lunes, 31 de octubre de 2011

Tasca do liño en Ínsua

Alá fomos pasar o día, todo o sábado na festa organizada polas mulleres da Asociación San Bartolomeu de Ínsua. Pasámolo xenial e eu cada vez estou máis namorada destas tradicións de antes, do saber tradicional, do coñecemento do entorno e dos procesos manuais, e tamén da linguaxe que os acompaña. Anxo, un dos amigos cos que compartimos festa, suxeriu que podería saír un bo documental dalí, non do procesado do liño (que seica xa existe aínda que aquí non o coñezamos, á irmá de Tecelá llo puxeron nas súas clases de corte e confección en Lleida) senón de vivencias e de vocabulario, de etimoloxía das palabras... agora vos conto algo máis porque eu non me quedei máis ca cos nomes principais e para iso non sei se estarán ben.

O liño seméntase en abril e recóllese en xullo (nós collemos unha presada de sementes para ver de sementalo o ano que vén), logo métese no río por días e déixase secar, unha vez seco comeza o proceso que vimos o sábado en Ínsua, en Vilalba.

Primeiro rípase, as prantas secas pásanse por este peite xigante para quitarlle ás flores e quedar só cos talos de onde se saca a fibra para o fío.

29102011-IMG_7983

Logo hai que quentalo, antes poñíase ó sol, agora seica o quentan no forno este día, ó estar quente hai que amazotalo, pasalo por este aparello que aplasta e trilla a pranta separando a casca que vai caendo ó chan e quedando só coa fibra máis suave. Tralo amazotado xa se lle quitou o máis gordo.

29102011-IMG_7988

Logo, con esa fibra xa bastante suave táscase, sentadas nuns banquiños nos que hai colocada unha especie de quilla vaise fregando a fibra e as cascas máis finas van caendo quedando só o de maior calidade.

29102011-IMG_8009

Logo peitéase, supoño que coa función de que a fibra quede máis "ahuecada" antes de pasar por fin ó fiado.

29102011-IMG_7961

O fiado pode ser con fuso e roca, ou ben cunha roca de roda, na que as mulleres estaban a fiar la que tamén preparan dende o comezo ata a fin, das súas ovellas.

29102011-IMG_8010

29102011-IMG_8025

29102011-IMG_8006

E de aí ó tear, e á roupa, o proceso completo.

29102011-IMG_7992

O bo da festa, ademáis de vela foi poder probalo, ás cativas e máis ós dos amigos lles encantou, o P., con 4 aniños, ata fiou mellor ca súa nai segundo as mulleres da tasca :P

tasca liño

E á hora de xantar, sinto non poder poñer fotos porque me adiquei a comer, que rico todo: filloas, liscos, xamón cocido, chourizos e de postre cacho, o que noutros sitios chaman sopas, que a avoa Carme nos dixo onte que a síúa avoa facía moito polo Nadal e que eu non probara nunca e me pareceu delicioso: leite con pan e azucre, pero non só mesturado e quente, senón cocido todo na pota, co azucre lixeiramente caramelizado, o pan brando envolto nesa cobertura doce... mmmmm!!! E para rematar o mellor requeixo do mundo. Nin unha foto do xantar, adiqueime a comer :)

E logo de botar alí media mañá, enredar pola tarde vendo os postos de artesanía delas mesmas e doutros artesáns dos que tamén puidemos aprender cousas novas, como por exemplo a función deste utensilio do que non sei o nome, pero que se usaba na sega para protexer tres dedos da fouciña mentres o miñique e o polgar quedaban libres para termar da palla.

protexe dedos

Ou ver traballar a un zoqueiro

zoqueiro

A Z. segue namorada do traballo no torno coa madeira, foi directa cara alá en canto chegamos e botu alí a maior parte do día mirando cómo traballaba e logo xogando coas virutas. O torneiro agasalloulles cunha flor feita cuns restos e pintada de cores para cadanseu neno, e Cris escoitaba a conversa que tiñan xusto a continuación a Z e máis a A.:
- Eu quería unha - dicía a Z.
- Pero Z, se xa tés unha.
- Non! Unha flor non, unha máquina!

:) A min faime ilusión que lle gusten os oficios artesáns, aínda que imaxino que dentro duns anos xa non captarán así a súa atención.

E para rematar a festa mercamos unha madeixa de la, preparada, fiada e tinguida por elas.

la

E despedímonos coa queimada nun cabazo, celebrando o samaín cunha comitiva de bruxas e demáis espantos saíndo do cemiterio en fronte co campo da festa e contando contos xunto o alcol ardendo.

queimada cabazo

Só podo dicir que xa teño ganas de volver, coa mesma boa compaña, o vindeiro ano. Grazas amiguiños!

E un aplauso de admiración para esas supermulleres traballadoras e sabias, para que sigan celebrando e compartindo o seu saber con todos nós, aínda que non sexamos moitos o cento de persoas que estivemos por alí de ben seguro que o apreciamos.



5 comentarios:

  1. Las fotos tienen una pinta estupenda. Seguro que lo pasasteis de maravilla.

    Me encantan este tipo de ferias tradicionales. Cuando voy siempre me quedo embobada delante de los artesanos como si fuera una cría...

    ResponderEliminar
  2. Envidia que me das... me encantaría ver el proceso en vivo y en directo... Bueno, vale, también me conformo con ese reportaje fotográfico tan lindo que has hecho... ;)

    ResponderEliminar
  3. Nutsue, y nosotros... bueno, no que nos dejaron hacer y eso es aún mejor :)

    Adijirja, vente! Para el año os venís de vacaciones a verlas ;)

    ResponderEliminar
  4. Non coñecía esta festa. Tomo nota para outro ano. Paréceme estupendo que se celebren máis tradicións que somentes as culinarias...

    ResponderEliminar
  5. Qué fotos más chulas! Me alegra que lo pasarais bien y a ver si el año que viene nos enseñas un ovillito de lino ;)

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir