lunes, 2 de abril de 2012

E non chove :(

Hai xa preto dun par de meses que un día paseando polos arredores vimos a un veciño quitando herbas da acera xunto á súa casa mentres unha goma vertía auga no chan, lonxe del e inútilmente. Non me esquezo. Aquel día volvín para a casa triste e enfadada, pensando no pouco que sabemos coidar da auga por aquí, co inverno seco que levabamos, vendo os ríos coa mesma cantidade de auga ca outros anos a mediados do verán, sen unha soa nevarada que alimente as fontes das montañas. Por aquí moitos saben que hai fontes que secaron e non van abrir este ano, e pozos e fontes que non secaran nunca dende que acordan non teñen nin pinga de auga.

Xa van case dous meses daquelo e non choveu, tan só unha chuviña mol un par de días, nin tan sequera para mollar a terra. Nunca a estas alturas nos deitamos na herba seca... e non só iso senón que dende entón non deixa de arder, en marzo Galicia arde tanto coma no verán, a nosa desgracia, a nosa pouca auoestima de sempre, un pobo que non sabe coidar dos seus recursos. Lumes provocados que levan vidas por diante, e casas, e fragas e os poucos Parques Naturais que temos (porque somos tan burriños que non os queremos, non porque non teñamos a terra chea de xoias e tesouros).

Xurés, Limia, Courel, Macizo central e agora as Fragas do Eume ardendo :(

Non sei o que estará na nosa man para evitar estes lumes devastadores, pero sei o que está na nosa man para aprender a usar a auga, para non escoitar "aquí non temos problema diso, non nos fai falla ter conta da auga".

Retomamos "Un pequeno cambio"? Retomámolo e facemos algo por ter conta da nosa auga? Por aprender a usala, a aforrala?

proxecto un pequeno cambio

Teño a sensación de que moitas veces cando se lle prantexa a alguén que pode facer as cousas doutra maneira sempre tendemos a pensar que vai supor un esforzo, e eu párome a pensar e os esforzos moitas veces non son físicos, só implican un cambio nas rotinas, comezar a facer as cousas doutra maneira.
En serio é tanto esforzo pechar a billa mentres lavamos os dentes? Darlle ó botón de interrupción da descarga no váter en lugar de deixar correr toda a cisterna se non é necesario? Tan galvanes nos volvemos?

Canta auga se perde... Non, canta auga botamos a perder só polo feito de que ó abrir o grifo sae máxicamente? Canta auga deixariamos de malgastar se tivesemos que ir buscala cun balde a 10 pasos?
Xa, non imos volver buscar a auga con baldes, pero ben podemos ser conscientes de que nós somos responsables da nosa auga, dos nosos recursos, e podemos cambiar costumes que nos axuden a reducir o consumo... é posible que en pouco tempo nos vexamos obrigados, igual podemos cambiar algunhas cousas antes, non?

Virá a nosa experta María Durán, de Amigos da Terra a darnos algúns consellos, pero como poderedes supoñer teñen traballo demáis últimamente :( así que nós agardamos por ela mentres imos pensando nalgunhas opcións.


Un pequeno cambio coa auga

Consellos de non profesional para aforrar auga

- Poñer aireadores nos grifos e duchas da casa, manteñen e incluso ás veces aumentan a presión ou a sensación de cantidade de auga mesturando aire con ela ó saír polo grifo. Non pensedes en sofisticados e caros aparellos, son só unhas rejillas coma un filtro que se colocan na boca do grifo, hainas á venda nas ferreterías e o único que hai que ter en conta é o diámetro do grifo.

- Usar un vaso para enxaugar a boca ó lavar os dentes en lugar de beber directamente do grifo, coller auga no lavabo para lavar a cara ou afeitarse, tamén para lavar as verduras (mesmo nun bol ou noutro cacharro axeitado á cantidade e tamaño de verduras que imos lavar)

- As cisternas novas veñen prácticamente todas cun sistema de doble descarga (dous botóns de maneira que se premes un sae menos cantidade de auga que se premes os dous á vez) ou de descarga interrumpida. Éste último moitas veces pasa desapercibido, coñezo varias persoas que os teñen na casa e non o sabían ata que llelo dixen eu. O mecanismo consiste en que se premes o botón unha vez a cisterna descarga toda, pero se volves premer o botón unha segunda vez a descarga párase nese punto polo que se aforra auga.
Se non o tendes na casa podedes pensar en buscar e instalar algún sistema que sexa compatible coa vosa cisterna, e se non é posible podedes usar o recurso de toda a vida: unha botella chea de auga e tapada dentro do depósito, ocupa volume e fai que uses dous litros menos en cada descarga de auga.

- Non usar o váter de papeleira: os pelos e outras cousas que son susceptibles de ser botadas polos sumidoiros por moi aberrante que sexa: pauiños dos oídos, toalliñas hixiénicas, discos desmaquillantes, preservativos (e envoltorio), compresas e tampóns... Todo isto botamos no noso vecindario, somos unha vergoña e queda todo á vista, provocando ademáis outros problemas :(
Poñee unha papeleira no baño.

- Encher a lavadora e máis o lavalouzas, non poñelos a medias, ou usar un programa axeitado. Nós temos comprobado que co programa curto e de baixa temperatura a louza sae perfectamente limpa, non necesitamos que os pratos saian esterilizados, só limpos.
Non "pasarlles un auga" ós pratos antes de metelos no lavalouzas, o aparello consume pouca auga, pero se facemos isto gastamos o dobre, así que se tememos que os restos queden resecos nos pratos e non lave ben porque imos tardar en poñelo, con coller unha pouca auga nun balde ou nun seno do fregadeiro e deixar os pratos en remollo un rato antes de metelos é abondo. Non hai que enchelo de auga nin deixar os pratos perfectamente limpos, diso encargarase o electrodoméstico.
Se imos lavar os pratos a man, mellor usar o mesmo sistema: todos a remollo en auga, ir enxbonando todos xuntos e logo ir aclarando todos cando xa estean enxabonados. Eu confeso que non teño un bo sistema para lavar a louza á man, agardo que María nos dea bos consellos sobre isto. Eu o que fago é cando os aclaro deixar só un fío de auga no grifo, pero supoño que será mellor se temos un dos senos cheos de auga e os aclaramos alí...

- Ducharnos en vez de bañarnos. E na ducha pechar a auga para enxabonar o pelo ou o corpo. Este é o meu paso pendente, sobre todo dende que teño o pelo longo porque tardo moito en enxabonalo e paso frío se pecho a auga de todo, e ademáis se pecho e tardo en abrir logo volvo perder auga por que sae fría de novo, de momento o que levo tempo facendo é deixar só un fío de auga, pero intentarei agora ue xa pasou o inverno pechala aínda que pase algo de frío. E os cambios de temperatura van ben para tonificar, non? :P
Se tendes bañeira podedes darvos unha ducha co tapón posto e comprobar a auga que aforrades, e tamén se non pechabades o grifo para vos enxabonar, ou se non abrides a auga da ducha a tope.
E xa non falo do famoso lavado "por parroquias", que non sempre temos que meternos na ducha, non?

- Esa auga que sae fría antes de ducharnos podemos recollela nun balde ou nunha garrafa e utilizala para outras cousas: para non valeirar algunha cisterna, para regar as prantas,...
Algunha vez comprobastes canta auga se perde agardadno polo chorro quente? Poir facédeo, incríble a auga que desbotamos O.O

- Beber auga do grifo e encher xerras en lugar de coller auga no vaso sempre que sexa posible.



De momento estas con as cousas que se me ocorreron para aforrar auga no día a día.
Axuda pensar como fariamos as cousas se non tivesemos auga corrente. Se cadra a vós se vos cocrren máis mentres agardamos por María Durán.

Xa decidistes que cambios ides facer vós? Contádesnos?

Pola nosa terriña.

2 comentarios:

  1. Eu fun educada nun aforro case obsesivo en case todos os ámbitos, por economía e por un costume de austeridade. E, sendo de familia castelá, imaxínate coa auga... Por iso non me custa nada poñer a maioría destes consellos en práctica.

    E aínda me lembro de como miña avoa regaba o xardín coa auga que se tiña usado para lavar algo. Pero claro, en lugar de deterxentes tóxicos, tiñamos xabón feito na casa coa graxa do porco...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. montse, nós gardamos o aceite de cociñar en garrafas e cando temos unha chea facemos xabrón que logo usamos para lavar a louza... seguro que ademáis a auga co xabrón é insecticida ou algo.
      Grazas por vires

      Eliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir