jueves, 17 de mayo de 2012

Desgana

Sigo con noxos, aínda que xa menos, e sen ganas de nada, non me apetece coser, ni tecer,... síntome rara, pero gústame non sentirme obrigada a facer algo que non me apetece :)
Teño a colcha da L. case rematada, só falta que lle poña o bies, e unha chaqueta que comecei para a Z. para usar agora na primavera vai acabar sendo como moi cedo para o outono porque quedou parada a uns centímetros de rematar o corpo, e a pobre Mar ten o seu ourizo prometido a medio facer.
Hai un par de semanas foi tamén o KCWC de Elsie Marley (o desafío da semana para facer roupa para os pequenos) e eu levaba tempo pensando en cousiñas de verán para facer para as Tartarouchas, pero logo chegaron eses días e eu non toquei as teas... aínda así teño algunhas cousiñas para amosar porque antes fora facendo algunha e aínda non volas amosei, pero como tampouco teño ganas de andar no ordenador, nin de sacar fotos, nin de facer entradas do blogue,... pois está a cousa complicada :D

Do que si teño gana é de ler, facía moito tempo que non me picaba ese bicho. Aí atrás ocorréuseme retomar lecturas atrasadas, pero moi atrasadas, creo que foi que ver que a Z se metía no mundiño da lectura, que sabía ler e se lle abrían posibilidades novas me fixo lembrar os meus tempos de lectora empedernida na infancia e adolescencia, así que o primeiro que me deu por ler foi "La Historia Interminable". Cando fun marcalo achegueime á nosa libraría e preguntei se o tiñan en galego, pero non sabían de ningunha edición en galego, así que foi en castelán. Unha das miñas películas favoritas de pequena, desas que gardas con agarimo e hoxe é o día que devezo porque a vexan as Tartarouchas e que lles guste tanto coma a min, e con todo NUNCA lera o libro, tíñao pendente de SEMPRE. Sabía que era algo que tiña que facer, e que non tiña presa, pero entón deume por collelo en serio. Dábame medo, sabía que podía ser decepcionante, pero non foi así por sorte. Un libro para nenos que segue a gozarse de adultos, e que despois de ver a película primeiro ves que é bastante fiel ó libro, pero que para a túa sorpresa esta remata no primeiro tercio do libro... e que o resto segue a ser igual de interesante... Non me arrepinto de ter rematado esta tarefa pendente, ainda que fose un par de décadas tarde.
Isto foi hai moitos meses xa, e houbo tardes que sentei no puf verde e adiquei a ler en alto algún fragmento ás pequenas que non cansaban de escoitar :)

Entón decidín que podía ser boa idea retomar algún libro de "Los cinco", estes si agardaba que fosen decepcionantes, pero crin que tendo o aliciente das nenas podía estar ben para lembrar como eran. Non é unha lectura para adultos, obviamente, pero collemos algún na biblioteca e adicámonos a ler algún capítulo cada noite mentres as nenas ceaban. A Z. lía un par de páxinas e logo eu seguía lendo o resto do capítulo en alto. E gustoulles :)

Logo de la Historia Interminable seguín con Michael Ende e animeime con Momo, epro non tivo tanto éxito e aínda está sen ler, pero queda en tarefas pendentes, non ten fallo.

E agora nestas últimas semanas nas que as noites se me revolve todo métome cedo na cama mascando un chicle dalgún sabor fresco e collo unha pila de coxíns e un libro e así comezou a vea lectora de novo. Onte comecei con "Tokio blues. Norwegian wood" de Murakami e antes "El tiempo entre costuras" de María Dueñas, préstamos os dous da tía Lourdes, lectora incansable :)

E antes deses os que comezaron todo, dous libros en galego agasallo do avó Tito e que hoxe merecen que os celebremos proque están no seu día:
"A praia dos afogados" de Domingo Villar, entretido e livián.
"Resistencia" de Rosa Aneiros, que polos tempos que corren, e polos meus sentimentos encantoume, vivino todo sabendo que ben podía ser todo realidade, e chorei os seus últimos capítulos con gusto. Moi recomendable.

o pé da cama

Polas noites, cando vou para a cama ler a Z. métese comigo e colle o seu libro de Gerónimo Stilton, agasallo de A. e P. polo seu cumpreanos e le unhas páxinas, apenas lle quedan xa só para uns días. A L. métese por onde pode e colle un dos meus libros e ponse a follealos un rato ata que considera que "leu" abondo. Gústame este momento.

E o outro día a Z. quixo tamén ler un dos meus libros, e gardado nun caixón da mesiña estaba La Historia Interminable, así que o colleu e leu varias follas de letra pequeniña con ganas aínda que non sei se captaría algo. O caso é que deixou o seu no noso cabeceiro e o "novo" levouno para a súa mesiña para ler máis. :)

Gerónimo Stilton

La historia Interminable

Non sei se durará moito isto, pero estouno gozando.

Bo día das letras galegas xentiña, celebrádeo cun libro en galego hoxe entre as vosas mans, pola nosa lingua, proque se non pedimos libros en galego os libros en galego tamén se extinguirán.

4 comentarios:

  1. Certamente, hoxe tamén me deu por pensar o tempo que fai que non leo nada en galego. Terei que botar unha ollada pola biblioteca da casa a ver que atopo que me apeteza...

    Gustoume saber das vosas historias de encontros e reencontros coa lectura. Tamén me lembran aos meus anos de lectora empedernida, cando nada do que pasaba fóra parecía importar, por máis que a miña nai me reñise por pasar tanto tempo pechada na habitación...

    Bicos e boa saúde!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Si me lembro, si, eu deses anos con miña nai e miña avoa dicindo que saíra un pouco a que me dera o sol, ou que apagara a luz que era noite.
      :)

      Eliminar
  2. Eu estiven a ler precisamente " A praia dos afogados " hoxe e pouco me falta para rematalo.
    Tamén mirei debuxos na galega como Vickie o viquingo e Pedro Picapedra.
    O libro de Rosa Aneiros é " Resistencia ".
    Bueno, que leves ben o embarazo.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ups, graciñas, paideleo, traizooume o subconsciente ;)
      Moitas grazas polos bos desexos!

      Eliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir