lunes, 12 de diciembre de 2011

Organizando os retallos

Dende que me deu por coser ó grande e facer a colcha da Z. funme xuntando cada vez con máis retallos e para alguén cun incipiente dióxenes coma min cada miniretalliño que semella totalmente inaprobeitable ten unha función... e non son quen de tiralos. Así me vexo de súpeto con 4 montóns de retallos "clasificados" polo temaño ou polo material e todos por riba da mesa, así que cada vez que coso algo coa máquina quedan todos desbaratados.
O caso é que se me ocorreu facer unhas caixiñas de tea usando (tamén) retallos de teas máis grosas, de tapicería e semellantes, que me deran a avoa Olga e a avoa Marilde e que seguían sen usar agardadno atopar unha función para elas.

Deume a arroutada xa entrada a noite e decidín facer unha para comezar, aínda que quedase fea, aproveitando todo o que puidese. Así collín retallos de 3 teas distintas, pensaba facer unha crus, pero non me chegaba a tea para cortala directamente, así que fixen 5 cadrados para a parte de dentro e 5 para a de fora e algúns deles incluso os tiven que facer unindo anacos tamén.

Cando xa tiña as dúas partes feitas e só me quedaba unilas pensei que tería que poñerlle algo de boata para darlle corpo porque ó ser teas gordiñas, e algunha dobre non lle puxera entretea xa que pensei que terían corpo abondo para termar da caixa sen se dobrar, pero non foi así. Estaba pensando niso e llo comentei ó Moucho e me dixo: e por que non a colgas da estantería? Así non necesitas que quede tesa.

Así que lle puxen un par de asas e, aínda que as teas non son do meu gusto, a verdade é que nunca agardei que quedase tan curriña :)

cesta retallos

cesta retallos

no seu lugar

Nesta última vese o fondo feito por tres pezas, e se mirades dentro hai outras cantas máis... bueno agora se mirades dentro non veredes máis ca isto

chea

que xa está case chea de restos de boata... coido que en breve se impón a necesidade de facer un coxín :P

2 comentarios:

  1. Miña nai tamén facía eso, e cos retallos más chulis eu cosía vestidos para as miñas Barbies (algún ata me quedou chulo). Así que non tires nada das teas, que non sabes qué nova afición poden ter as pequenas ;)

    ResponderEliminar
  2. Ai, eu tamén coñezo esa manía de non tirar as telas. Gardo de todo, aínda que non me gusten demasiado. Sempre penso que do feo podo sacar algo interesante. Pero chega un momento que unha non dá abasto...

    A túa bolsa quedou moi chula!

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir