sábado, 17 de julio de 2010

Non é o mellor lugar

España non é o mellor lugar para as familias dos nenos e nenas que aprenden na casa, sen ir á escola.
A falta dunha normativa, que a situación non estea sequera comtemplada fai que moitas veces as familias que non escolarizan ós nenos, xa sexan seus pais quen lles aprendan ou uns mestres particulares, teñan que pasar moitas veces por situacións que non nos gustaría pasar a ningún de nós. Non me refiro a que a ciscunstancia sexa controlada polas autoridades, o que se amañaría cunha lexislación clara que incorpore estes supostos, de maneira que poida haber un rexistro destas familias, por exemplo, o problema non é que vaian polas casas mirando se os nenos están en risco de exclusión social senón que as familias teñan que pasar por xuizos nos que se estea cuestionando se os fillos están ben atendidos ou é o estado quen se ten que facer cargo deles. Eu non quero pensar no desgaste dun caso así para unha familia normal, o gasto económico e a tensión pola que se pasa só para demostrar que os fillos están ben coidados, en contacto con outros nenos, e que ademáis aprenden, que son nenos normais.

España non é o mellor lugar, pero semella que Galicia vai ser moito peor.

O anteproxecto da Lei de apoio á familia e á convivencia que se debatirá en setembro no Parlamento Galego pasa de considerar a non escolarización dun menor como "risco de desamparo" a considerala directamente unha "situación de desamparo", é dicir, que se antes un neno ou nena non escolarizados se controlaban para determinar se estaban atendidos, agora, de aprobarse esta lei se considerará directamente que non están debidamente atendidos e se retirará a súa tutela ós pais para pasar ó Estado.

:(

A min paréceme que o mundo está a tolear de vez, que pais que deciden moitas veces abandonar a súa vida profesional para adicarse enteiramente ós fillos se considere que os están abandonando... dá medo pensalo. E se mañá decidisen que os bebés de 16 semanas, traballe a nai ou non, deben entrar nunha gardaría para ser correctamente socializados, para aprenderlles a contar ata tres na idade axeitada e as cores no momento correcto? Mentres noutros países a situación dos nenos que aprenden na casa se ten en conta e está totalmente regulada, hai comunidades en España que se prantexaron a obrigatoriedade da escolarización ós 3 anos de idade aínda que por sorte non foi adiante, e agora somos nós os que poñemos un pero máis.

Se cadra moitos de vós xa coñeciades a situación, pero outros igual non, non se trata de nenos e nenas que andan sós polas rúas, trátase de familias que deciden adicarlles tempo a súa educación sen que vaian a un centro escolar. Pode ser por moitas razóns, por convicción, por non estar dacordo cos métodos de ensinanza da escola tradicional, por ter un cativo con dificultades de aprendizaxe ou con altas capacidades que non se integran na escola tradicional,... e moitas delas ven interrompido o seu ritmo normal para dar explicacións nun xulgado. Aquí tendes a unha familia española que conta o que lles acontece estes días e como o viven: Paideia en familia

Seica, por poñervos uns exemplos, a familia De cangrejos y ermitaños (tamén con problemas legáis e ós que podedes ver neste vídeo) e a de Dálle un coliño teñen ós seus nenos desamparados. E nunca sería posible que saíra un inventor coma este da nosa terra.

Podedes ler máis información no blogue de ALE (a Asociación para la Libre Educación) e apoiar ós homeschoolers galegos, unhas 50 familias na actualidade, uníndovos no grupo de apoio a homeschoolers galegos en facebook se usades a rede social.

En caso de haber novas accións ó respecto se anunciará nese grupo,... e igual facemos falla todos.

Sei que non é unha entrada moi festeira despois da anterior, nin sequera se me ocorre unha foto que poñer... pero había que contalo.

6 comentarios:

  1. Por isto é polo que fai uns meses propuña no "Educar na casa" crear unha asociación galega de familias que fan ensino doméstico que apoiara a regularización, tal e como noutras comunidades históricas e que quizáis así conseguíramos o que conseguiu a Coordinadora Catalana.

    A nosa desgracia é que en España non estamos suxeitos á xustiza, senón que somos obxeto da sorte e o pior é que se a lei sae adiante estaremos suxeitos a unha Xustiza moi inxusta. Hai que loitar por regularizar a nosa opción educativa, non queda outra, se esta lei sae adiante xa non dependeremos da sorte, porque a lei é clara e nós estariamos indo contra ela.

    Un biquiño sen rexistrar (non estou no meu PC e non recordo a clave, hai que ver que cabeciña)

    Meni :*

    ResponderEliminar
  2. Xa, Meni, pero eu tamén entendo a outra parte, que xa existe unha asociación a nivel do estado español, e que aínda que non estaría mal que houbese outra a nivel galego formar unha asociación e simplemente mantela supón traballo extra (só de papeleos... bufff) e seguramente con menos servicios dos que pode prestar ALE. Non estaría mal, pero quen pode facerse cargo do traballo? E que pode aportar a maiores? Compensa?

    ResponderEliminar
  3. Tartarouchiña, é que son cousas distintas, eu falo de criar unha asociación que busque a regulación, tal e como a Coordinadora catalana ou a valenciana (por poñer dous exemplos). ALE non quere a regulación senón o recoñecemento, e sonche cousas ben distintas. Eu non falo de facer o mesmo ca ALE, senón outra cousa, pero vaia que se á xente non lle interesa a regulación, pois nada pero claro, despois estamos suxeitos a que nos pasen estas cousas.

    E outra cousa que non entendo é por qué un non pode ser de ALE e ao mesmo tempo dunha coordinadora da súa terra? e por qué non se poden apoiar entre sí as distintas asociacións? como se soe dizer "pocos y mal avenidos" e así imos. En fins :(

    Un biquiño

    (Se queres saber as diferencias e o que implica unha cousa e outra, Madalen explicouno moi ben no seu blog: El reconocimiento y la regulación de la opción de educar en casa

    ResponderEliminar
  4. Pois é que eu pensei que ALE buscaba tamén a regulación a nivel estatal e non por comunidades, simplemente, e entendo (sen ler o enlace que me propós) que o recoñecemento é un paso previo á regulación, non? Como se regula unha cousa que non existe? Aínda que de temas burocráticos e xurídicos xa che digo que me custan un mundo porque non me gustan.
    E poder claro que se pode ser de dúas asociacións ou de 50 coa mesma temática, e tampouco creo que houbera problema en que as que houbese colaboraran unhas coas outras e se apoiaran (creo, vaia, falo sen saber) só que supón o dobre de cartos para os socios e máis esforzo e eu insisto en que creo que o que falta é xente que poida adicarlle tempo. Simplemente montar unha asociación supón un esforzo considerable, se ademáis se queren traballar temas en profundidade supón moito tempo a adicarlle, e sei do que falo, supoño que se estás nalgunha asociación o saberás tamén, posiblemente se xurdiran voluntarios para facer o traballo a asociación non habería problema en constituila, pero de tempo e de cartos creo que ninguén andamos sobrados.
    Non?

    ResponderEliminar
  5. Tartarouchiña, ALE é unha organización a nivel estatal, non te me líes coas comunidades :D Eu recomendaríache que te enteres do traballo que realiza ALE e os obxectivos que quere acadar. Na súa web o teñen moi ben explicado e no enlace que che pasei antes tamén se explica en términos máis de andar por casa, os procedementos legais de unha e outra opción. Eu tampouco che son amiga das cousas legais mas penso que cando unha se move na "alegalidade" ten que se enteirar ben das consecuencias, das opcións, etc. Vaia, que non é cousa de facer as cousas as tolas non?


    En canto ao outro:
    - Sí: os dereitos hai que gañalos a meirande parte das veces con moito traballo.
    - E sobre a existencia de distintas asociacións, pois a min é que a variedade paréceme enriquecedora, nen todos pensamos igual, nen todos queremos as mesmas cousas. É como si porque xa existe PP non ten que existir PSOE.

    En fins, que hai moito por loitar e ninguén nos vai dar as cousas feitas, mas neste pais non hai unha cultura de loita social (así nos vai, claro), a xente agrúpase en torno aos eventos futbolísticos e o paro, a perda de dereitos sociais, etc. son temas secundarios ou que levan tanto traballo que non paga a pena loitar neles.

    Biquiñossss

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir