miércoles, 18 de agosto de 2010

Nun cesto

Gústanme os cestos, e máis me gustaría saber facelos. Algunha vez estiven a piques de apuntarme ós cursos de cestería que se organizan dende o concello ou algunha asociación, pero ou non chegaba a tempo, ou os horarios eran imposibles... atopei tamén unha revista en internet hai tempo sobre cestería en papel, encantoume!!! Gardeina no ordenador agardando o momento axeitado para poñerme a ler e descifrar os debuxos... pero non chegou.

O caso é que xusto antes de marchar de vacacións unha rapaza que vén polas reunións do grupo de calceta ofreceuse a darnos un obradoiro de cestería con tetra-bricks e esta vez si puiden ir. Pasámolo moi ben, un par de horiñas lercheando entre mulleres (si, todas mulleres, tamén había un rapaz, pero non se atreveu coas tiras de tetra brick) rindo e facendo un marabillosos cesto.

11082010-IMG_1263

Si, xa, igual son un chisco esaxerada, pero é que cheguei a casa tan contenta e tan orgullosa do meu cestiño... pensei que resultaría moito máis complexo, e ten o seu aquel, pero dende logo con alguén que cho explique ó carón e en boa compaña apréndese logo e é super entretido.

O que máis mágoa me deu foi deixalo abandonado enriba do mesado da cociña ata a volta das vacacións, co chulo que era e eu sen atoparlle unha utilidade antes de marchar...
Á volta das minivacacións pasamos por casa dos avós Moucho, e viñemos cargados de cousas ricas, coma sempre. Ó chegar a casa, xa de noite, eu levei ás nenas á cama mentres o Moucho descargaba e colocaba as cousas.

Pola mañá cando nos erguemos, abrín a neveira para coller algo para almorzar e púxoseme un sorriso: alí estaba o meu cesto, sendo útil :)

11082010-IMG_1257-2

Van ter razón os cesteiros que segundo nos contou Flor, a rapaza que nos aprendeu a facelos, din que os cestos non necesitan ter unha utilidade antes de facelos porque é deixalos á vista e de seguido lles aparece.

Faremos máis, aínda que só sexa por non nos esquecer de como se fan ;)

7 comentarios:

  1. eu nas miñas vacacións o ano pasado, pasei uns días na casa de meus pais só por ir polas tardes a casa dun amigo deles que fai cestos, cabaceiros... e ver como traballaba. Tamén me gustaría moito aprender a facelos, gustaríame en realidade aprender a facer moitas das cousas que sabían facer os nosos maiores.
    Bicos de mel con apertas de buxo.

    ResponderEliminar
  2. por certo, coñecialos?
    http://www.urgz.org/ eles tamén fan cursos e non só de cestería.

    ResponderEliminar
  3. pero ¿non pesas facernos un tutorial para poder ter nós onde poñer os ovos????

    ResponderEliminar
  4. ai que precioso, pero segue habendo reunión, ains, avísame se sabes dalghunha próxima, aínda que non pida moito un teíño quizais sí caiba, bcs, encantame o cesto

    ResponderEliminar
  5. anavilat a min tamén me gustaría aprender cousas de antes, esa páxina pinta moi ben! Grazas polo enlace

    anónimo, se te identificas, o pides con ganas abondo, hai xente interesada abondo, e dou sacado tempo igual igual ata o fago ;)

    Olivia, claro que hai reunións! Todas as semanas! Mira no grupo de ravelry, eu vou poucas veces e coas pequenas fago pouco ou nada :)

    ResponderEliminar
  6. Que chulo!! e coñecedes a versión con papel de xornal ou revista??? o resultado é incrible, super sólido e ademáis daslle vida aos xornais vellos.Se estades preto das praias de Marin ou Cangas, convídovos os obradoiros que estamos a facer :)

    ResponderEliminar
  7. mariaD, sí, claro que as coñezo, e pódese facer exactamente igual. Unha mágoa non estar por aí pretiño, polo mar e polos obradoiros :)

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir