miércoles, 8 de diciembre de 2010

Preparando o Nadal

Teño que confesar que me custa, o Nadal me custa.
Lembro que de pequena era todo ilusión, pero agora vexo despilfarros por todos lados, tantas luces, tantas cousas inútiles que non queremos, tantos cartos, tantos xoguetes innecesarios... este ano debatinme entre transformar o Nadal tradicional na festa especial do solsticio de inverno, dicirlle ó Papá Noel, que era o que celebrabamos na nosa casa para poder xogar durante todas as vacacións de Nadal cos novos xoguetes, que non pasara pola nosa casa, que aquí nos encargabamos nós de facernos agasallos uns ós outros para poder regalarnos cousas feitas por nós, ou máis persoais, para que as pequenas lles deran máis aprezo, e crear novas tradicións... pero finalmente semella que Papá Noel virá este Nadal á nosa casa.

Imos permitirnos, polo menos ata o vindeiro ano, inxectarnos enerxía de Nadal; facer listas de agasallos para que Papá Noel non traia nada innecesario, tamén para os maiores; ímonos perdoar un pouco as luces, sen pasarnos, porque a verdade é que só esas luciñas na árbore nos crean esa sensación de que é unha época única.

E imos intentar facer do Nadal algo máis que a ilusión pola chegada dos agasallos con Papá Noel, imos facer que a preparación, as tradicións da nosa familia sexan o importante.

Así que para írmonos preparando fixemos entre as tres un enfeite para este Nadal, e aproveitamos esta entrada 400 para convidarvos a facer unha manualidade sinxela apta para (case) todos os dediños.

Perdoade esta primeira foto desenfocada, os materiais son moi sinxelos: feltro de cores, tesoiras, arame de metal, bolígrafo... e nós usamos a maiores unha agulla de la para facilitar o traballo pero non é imprescindible.

materiais

Cortamos tiras de feltro duns 5 centímetros de ancho, a ollo, marcamos unhas liñas para ir cortando cadrados de aproximadamente 5x5 centímetros, e as pequenas coas tesoiras foron cortando, unhas veces máis preto das raias ca outras :) O bo é que axuda que os cadrados sexan irregulares, así que fixeron xenial o seu traballo.

5 decembro {advent calendar}

A segunda parte do traballo consiste en facer un aro co arame, como queiramos de grande, e ir introducindo os cadrados sen moita preocupación de que vaian furados xusto no centro. Nesta fase as Tartarouchas decidiron que xa fixeran abondo e tras axudarme un rato dándome os cadradiños decidiron que mellor me deixaban seguir a min mentres saltaban sobre os cadrados e facían chuvia de cores :) ata que decidiron abandonar o feltro definitivamente pola lectura

lendo

(Usei a agulla de la para ir facendo un furadiño nos anacos de feltro e que introducilos no arame fose máis sinxelo)

E cando estivo rematado e descubriron que era unha coroa se volveron animar a participar nas fotos.

e isto que dis que é?

coroada

na porta

A miña idea inicial era facer a coroa branca como base e con algún chisquiño solto de cores, pero a nosa porta é branca, así que ó final optamos polo tradicional e aínda que non se asemella ó que tiña en mente no primeiro momento agora me encanta! Creo que incluso vou facer desta foto a nosa felicitación de Nadal deste ano :)

6 decembro {advent calendar}

Se ides facer algo semellante non dubidedes en amosárnolo, que nos ha facer ilusión... e preparádevos, que vén o Nadal!

8 comentarios:

  1. Nós conseguimos desterrar a Papa Noel, polo que representa e significa e por que o carroucho grande non deixa de dicirlle o carroucho pequeno que é un invento da Coca-cola e non sei a cal das dúas cousas lle terá máis manía XD pero claro... a figura do Apalpador chegou no momento xusto e preciso para sustituir un polo outro... e que millor algo noso para sustituir a algo alleo. A vosa casa seguro que chega moito antes que dendo o Caurel quedadeslle de camiño!!! Que ilusión!!!! seredes dos primeiros en recibir os agasallos e o poutadilla de castañas do Apalpador!!!!!!
    Mil bicos de mel e apertas de buxo!!!!!

    ResponderEliminar
  2. quixen dicir poutadiña... entendeuse non!?!?!?
    ;)

    ResponderEliminar
  3. E se o cambiades polo Apalpador? que lle palpa as barrigs @s neniñ@s e ademáis fai regalos artesáns :)

    ResponderEliminar
  4. pero mira que vos quedou chulo o adorno!! sodes unhas artistas!! encantame!

    ResponderEliminar
  5. Hola son María Taboada...que blog mais feito...gústame...

    Vou ver se a fago eu tamén esa coroa...xa te ensinarei as fotos ;-)

    O Apalpador...a miña casa debe vir seguro...está en Samos...(nin o coñecía...)

    ResponderEliminar
  6. Outro bo traballo para compartir.Moitas grazas. E eu,dende logo que manadaría a felicitación das festas con esa foto tan feitiña!!
    Saudos
    lola

    ResponderEliminar
  7. Non nos atrevemos este ano, xa veremos para o vindeiro, moitas grazas polas ideas :)

    Agardo ver esas coroas se finalmente as fixestes :)

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir