viernes, 13 de agosto de 2010

Da praia

Voltamos da praia, pasámolo moi ben, e tivemos unha semana enteiriña de sol e calor, que xa sabemos que non é o máis habitual por estas terras.
Eu ademáis sentín morriña... tiña moitas ganas de mar, de praia, de pisar a area, de conxelarme no noso océano, de ver "a miña praia",... e quedei un pouco triste de ver que xa nada é coma antes.

02082010-IMG_0859

Cando eu era pequena, e non tan pequena, pasabamos os veráns na mesma praia, sempre o mesmo mes na mesma zona. Eu tiña unha praia preferida, agachada atrás das canas, tiña a area finísima e miña nai (daquela non avoa Tartaruga) non quería ir pola mesma razón que a min me encantaba. Cando sopraba un pouco o vento, que non era raro, as areas sacudíante nas pernas coma alfinetes, e era imposible despegalas, así que voltabamos a casa todos cheos de areas, ela incluída, e non lle chistaba. Os adultos preferían a praia grande. Teño que recoñecer que tiña algunha cousa boa: as ondas enormes nas que nos metiamos na auga, ás veces con bandeira vermella papá e máis eu, os paseos matutinos todo o longo... pero a min non me gustaba: tiña anacos de cunchas en troques de area, non había rochas nas que xogar, había moitas fanecas, a area non valía para facer aquelas figuras preciosas que facía papá, e... era demasiado grande para ser "miña".
Gustábame a miña praia pequena, de area fina, chea de rochas con nomes: o trampolín, que máis ben tiña forma de tobogán e dende a que sabiamos que coa marea a certa altura era seguro tirarse de cabeza nun fondo despexado e profundo,

o trampolín

o mono, dende onde se tiraba tamén algún outro máis profesional (e máis tolo tamén) ca nós; o camelo, sen forma de camelo e no medio da praia, onde se formaba unha pociña na que poder buscar animaliños atrapados polas mareas; a cova, rodeando a península. Pola península podías pasear entre suculentas e ir á parte de atrás, onde sempre había algún pescador e silencio para escoitar o son da auga batendo nas rochas.

A praia do medio non nos gustaba a ninguén, a area era gorda, non tiña rochas, o mar estaba sempre calmo, chea de dornas e de algas, na beira eran desas verdes e filamentosas, e baixo as barcas desas marróns altas que semellan mans, e con tanta pendente que a auga te cubría nada máis dar dous pasos...

Máis grandiña tiven alí unha pandilla de verán coa que pasabamos as tardes entre as rochas ás que chamabamos polo nome.

Voltamos, e as cousas cambiaron tanto que ata me deu mágoa que a praia do medio xa non tivera as cousas que tan pouco me gustaban. Daquela chea de barquiñas, quedaban apenas catro, separadas por boias amarelas, que antes non existían, da zona de baño, das algas nin rastro.

04082010-IMG_0961

E á miña praia quitáronlle o mellor: a area finísima, agora apenas se pode camiñar descalza polas pedras, porque xa non creo que se lle poida chamar area.
Pregúntome se haberá pandillas de verán e se as rochas seguirán tendo nome, se para os nenos e nenas de hoxe esta praia, tal e como está agora será a mellor praia do mundo como o era daquelas para min... e supoño que si, que o que me pasa é o que lles pasa a todos os adultos, que pensan (que pensamos) que todo tempo pasado foi mellor, e que nada volverá ser coma antes.
Cando só era filla abría a boca cada con incredulidade vez que meus pais me contaban que cando eran pequenos non tiñan televisión nin teléfono, estaba convencida de que os meus fillos non notarían semellante diferencia, pero cando saiban que eu tiven unha tele en branco e negro, que non houbo ordenador na casa ata que fun adolescente, que as fotos se facían en "carretes" de película, que non existía internet nin os teléfonos móbiles, e que os primeiros que houbo eran máis grandes que os fixos das casas de hoxe... volve pasar, e o da praia supoño que é máis do mesmo, que vén confirmar o que xa sabía: que eu son doutra xeracion, son doutra época.

na praia

Pero non vos deixedes enganar por esta primeira parte da entrada, porque nós temos unha praia preferida, non sei se será a súa praia, se poderemos ir cada ano na mesma época para que poidan facer unha pandilla de verán,... pero nos gusta: é acolledora; ten rochas, das que aínda non sabemos os nomes; nin moi chaira nin moi empinada; nin ondas moi grandes nin moi pequenas; e pasámolo ben co mellor: o mar e a area... finísima :)

area

algas

beach splash!

Coñecemos xente agradable, pescamos con eles bichiños que voltaron ó mar de seguido, a Z pillou un mini caranguexo que semellaba unha araña e quedou toda feliz, pero non foi quen de achegarse ó extremo da rede onde estaba :), e tamén houbo unha especie de cabaliños de mar como agullas, lorchos, camaróns e peixiños varios, e sabemos que é unha praia especial porque o mar lle achega tesouros

tesouros do mar

a caixa dos tesouros

Un ovo de quenlla ou de raia, e máis un escarabello xigante que a Z. lle dá "grima" tocalo segundo as súas propias palabras. O escarabello faille compaña á lagartixa na súa caixiña e o ovo foi dar tamén cun niño, pero de paxaro e viven noutra caixa na nosa casa.

Xa temos ganas de volver... non estaría mal vivir preto do mar... :)

4 comentarios:

  1. Benvidos Familia dos Tartarouchos!!!!
    Achabasevos en falta!!!! ;)
    A min ata os plátanos me sabían mellor os que comía cando era pequena... ainda, que pode que haxa unha explicación, como para todo... cando nós eramos pequenos todo era máis natural... ata as praias...
    Mil bicos de mel e apertas de buxo.

    ResponderEliminar
  2. Apertas de buxo, :) que bonitas! Grazas pola benvida anavilat

    ResponderEliminar
  3. qué playas tenemos en galicia, y que preciosas fotos familia. saludos del sr.caracol

    ResponderEliminar
  4. sr caracol, o seu agasallo está en proceso ;)
    Si que son marabillosas as nosas praias

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir