e non quedaba nin un! Menuda catástrofe! prantos inconsolables de novo... pero falamos coa veciña e xa nos explicou que había un veciño que tiña aquí ó lado unha incubadora e que lle tiñan que nacer para xa, así que ese mesmo día alá fomos, falar co veciño. Xusto fomos cando estaba a descansar, pero a súa dona o primeiro que nos dixo ó timbrarlles foi: "vinde que vos vou amosar unhas cousiñas moi bonitas!"
E alá nos levou, a un caixón ben preparadiño con case trinta poliños de cor negriña, pardos cun par de raias marróns (de pita piñeira, que nos queriamos) e amareliños (de araucana supostamente, que tamén queriamos nós, emocionados coa idea de ter ovos azuis!). Por suposto a L. e sobre todo a Z. decidiron que querían un de cada. A muller díxonos que esa polada era un encargo, pero que ía falar co seu home para se enterar e que se non os querían todos, gardábannos uns para nós encantados. Problema: a Z. quería uns pitiños pequeniños para coidar, e a muller, con toda a razón do mundo díxonos que estaban mellor alí porque xa tiñan o sitio preparado e que ademáis así podiamos agardar e escoller pitas e non galos de entre os que quedaran. E se non poñerían ovos para nós na incubadora.
Deixounos ir velos sempre que quixeramos, así que a Z. quedou medio conforme.

Pero a verdade é que a pobre, aínda que vive nunha casa con cans (bueno, agora cadela), gata e tartaruga, leva anos pedindo un animaliño pequeniño para coidar ela, e agora que nos decidimos a ter os nosos oviños podía ser a ocasión perfeta para darlle a oportunidade,... pero de momento aínda non é, veremos o que pasa.

Bueno, o caso é que o sábado día 2 o galiñeiro estaba tal que así, e choveu, así que non fixemos máis, eu tiven unha tarde revolta, as vacacións do Moucho chegaban á súa fin, as nenas seguían desgustadas porque non había pitiños... e como as trazas que levaba a cousa eran de non ter pitas grandes ata dentro dun tempo, decidimos tomalo con calma.

O domingo recibimos unha chamada a media tarde de Rosana e Calvi, a piques de saír de Marín ofrecéndonos unha kika e un kiko. Qué nerviosssss! Aínda non sabiamos se queriamos ter galo, pero seica as pitas andan máis contentas, e un galo pequeno pareceunos mellor poque así cando as pise non as mancará tanto coma un grande.

Vale! Si! Traédeos!!!

E xa nos vedes a nós contra-reloxio, o domingo pola tarde preparando o galiñeiro para recibir ós novos inquilinos.
Puxemos o tellado da caseta e máis dos poñedeiros cuns restos de taboleiros de aglomerado e máis uns restos de politaber que tiñamos na casa, foinos xustiño.Tamén dividimos os poñedeiros e buscamos uns cacharros para darlles de beber e de comer, e improvisamos unha comida. Ah, e fixemos unha escaleiriña para que subiran.
Curbrimos o chan da caseta con herba seca que tiñamos estrada polo chan porque a última vez que a cortamos non a recollemos e cando chegaron atoparon o galiñeiro así:

galiñeiro con tellado

Ata unhas berzas lles puxemos!

Seino, seino, estou a escribir demasiado, pero é que estamos todos emocionados coa novidade. Bueno, mellor vou descansar e déixovos descansar a vós tamén e sígovos contando o resto mañá, vale?



12 comentarios:

  1. Estou impresionada!! que traballo tan ben feito rapaces, está xenial! e xa suben e baixan pola escaleira? porque é ben grande! pois me parece un proxecto xenial. que o desfrutedes moito :)

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Si, María, xa a usan sen problema, tivemos que facela tipo rampa en troques de escaleira como está nestas fotos porque non era moi estable e dáballes medo usala, pero agora está máis que solventado. Xa saen fora do curraliño polo día cando non está preto a cadela e pola noite elas soiñas se recollen no poleiro, as tres na mesma percha ben xuntiñas, ocupan un medio metro nada máis :)

      Eliminar
  2. a nós prestounos un mundo chegar e ver a L e a Z tan contentas!
    non sei canto tardarán en ter pitiños que son moi noviñas pero seica son moi boas nais!!!
    cando naceron había tres kirikas deitadas e saqueilles fotos pero agora non sei cal é a nai e cales as tías....se lles fai ilusión..mándoche as fotos....
    biquiños
    rosana

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Si, Rosana, manda as fotiños, que lles ha facer ilusión (e a nós tamén ;) )

      Eliminar
  3. Pero que barbaridade de galiñeiro! Nunca vin un tan "profesional"! Estou desexando ver como sigue a historia coas galiñas dentro...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Grazas Montse, aínda que de profesional ten ben pouco, non sei se os haberña máis novatos ca nós ;)

      Eliminar
  4. ¡Me encanta vuestro gallinero! Es una suite gallinil, un palacio huevero... Van a estar felices vuestras gallinitas.

    ResponderEliminar
  5. Precioso galiñeiro!!estaba buscando ideas para facer o meu e mira por donde atopo un blog chulísimo e ademais en galego!! Saudiños e noraboa polo traballo, creo que está xenial!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Logo vai facer un ano xa que o fixemos, agrandamos moito o espacio de paseo para cando teñen que estar pechadas pola razón que sexa, pero segue igual de chulo e funcional :)
      Grazas, xa sabes onde andamos e grazas por me descubrir o teu tamén, apúntoo nos meus veciños blogueiros para o visitar :)

      Eliminar
  6. Boa idea deixarlles un sitiño grande para elas...a maioría dos galiñeiros que vin pola rede son ananos!a ver como queda o noso...Saudiños***

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir