De momento vouvos amosar o xersei do botón que comezara en febreiro do ano pasado e rematei en decembro. Ó final non ten botón e loce ben fachendoso unha chapa que trouxo de agasallo a amiga Rosana a un café de fin de semana.

O deseño é o Turmeric da Veera Välimäki, da que me encanta case todo, e ademáis xa teño claro que é a calceta que me gusta, polo menos de momento: sinxelo, que non haxa que prestar excesiva atención, para poder divagar mentres lle dás ás agullas ou para poder ver unha peli sen medo a perder o fío, nin da peli nin das agullas.
Se tendes ravelry podedes ver máis detalles no enlace ó proxecto: a do botón
Un dos propósitos de ano novo foi rematar o que teño comezado, así que agora ando toda feliz porque retomei unha chaqueta que comezara (acabo de ir mirar) o 30 de outubro do 2010 e quedara parada nas mangas un ano enteiro, e quédanme unhas voltas e as tiras para os botóns e xa remato, e a verdade é que senta ben. Outro día amósovos este e outros proxectos eternos e algún máis xa rematado-
E xa vedes que agora teño disparador remoto para a cámara, así podémonos afotar en familia máis fácilmente, que era outro dos propósitos de ano novo.
As fotos son dun día que me atrevín a botar media hora facendo o meu peiteado preferido.

Non queda coma cando mo fai a avoa Olga (nin me quedan os brazos igual, que por pouco quedo inútil media mañá) pero queda probado que sei e que podo, máis ou menos, aínda que non o volva facer máis nunca.





0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada
Conta, conta...