lunes, 21 de febrero de 2011

Días grises

Por sorte o virus non atacou moi forte, un día e medio con febre, pero ver á Z. un día enteiro durmindo no sofá, co fervelliño que é xa chega abondo.

maliña

Pero o certo é que os días pasados foron grises, houbo unha paréntese o sábado pola tarde, cun sol esplendoroso e saíndo a pasear por turnos (dous adultos, dúas pequenas e dúas cadelas - dous adultos, dúas pequenas, un can e unha cadela) pisando moitas pozas, indo ver un cabalo,... pero foi a raiola de luz estes días.

Así que estando todo o día na casa e coas pequenas, tendo dous minutos libres cada 5, ocórreseche facer cousas que non se che ocorrerían normalmente, como por exemplo rehabilitar o libro de receitas caseiras.

Os meus libros de receitas non teñen sorte: primeiro tiven unha libretiña desas verticais de espiral, en cor azul, a avoa Olga ma mandou coa equipaxe cando marchei estudiar fora con todos os imprescindibles e algúns extras, pero manchouse, aplastouse a espiral, lle quedaban poucas follas,... o caso é que como me gustan as cousas de papelería un día (seguramente un día gris) se me ocorreu mudar as receitas para unha libretiña nova, e fíxeno.
Pero non sei por que razón a libretiña comezou a desmembrarse, e coa chegada da tecnoloxía ó meu fogar se lle foron engadindo receitas impresas nun folio calquera (aproveitados, iso si, polo outro lado da folla pode haber calquera cousa).

libro desfeito
Así que agora me pareceu un bo momento para cambiar, e como non podía saír mercar esta urxencia, e era moi urxente, pois se me ocorreu reutilizar... e que había na casa? Libretas grandes tamaño folio, moitas pequeniñas de tacos de notas, ou micro (macro) perforadas que se soltan soas,... e axendas. Todos os anos ó Moucho lle dan algunha axenda de publicidade. A Z. e a L. as teñen como "os seus libros de escribir" e dentro hai de todo :), o Moucho este ano colleu unha tamén para a horta, pero aínda así quedaban varias e se me ocorreu que estas seguro que son máis resistentes que o último libro de receitas, se están pensadas para trotar a diario e levar enriba "maltratadas" así que me puxen a elo.

libro novo

O malo foi descubrir que levamos anos sen facer moitas das receitas de comida que teño apuntadas porque a Z. (a L. un pouco menos) é bastante exquisita. Non se trata de que coma moita cantidade, pero hai unha temporada que a variedade de alimentos ou comidas que come se reduciu bastante, así que nos vemos cada semana comendo prácticamente o mesmo, cambiando polo por xato, arroz por pasta,... xa vos imaxinades. Nin guisos, nin pratos de culler que non sexan unha sopa limpiña, nin os pratos especiados ou picantes que nos gustaban ó Moucho e a min antes das Tartarouchas, nin legumes (que só van disimuladas na salsa de tomate da pasta)... e mirar todas as receitas xuntas foi moito. Sei que non hai fórmulas máxicas para que gusten de variedades de comida, nin sequera as irmás teñen os mesmos gustos, e teñen unha alimentación variada, comen de todos os grupos de alimentos, pero poucas combinacións... se tivese unha variña máxica nisto si que lles daba un toque con ela...

Por suposto, non fixen máis que comezar co libro, creo que non cheguei a cubrir dez páxinas aínda, pero xa irá, pouco a pouco.
O domingo, despois da nosa raiola de sol particular, o ceo se puxo gris moi escuro

día gris

e caeu moita chuvia, e despois moita saraiba, así que non houbo paseo.

chove

e saraiba

[Vistes o que fai a chuvia (ou a saraiba) coa saturación das cores? Tiña que poñer estas fotos porque se ve tan ben... :) ]

E xa que iamos pasar o día na casa e que unha estaba inspirada, se lle ocorreu facer unha das receitas do libriño: puré de garabanzos con espinacas e salchichas frescas. E non se lle ocorre a unha outra cousa que en vez de botar as espinacas ó final botalas antes de tritutalo e facer un bonito puré verde. Nin sequera o prato verde conseguiu disimular o puré verde, así que o resultado foi: dous adultos rebañando o prato e dúas nenas que comeron exactamente dous e un anaco de salchicha cada unha, e unha e ningunha proba do puré :-/ e o resto do día preguntando que podían comer, claro.

Pero estaba ben rico (aínda que as fotos non o digan) e darse o gusto un día sen ter que facer dúas comidas e concienciados do que ía pasar a continuación mereceu a pena.

puré de garabanzos

E aínda nos quedou unha tarde enteira para ver unha peli, darnos aloumiños,

aloumiños

aloumiños 2

ler libros novos e calcetar, e probar a poñer as alfombras peludas quentiñas enriba dos sofás fríos de coiro, entre outras cousas e antes de que chegara a hora da cama

contos e calceta

Hoxe volvemos á rutina, e veremos se mañá non nos erguemos co noso segundo virus escolar, porque hoxe fomos as tres as que nos fomos á cama con "dor de barriga" (é que eu me deitei e me erguín, como boa nai :) )

Volveremos :)

[Nota: o resto das fotos case son un exemplo do horror da luz artificial :-/, pero é a proba de que o ceo estaba moi escuro, non?]







1 comentario:

  1. Que entrada gris máis chula, Tartaruga. E falando de escribir... que foi da lercha?
    Un biquiño e que sigades gozando de moitos días tan chulos coma este ;)

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir