viernes, 13 de enero de 2012

Dúas mantiñas e un vestido

Toleei. Fun á tenda de teas que hai preto da casa da avoa Olga e toleei, pero só un pouco porque todo o que toleei foi con vistas.

A L. ten un gusto moi peculiar, cando era pequena, ben pequena, non puiden poñerlle os vestidos que usara a Z. da mesma idade porque non quería poñelos nin á de tres, nin os vestidos nin os leotardos, e se algunha vez colaba o dos leotardos non había maneira de poñerlle máis ca unha camiseta por riba, de vestidos nin falalo. Agora a cousa cambiou, temos unha chea de pantalóns de cando a Z tiña tres anos, e algún vestido... pois os pantalóns van quedar para vestir a outro porque tampouco hai maneira de que queira poñelos. A Z. daquela non quería vestidos porque tiña frío nas pernas, e agora a L. non quere pantalóns que non sexan apretados, nin nos pixamas (que teñen que ser con puño) e mellor se poden ser "os negros que teñen brillante" que son os seus preferidos, fora desas mallas ten que haber sempre duras negociacións e rifas, cada mañá.
Pero os pantalóns tamén van de última opción, o que quere de peimeira son "medias", medias e a poder ser "o vestido marrón". Un deses poucos que herdou da irmá, que á súa vez herdou da amiga S.

O caso é que non sei se lembrades que aí atrás veu onda min a pedirme mentres cosía que lle fixese unha saia coas teas agasallo da Anna, e fíxenlla, e outra para a Z que a puxo unha chea de veces con combinacións anti-frío: por exemplo cunhas mallas gordas, a saia, unha camiseta e un vestido :) Bueno, pois a L, a mesma que pediu a saia en cuestión non quixo poñela máis ca o primeiro día porque resulta que "non ten volantes". E non hai maneira, as cousas van sempre pola mesma orde: medias-vestido marrón-(agora vestido novo que escolleu ela agasallo dos avós)-pantalóns negros con brillantes. E a saia, esa ou outra, ou algún outro vestido non os quere de ningunha maneira.

irmás
Os famosos pantalóns negros brillantes que nin son negros nin brillantes, os brillos están nos puños e na cintura, o resto, xa vedes, é gris, e non puiden resistirme a poñer esta foto aínda que non sexa moi ilustrativa dos pantalóns :)

Así que con esta sistuación ocorréuseme que podía mercar unha pana semellante á do vestido marrón e copialo tal cual, un pouquichiño máis ancho porque lle vai algo xusto e a ver que saía, pero estando na famosa tenda de teas vin tantas cousas que non puiden resistirme a outra tea máis para outro vestido igual, por se o pon, unhas teas de punto para facerlle unhas saias á Z. e unha tea de terciopelo a raias para facer de agasallo a un novo bebé.

Como vedes cadansúa tea xa co seu fin pensado...

Ó final cambiei de idea e para o bebé pensei noutra cousa, pero xa que tiña a tea e a Z. tivera de agasallo unha mantiña de terciopelo que foi a súa preferida moito tempo e segue a ser coa que sempre quere xogar na casa, decidín facela igual e poñela a vender na tenda xunto con outra que fixen coas teas infantís.

manta 1

mantiña raias 5

Unha das saias da Z. está case feita, pero sospeito que quedou algo estreita, así que non sei se terei que refacela de novo, xa vola amosarei cando estea rematada de todo. E fixen tamén un dos vestidos para a L, non o da tea principal, da pana, o da outra. Ó principio pensei que como a tea era máis escasa, se me sobraba podíaa usar para poñela de forro no de pana, por iso decidín comezar por este, aínda que ó final de forro é moi grosa e non a vou poñer.


vestido 4

vestido 2

vestido 5

vestido 3

As fotos son un pouco aburridas pero aproveitei que facía as das mantiñas para poñer o vestido tamén no mesmo sitio, que sempre ando pola casa á busca de luz e dun sitio onde colgar as cousas para que se vexan.

Teño que aprender (agardo facelo mellor no de pana) a non ensanchar de máis. Para facelo un pouco máis ancho púxenlle 1 cm máis a cada lado da traseira e máis da dianteira, co cal o vestido xa levaba 4 centímetros máis que "o vestido marrón", pero á hora de coselo deume medo que fose pouco aumentarlle (porque non teño nin idea) e decidín deixalo aínda un pouco máis ancho, e resultou ser anchíiiiiiiiisimo, e como me quedara tan ben cosidiño e estaba xa rematado dábame medo que se o desfacía non me quedase así de curriño, así que en troques de o descoser enteiro púxenlle unhas trabillas da mesma tea e improvisei un cinto colorido con camisolas vellas de punto... e dálle un toque especial, non?
E eu estou toda fachendosa do feitiño que me quedou.

Agora seguro que a L. decide que os volantes xa non lle gustan, ou que é moi frouxo, ou vai ti saber... pero mentres eu aprendo, non?


Nota: resérvome a foto do "vestido marrón" para cando toque botar a lavar os "pantalóns negros brillantes" e así de paso non podedes cuestionar se a miña copia non garda parecido ningún co orixinal ;P

2 comentarios:

  1. Que giro que ficou o vestido! Gosto de como evidenciaste as cores do tecido através dos botões e o cinto! :)

    ResponderEliminar
  2. Merquei ese tecido animada pola miña mae e chegand a casa vino moi clásico para o meu gusto, tíñalle que facer algo.
    Obrigada polo comentario e pola visita, Concha :)

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir