jueves, 23 de septiembre de 2010

Cosendo

Hai máis dun mes que me propuxen facerlle á L. uns destes pantalóns dos que me namorei ó velos, son sinxelos, pero ese parche arriba dálles un toque, e ó seren reversibles tamén as voltas da perna noutra tea lle quedan ben.

O caso é que non tiña ningún pantalón que lle valese á L. cos cueiros de tea, así que o primeiro improviseino totalmente, e resultou ser do tamaño perfeto para a Z. Xa non o fixen reversible, pero a Z. quedou encantada porque está cheo de corazóns e ten rosa (buffff! :) )

Despois, e antes de estropear a tea facendo outro patrón improvisado, decidín probar primeiro facendo pantalóns de pixama coas sabas vellas, como xa fixera aqueles da Z. que lle encantan. E por fin conseguín un patrón axeitado para que o avultado cú da L. collera dentro, así que me puxen co pantalón e saíu así.

pantalón dentro

pantalón fora

O caso é que despois dun mes de probas para que o cueiro entrase sen problemas no pantalón, de súpeto e pillándome totalmente por sorpresa a L. dixo que non quería o cueiro e comezou a dicir que quería facer pis no váter. Despois de que a Z deixase os cueiros xa pasados os tres anos e que a L non teña aínda os dous me ten aínda incrédula, pero é o seu ritmo, non si? Trato de seguilo.

Total que o pantalón que eu fixen para meter un cueiro xigante dentro agora ten un cuíño minúsculo e lle senta tal que así (cunhas cantas voltas arremangadas na cintura)

ela

Mal non quedou, semella feito adrede, así bombacho e de tiro longo, como os "cagóns". Pero vou agardar deica a primavera a ver se seguimos cos cueiros ou non antes de facer os outros para os que xa tiña tres teas escollidas.

arriba

Os pantalóns de pixama seguen a necesitar que lles poña a goma na cintura, e que remate todos eses fíos (tiña tantas ganas de facer "os de poñer" que en canto os probaba non seguía adiante con eles) pero o outro día me decatei de que tiña pantalóns e non camisetas, así que me lembrei deste tutorial de Dana Made para facer unha casmiseta co pescozo como o dos bodies, que non dá problemas á hora de meter a cabeza, así que collín unha camiseta vella do Moucho que estaba na morea para facer cueiros e máis un retallo que me dera a bisavoa Marilde e tal e como di ela: fíxena en menos dun par de horiñas pola noite, cunha interrupción para redurmir pequena polo medio e tendo que fabricar a plantilla. Moi sinxelo e o resultado xenial!

pixamas

Teño que facer máis, se tan só tivera máis tempo para todo o que quero facer... :)

3 comentarios:

  1. Dá gusto velas medrar e que non lles sirva a roupa.
    Tés un premio no meu blogo.

    ResponderEliminar
  2. como me gusta a ideas dos pantalóns!!!! bueno... e a camiseta xa nin che digo!!! xa teño regaliño para o sobriño que esta por chegar!!!! ;)
    Doces bicos de mel.

    ResponderEliminar
  3. paideleo, moitas grazas! Sempre andas pendente de todos, eu sei que non son unha blogueira modelo, vos miro, pero o tempo non me dá para máis. Un biquiño grande.

    Ai, como gusta ter sobriñiños ós que facerller aloumiños e agasallos :)

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir