domingo, 4 de julio de 2010

Cousas que din as Tartarouchas

Calquera diría que a L. se volveu relixiosa, a súa palabra preferida agora é "amén". Todo o que que fai/ten/quere a Z, pois ela "amén".
Iso é o que fai que vaia máis rápida nalgunhas cousas, que salte na cama dende hai tempo (ou o intente máis ben) e que intente ir sempre por riba das súas posibilidades, isto seguro que a fai aprender máis rápido e tamén levar máis golpes, unha media de 4 veces ó día cae, a teta e a barriña máxica de arnica son compañeiras nosas dende hai tempo para aliviar a cabeza, e os xeonllos fican sempre feitos un "cromo".
Xa desapareceu o cocó e se convertiu en "olo", ímolo extrañar, de feito xa o botamos de menos.
E cada día nacen un par de palabras novas para nomear distintas realidades: pupo o columpio, bobo o gorro, pita as pinzas,...
Ten ademáis unha interxeción que me encanta, tería que gravarlle un vídeo para non esquecela, cando che pregunta por algunha cousa e lle respostas ela sempre solta un "ah", cunha entoación especial que só ela pon.

A Z. está noutro nivel, claro, comeza a entender un humor diferente e soprendernos con cousas coma esta:
o Moucho e máis eu estabamos a falar á hora do xantar, el aprovetaba para contarme dunha serie de televisión que eu deixei de ver debe facer uns dous anos e da que acababa de ver algún capítulo, a Z. atenta a toda a conversa e desexando intervir, e participar da conversa, tras cada miniresumo dunha personaxe ela preguntaba:
- E quen é Sailar?
- E quen é Maica?
- E quen é...?
E así un tras outro, ata que de súpeto, cambiamos de conversa e ela di:
- E quen é Z.? hihihihi
Perfetamente consciente de que acababa de facer un chiste :) Isto é novo.

Ademáis está nunha fase acusadora, pasa o día enteiro a dicir que é o que fan os demáis que está mal. Resúltame difícil facerlle entender a diferencia entre ser "acusica" e "advertir ós adultos", a diferencia esa que está en evitar un mal ou un perigo, e desexarlle unha chamada de atención ós demáis. E aínda non ten a "malicia" completa para facer cousas ás agachadas e non contalas, e non sei se por dor de conciencia ou por orgullo o caso é que seguido aparece con frases do estilo de: "Na casa dos avós estiven vendo uns debuxos que a ti non che gustan, pero a min si" ou "onte, cando ti xa estabas durmindo e eu quedei coa avoa comín dous bombóns".
Non pasará moito tempo antes de que deixe de saber eses pequenos males, porque se fai grande.

E outras cousas que dixo últimamente:

Facendo un pasatempos que consistía en rodear certas cousas cun círculo:
- E que temos que facer? Temos que circulalo?

- Ós avós e ós papás non lles medra nunca máis o pelo? Que mágoa!

- Vendo uns debuxos nos que alguén dicía: "la situación está en vuestras manos", ou algo semellante, ela dixo:
- "Mamá, está en sus manos- abrindo os ollos coma pratos- non está en outras manos, nin nos seus pés"

:D

E despois hai días coma hoxe en que, despois dunha noite complicada dunhas tres horas de sono, unha das primeiras cousas que escoitas pola mañá é:
- "O outro día (onte) non te endadaches nada"

E entón sintes como se te para o corazón, e nótalo caer e desfacerse en mil anaquiños. Por moi mala que fora hoxe a noite, non é excusa para que non enfadarse se convirta en anedótico, así que temos que darlle a volta e recoller os anaquiños do meu corazón e máis dos seus.

nó-las tres

4 comentarios:

  1. Están nunhas etapas simpáticas.
    O Leo está interesado pola xeografía e di Arbo, Ourense, Galicia e Ikea.
    Hai que rir á forza !.

    ResponderEliminar
  2. :D A Z aínda está tratando de comprender cómo de grandes son os sitios, ata hai pouco Girona era a casa dos nosos amigos, daba igual onde viviran, agora xa o vai comprendendo un pouco máis.

    ResponderEliminar
  3. eu levo unha libretiña sempre comigo, para ir apuntando as palabras ou frases que o meu Carrouchiño vai decindo, ainda que agora con oito anos xa!!!
    A que máis lembro e me gusta, ainda que nunca souben o que quería dicir, é apixipixa.
    Bicos de mel.

    ResponderEliminar
  4. Eu hai anos que ando cunha libretiña, antes érame moi útil, pero agora para cando son quen de sacala e escribir ás máis das veces xa non lembro o que ía poñer :)
    Que doces bicos :)

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir