jueves, 7 de junio de 2012

E chegaron!

Finalmente viñeron tres: dúas kikas e un kiko. Queredes que volas presente? Antonte a Z. bautizounas.

O kiko Kiriko (na honra do galo Kiriko, que foi ás vodas do tío Perico, por suposto :) )

kiko

Peinado (indudablemente en relación ó seu moño)

kika moño

E a kika Castiñeira ("mamá, como se chamaban os pitiños marróns do señor A. (o veciño)" "piñeira" "Iso pois ímoslle poñer Piñeira porque tamén é marronciña" E a segunda vez que a chamou polo nome, sen sabelo, cambiáralle de árbore, e a min gústame Castiñeira :) )

kika perdiz

Alguén nos dixo que Peinado lle parecía un par de meses máis nova que os outros e que se era así tiña moita crista para ser pita... pero a señora Benita escolleunos dúas pitas de "distinta raza" para darlle variedade ó galiñeiro, así que fiámonos, e en todo caso o nome dános opción a cambiarlle o sexo se vemos que canta e non pon ovos ;)

kika moño

E nestes días non facemos máis ca aprender cousas delas, ó primeiro non as quixemos sacar porque non tiñamos pechado e dábanos medo que escapasen, o luns fixemos un peche provisional. Puxémoslles máis sombra, tivemos que sacalas do poleiro medio cocidas porque non sabían/querían baixar. Pola noite tivemos que subilas (meténdonos por debaixo do galiñeiro, o único sitio que non quedara grampado) porque non sabían subir pola escaleiriña...
O martes melloramos o peche provisional con vistas de amplialo en canto vaiamos sacando tempo. A Z. atreveuse a coller a Peinado e metela dentro, pero xa non lle fixo máis falla, porque xa quixeron baixar aínda que sen usar a escaleira, voando, e aproveitando que melloramos o curralciño, melloramos tamén a escaleira convertíndoa en rampa para que fose máis estable, e pola noite xa non lles fixo falla metelas, que subiron elas soíñas :)

E estamos todos emocionados coas nosas pitiñas, gústanos levarlles bichos (aínda que non comeron nin os vermes, nin a miñoca, nin os caracois que lles levamos), mirar como se dan baños de area e se acicalan as plumas, como se deitan ó solciño durmir a sesta, como excavan coas patas antes de mirar se apareceu algo novo que comer no chan,... afanse axiña, son mansiñas, xa se afixeron a nós e van deixando que lles pasemos unha man polo lombo,...

Pasámolo ben

pasámolo ben

L é unha pita

coas pitiñas

z no poleiro

L+Z no poleiro


E miramos unhas cinco veces ó día mínimo se hai algún ovo no poñedeiro, expliqueilles ás Tartarouchas, que aínda son pequenas e non poñen ovos, pero algún día ha ser o primeiro, así que seguirán abrindo as portiñas ata que un día apareza a sorpresa: un ovo das nosas pitiñas.


Nota: o editor estáse a portar mal comigo hoxe e non me deixa centrar as fotos, así que sairá algo raro


8 comentarios:

  1. Estas pitas han ser moi felices, pareceme a min.

    ResponderEliminar
  2. Esas galiñas vanse criar de luxo! Por certo, que son as kikas? galiñas medianas? No meu pobo non as chamaban así...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. As kikas son galiñas pequenas que se usan sobre todo para incubar ovos e sacar niñadas porque teñen moi bo instinto que moitas veces as razas seleccionadas perderon. Son pequeniñas, non sei como as chamarían no teu pobo, sóiame que nalgún sitio as chaman americanas, pero non estou segura, por Galicia só escoitei kikas ou kirikas, e por aquí ós cruces de kikas e galiñas chámanse pepas :)
      Indaga a ver como se chamaban no teu pobo, porque seguro que as había :)

      Eliminar
    2. En momentos como éstes boto de menos aos avós. Non sei que pasará cando xa non estean nin os pais para recordar as cousas das aldea, dos animais, da terra... A ver que me contan eles... Ben, os que estaredes seredes xente coma vos, que llo transmitides aos vosos nenos. Gracias por iso.

      O meu pobo está en Castela, así que pode ser que lles teñan outro nome. O caso é que non recordo estar presente cando criaban as galiñas. Nos últimos anos creo que xa case ninguén o facía, nin o fai. Recordo máis ir coa miña avoa a mercar os pitiños que traían nun camión.

      Eliminar
    3. Bufff, Montse, ese é un medo que teño eu tamén, sempre quedo cos ollos abertos coma pratos e intento abrir igual as orellas cando os meus avós ou meus sogros contan cousas da aldea de antes, e penso en gravalos, pero non o fago nunca :( e por suposto nunca vou saber o que saben eles, o que coñecen a natureza e o entorno. Sempre que sae algún tema pregunto, como se criaba antes o gando, que saía sempre pastar no inverno agás que nevase; como se facían os palleiros collendo non sei que pranta para o centro e logo colocando a palla en monllos arredor; como se chamaban unhas prantiñas que atopaban no monte e que se comían e estaban moi ricas; que arrincaban as raíces das uceiras? que xa non lembro como se chamaban para facer o carbón,...

      Nós non saberemos nada, creme. Ogallá soubesemos algo.

      Mira atopei máis nomes para as kikas, ó mellor podes preguntar se non che soa ningún: Kika = Bantam = Gallinita = Minina = Americana = Gallina enana

      Un biquiño

      Eliminar
    4. Véxoo igual ca ti. Coa pena de que non os vou poder gravar. Quédome cos recordos que cada vez son máis selectivos.
      Fíxate que cando atopo amigas coas que pasaba veráns de infancia me falan das aventuras que pasábamos, das festas, os líos cos rapaces… ¡e non me lembro de nada! Pero sí que me veñen á cabeza cada vez máis os paseos coa miña avoa á leira, e como lle axudaba a coller as xudías ou a regar as leitugas, ou a preparar remolachas e nabos para darllas aos porcos. Ou de meu avó torrando pan nas brasas para untalo con touciño e dárnolo de merenda… Ah, e tamén a iso de coller herbas do campo para comer en ensalada (arrabazas e acedas), que por certo, xa non hai, porque se non se mira para elas, desaparecen.

      Miña nai! Que sesión de nostalxia…!

      Bicos.

      Eliminar
    5. Xa fixen indagacións. Parece que as kikas non se usaban pola miña zona. Coñécennas de oidas, pero ninguén as tiña. Seica unha vez apareceu un veciño con unha, pero non triunfaron. Costumes...

      Eliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir