sábado, 5 de marzo de 2011

L

Fíxose grande, tiven pensada tantas veces una entrada do L-nario e tantas veces se me quedou sen escribir que a súa maneira de falar xa cambiou moito, xa non lle chama tuto ó columpio, e desta aínda me lembro, outras moitas quedaron polo camiño :(
Pero aínda estou a tempo de contarvos o que di agora:
Houbo una temporada, hai cousa dun mes ou algo máis, que comezóu tatexar, ás veces atascábase na mesma sílaba repetíndoa durante un minuto seguido, que difícil é agardar con calma e darlle tempo a que remate o que ten que dicir! Uns días máis e outros menos, non o facía máis en ningunha situación determinada, pero si que había momentos no mesmo día en que era esaxerado… así como veu volveu marchar, non sei se aparecerá de novo, pero de momento foise o tatexo.
O que hai agora mais característico na sua maneira de falar é o darle a volta ás sílabas, e así:

- matú: mamut
- méquido: médico
- camalelo: caramelo
- motatitos: tomatitos (si, xa chegou o -ito tamén á nosa pequena)
- velá: levar
- camalado: calamardo
- cusuliti: hello kitty

As últimas incorporacións grazas á irmá, claro.

É máis doceira que a Z, o que para a nai lambona que teñen é un alivio porque semella que hai máis excusas para facer doces… aínda que o único que coma sexan as masas (niso débese parecer á nai :P)

L6

Séguelle a encantar poñer gorros, e tivemos uns días atrás, cando fomos mercar un novo gorro para a piscina para a Z e tivemos que mercar outro para a L, en que pasou días con el posto a todas horas, do dereito ou do revés, porque todo "o poño eu!!!"

L2

Ata houbo intentos cunhas gafas de mergullarse vellas que andan pola casa dende hai tempo… así é como aprenden os cativos: a irmá pon as gafas para ir ó cursiño na piscina e ela copia, aínda que cando imos á piscina non as queira e sexa para andar na casa

L5

Últimamente o que máis escoito é que cambiou moito, que lle cambiou a cara, que está grande, que xa semella una nena… e debe ser certo aínda que nós non o apreciemos de estar con ela todas as horas do día.

L3

Pero que se fixo grande si o sabemos, que xa comezamos coas perrenchas de nena grande.

L1

Non sei se lembrades que a fináis do verán pasara una temporada xa praticando, pedindo moitas veces para facer pis. Despois veu o frío, os cueiros de tea lle quedaban pequenos e eu tiña que mercar cobertores novos, e como cada vez que quería facer pis quería quitalos e para poñelos de novo tiña que estar deitada e non quería, ademáis tiñamos un problema coa caca, porque no váter lle daba medo, así que para iso si quería o cueiro, e aínda non tiña a situación controlada de todo, así que para ir no coche tamén o tiñamos que poner, ou cando se quedaba durmida… o caso é que eu pensei que tiña moitas trazas de deixalo axiña, e non me compensaba buscar a estas alturas otro modelo de cueiro de tea que se axeitase á nova situación, así que nos pasamos ós de desbotar… e deixou de pedir. En canto puxemos os cueiros desbotables deixou de pedir para faces pis. Eu pensei que o fastidiara eu, e lembrei o que pasara coa Z, a Z comezou cos cueiros de tea máis grande que a L, cuns 9 meses ou así, e usounos ata o ano e medio, entón nos pasou algo semellante: necesitabamos cueiros novos e eu pensei que xa nos quedaría pouco de cueiro, ilusa de min, aínda cría que ós dous anos os nenos e as nenas automáticamente deixaban os cueiros, e botamos usando cueiros desbotables ata os 3 anos e 4 meses, pouco despois de que nacera a L. Lembreime daquelo e pensei: vólveme pasar o mesmo, cámbiome ós cueiros desbotables e agora vou botar case dous anos máis enchendo o lixo de cueiros… pero esta vez non. Hai máis dun mes que a L volveu pedir quitar os cueiros, quería braguiña, como a irmá. Durante os dous primeiros días, en pleno inverno, case quedo sen roupa limpa, seguía sen querer cueiro, pero eu non sabía se podería seguir así se non controlaba nada ou tería que mercar roupa ou volverlle poñer cueiros porque non me daba tempo a lavar e secar… pero entón ó terceiro día comezou a anticipar cando ir ó baño, e así seguíu, prácticamente sen ningún pis máis agás os primeiros días, ata hoxe. Ademáis non quixo durmir con cueiro de noite cando levaba unha semana sen mexar de día, así que non llo puxemos, forrei a cama por se acaso e efectivamente e metade da noite espertou chorando porque mexara, volveu pedir o cueiro para durmir á noite seguinte, pero pasou un mes e eu me decatei de que cando era eu a que lle cambiaba o cueiro pola mañá estaba sempre seco, entón lle preguntei ó Moucho e me dixo o mesmo, que lle parecía que non volvera mexar de noite, e probamos e levamos dúas semanas sen usar un só cueiro máis, nin día nin noite, máis dun ano de diferencia coa Z. Non sei se é hereditario en parte, se inflúe o feito dos cueiros desbotables, se non, o que está claro é que cada nena é diferente e hai que tratala así, coma unha persoa diferente.

Así que vai ser certo, que se nos fai grande, a nosa pequena :)

L

2 comentarios:

  1. Buff, pois si que está grande, si. Pero está preciosa tamén, as fotos que puxeches son chulísimas. Agora só toca desfrutar desta nova etapa e de todos eses "adiantos" que nos contas e que tanto me gusta ler ;)
    Un biquiño grande, grande como a pequena!

    ResponderEliminar
  2. Grazas Sabeliña! :)
    E seguiremos gozando das novas etapas :)

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir