miércoles, 1 de febrero de 2012

Amañar uns chaleques faime feliz

Tamén podería titular a entrada como: por que os amaños deberían ser aínda máis caros do que son.

O outro día (ehem, o outro día vén sendo hai tres semanas máis ou menos) o Moucho preguntoume se quería/podía cambiarlles as cremalleiras a dous dos seus chaleques. Ten moitos chaleques para traballar porque anda o inverno todo en manga curta co chaleque por riba, e o ano pasado pediulle uns novos ós Reis, así que tenos máis novos, (acabo de atoparme escribindo esta xustificación despois de ver á miña nai e a miña avoa queixándose da camisa/zapatos/pantalón tan vello que leva posto meu avó tendo o armario cheo de camisas/zapatos/pantalóns novos que elas lles mercaron e non estreou :D) pero estes gústanlle moito, di que son máis abrigosos, que teñen máis petos... son os seus preferidos, e con iso abonda.

Previo aviso de que nunca fixera tal cousa e que o mesmo os desgraciaba e non podía poñelos máis, a súa resposta foi: "Se non dás posto a cremalleira, malo será que non se poidan poñer uns botóns, e se non van par ao lixo, que non pasa nada". E así con esa confianza de saber que non pasaba nada púxenme a elo.

Primeiro collín o azul porque a min gústame menos e dábame menos mágoa estragalo, e aquí é onde vén o posible título da entrada. Facer o vestido da L debeume levar unhas dúas horas de principio a fin, sacando o patrón, cortándoo, cortando as teas, e coséndoo. Cambiar a cremalleira, só cambiar unha cremalleira levoume exactamente dúas horas, claro que hora e media paseina quitándoa. E bueno, este é un amaño menor, pero amañar uns pantalóns para axeitalos, tendo que descoselos enteiros para ir refacendo as pezas a medida paréceme unha odisea comparado ó doado de cortar e coser, así que por se alguén non o pensara nunca, amañar roupa dá máis traballo que facela, só que gastas menos en materiais, claro, pero máis en tempo.

E unha vez dito isto imos aló, que me lío.

Ó chaleque azul cambieille exitosamente a cremalleira (aínda que a hilvanei e non teño costume, e logo non fun quen de quitar os fíos dos hilváns completamente porque lles cosín por riba :-/ ), e xa posta decidín remendar un burato que tiña nun hombreiro e ocorréuseme coller uns anacos de tea dunha antiga funda de coxín imitando os xerseis de proteción civil (un día se me lembro cóntovos o meu trauma con proteción civil se queredes, que hoxe non sei que teño que me está saíndo un rollo enorme para dicir que cambiei dúas cremalleiras :D), e máis zurcir de mala maneira un buratiño nun peto.

chaleque azul

E vendo o resultado crecinme, así que agarrei o segundo chaleque: o especial. Ó Moucho gústalle porque é distinto, é máis gordo, de loneta, doutra cor e ten moitos petos; e a min gústame porque é desa cor indefinida que entra dentro das miñas preferidas e... porque era o chaleque que levaba posto a primeira vez que o vin, shhhhhh! :D
Por iso non quería meterlle man e estragalo así de primeiras para facer experimentos, porque como me dixo o Carolo un día "é verdade, que ti es desas persoas que lles collen cariño ás cousas". Aínda non teño moi claro se é bo ou malo, pero si, son desas :D

Bueno, vai, preséntovos ó chaleque en cuestión:

17012012-IMG_9527

Visto así tampouco está tan mal, non si? Un pouco gastado por dentro dos hombreiros (mamáaaaa, non mireeeees!)... e algo máis

mosaico chaleque grande

E agora é cando escoito esas voces na miña cabeza:
- Pero e logo non terá outro que estea máis novo? Se mirando seguro que atopa un igual ou parecido, que os ten que haber, se hai ese ten que haber outro igual, é que eso non vale para mirar para el!
Pero evitei ás voces e imaxinei que ademáis de cambiar a cremalleira podía taparlle os "desperfetos" dalgunha maneira así que fun á mercería e pedín ademáis da cremalleira unha fita bies e amosáronme unha de pana verde que me encantou. Fun ós retais (dos que tan mal andamos en Lugo :( ) e só había unha especie de loneta que podía irlle ben, pero era un pouco elástica e non me chistaba moito, e ademáis era unha peza enoooorme e non ma cortaban, así que decidín ir para casa primeiro e rebuscar no montón de teas e prendas para reutilizar por se aparecía algo... e apareceu.
E cando lle contei a miña nai que "sorte que tiña gardado aquel pantalón de pana verde, que me fixera a avoa Marilde cando estaba en BUP e que hai anos que non entro nel e ademáis ten a pana transparente nas zonas de máis roce, porque era perfeto para o chaleque" entón tiven que escoitar certa risiña "Claro! Foi unha sorte, porque seguro que nesa morea de teas que tés na casa non había ningún outro pedaciño de tea que che valese, seguro que era A ÚNICA. Foi unha sorte que tiveras gardado ese pantalón inservible" :D (e agora é cando non lle conto que lle vou quitar o botón e a cremalleira antes de tirar o que quedou del :D)

Bueno, en definitiva:

Ingredientes para amañar un chaleque velliño:
- unha cremalleira (nova, non como a da foto, que é de cando xa lla cambiara)
- fita bies de pana verde
- un vello pantalón de pana inservible ó que tamén lle tés cariño
- un retallo de loneta dun dos mostrarios que me dera anavilat
- fío, tesoiras e agulla

ingredientes

E como xa vistes o antes, agora póñovos o despois.

Mosaico chaleque marrón

Esa raia que quedou no pescozo é a basta do meu pantalón, que tiña tan pouca tea aproveitable que tiven que descosela e usala ata o final se non quería facer o pescozo de retallos ou usar pana transparente. E gústame :)

E o que máis me gustou de todo foi remendar os desgastes minúsculos con anaquiños desa loneta, coséndoos a man, facendo de cadradiños pequenos cadradiños aínda máis pequenos, e lembrándome do traballo de Montse Llamas de Arts & cats.

remendiño

remendos

E é que facer cousas novas ten o seu aquel, pero amañar prendas destas ás que lles tés cariño, aix, isto é aínda mellor, e a min faime feliz e se unes dúas en unha coma desta vez entón xa é a repanocha.

E creo que por hoxe xa está ben, non? Ós que vos gusta ver as fotos sinto a verborrea (epistorrea) que soltei hoxe e os que vos gusta o texto sinto as fotos que vos enlentecen o post ;)

Pero va que quedou guapo o "noso" chaleque preferido?

chaleque marrón despois

9 comentarios:

  1. Ai mamiña que chollo!!!!, se vises os apaños que lle mando eu nos pantalóns de Cris.... dame vergoña.. co teu permiso non vou deixar que Cris mire esta entrada por que sinon vaime rillar os ollos... Pero ti sigue facendo cousas así de xeitosas

    ResponderEliminar
  2. Pois mira, neste mundo onde ó normal é ir ó inditex a sustituir prendas vellas, o verdadeiro luxo é ter un chaleque remendado, dígocho en serio. Mira que non leva valor enriba ese chaleque, entre os momentos vividos e as comeduras de tarro para amañalo! A ver onde atopas algo así en zara. Non ten prezo!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Si, é tal cual iso, non hai outro igual, pero aínda que o houbera toda a historia que tén este chaleque enriba faino único.
      Grazas Anisor

      Eliminar
  3. Hoy me has tenido en un "tris" leyedote estaba impaciente por ver el resultado! Y estaba segura que me iba a maravillar!!! Genial!!

    ResponderEliminar
  4. Pois quedou millor que antes,si señora.
    Estás feita unha artista.

    ResponderEliminar
  5. Ai, que case me quedo sen poder agradecerche a cita que me fas, porque levo un tempo con problemas para comentar en blogger!
    O chaleque quedouche estupendo. Todos os que temos feito arranxos na roupa sabemos o traballo que dá. A min cada vez dame máis perguiza, así que moitas prendas que teño para arranxar/transformar acaban quedando acumuladas nunha pila... Pero me fai moi feliz cando fago algo que non é para min e o destinatario queda encantado de ter algo con tanta personalidade (en realidade o destinatario sempre é o mesmo ;)
    Unha aperta.

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir