jueves, 29 de julio de 2010

Sorteado!!

Onte decidímonos a facer o sorteo, eu xa escribira os nomes e os imprimira e a Z, en canto soubo o que había que facer se ofreceu voluntaria para todo: recortou e dobrou primeiro os papeliños

sorteo papeliños

e remexeu e sacou o papeliño gañador despois (sen mirar, eh, mamá?)

sorteo inocente

sorteo gañador

Noraboa Álvaro!!! Agardo que vos guste o regaliño na casa, estades dispostos a agardar ata que xa vos esquecerades del? Vai tardar un pouco en chegar... así fai máis ilusión ;P

A Z. non quedou moi conforme co resultado e seguiu sacando papeliños ata que lle saíra un que fora o seu amigo...

requetesorteo

cando por fin atopou o papel de Sabela se emocionou porque esa si era amiga súa e lle preparou un agasallo:

agasallo

O primeiro foi o gatiño de raias, Silvio e despois a gatiña Pinga co seu laciño rosa e a cadeliña Choiva, por se quería mandarllos a outros amigos :)

Podedes identificar os animais porque teñen cadanseu nome, védesllelo? :D

Sinto que acordaramos tan tarde e que as fotos sexan baixo a lámpada xa en pixama case de noite... noraboa "ós gañadores" e grazas ós demáis por vir e por participar!

martes, 27 de julio de 2010

Letras de pegar

Hai tempo a moza do tío Hugo nos regalou dúas bolsiñas de letras e números de velcro. Eran de publicidade dalgunha cousa, pero non cheguei a saber de que. O caso é que pensaba facer algo con elas, pero metinas nunha lata e esquecinas.

A semana pasada, despois da reutilización das miñas vellas-vellas-vellísimas camisolas en cueiros, collín unha camisola do montón das novas de roupa de andar por casa. Esta tamén nola regalara a moza do tío Hugo, e xa a puxera varias veces, pero non reparara na tira de velcro que leva "camuflada", e cando a vin lembrei as letras.

camisola

colocando letras

Encantoulles!! Sobre todo á Z., claro. Aínda que nas fotos só sae o primeiro intento desatinado pegando calquera cousa que lle caía entre as mans, despois xa quixo facer palabras...

E a L. lucindo a súa camisola... que lle quedaba un chisquiño grande.

de saco

que se vexa

Agora teño ganas de argallar unhas para elas (pero sigo sen máquina) e ata de facer algún panel para a parede... a ver cando volvemos a ter aparello para coser máis rápido.

Por certo, hoxe é luns, xa pasaron dúas semanas dende o noso aniversario, así que pechei os comentarios... algún día desta semana saberedes o gañador ou gañadora, pero hai só un pequeno problemiña: de todas as persoas que escribiron un comentario na entrada hai dúas das que non sei un correo onde avisalas nin as coñezo persoalmente, así que se non me deixan un enderezo de correo electrónico, ou similar aquí hoxe non poderán participar no sorteo: son Lucía e un ou unha luguesa anónima.

Veña, que agardo por vós ata mañá!

miércoles, 21 de julio de 2010

Non sei que teñen os teus ollos

Non sei que teñen os teus ollos

Non sei

Un día, hai xa case dous anos, esta canción era unha entre moitas, hoxe é máis: ten un pouco das miñas bruxiñas, ten un pouco da miña L, e un pouco de morriña.

E encántame.

martes, 20 de julio de 2010

En reparación

Así temos as dúas máquinas de coser. Si, dúas, a nosa morreu hai uns de meses despois de dous anos de cosidos e entón a avoa Olga nos ofreceu a súa, igual, mercada o mesmo día e aínda metida na caixa. Esta non tivemos moita ocasión de usala, ó pouco decidiu que tampouco cosía. Por iso merece a pena mercar cousas de calidade aínda que sexan máis caras. Agora que sei que lle damos uso se nos volve pasar mercaremos unha máis sinxela pero de máis calidade, pra poder darlle moito uso.

Pero houbo sorte desta vez e aínda estaban en garantía as dúas, xa que a garantía era de tres anos, así que tras nos poñer en contacto coa casa nos informaron de que tiñamos que empaquetalas e envialas por servizo de mensaxería cos gastos pagos e que as teriamos de volta en dúas ou tres semanas. Dúas ou tres semanas sen máquina! Máis o tempo que levaban estragadas! E xa sabedes que cando non podes facer algo é cando máis cousas se che ocorren facer. Pero toca agardar.

O caso é que tiñamos que empaquetalas, e nos avisaron de que fosen na súa embalaxe orixinal ou nunha caixa que lles fora ben, pero que estivesen ben illadas dos golpes, porque nos traxectos aínsa se avariaban máis... e nós só conservabamos unha das caixas orixinais...
Ó primeiro pensei de todo, conseguín unha caixa de tamaño bastante axeitado, pero sobraba moito espacio e a máquina iría golpeándose todo o camiño, e ocorríaseme meterlle dentro porexpan en boliñas, plástico de burbullas, dese outro que fai coma ondas,... non sabía onde ir mercalo, ata que se me acendeu a lámpada: xornais!!

Pasamos toda a mañá a facer bolas de papel de xornal as tres, moi entretidas, case dous xornais engurruñados arredor da máquina ata pechala e cumprindo perfetamente a súa función.

empaquetando1

empaquetando2

empaquetando3

empaquetando4

Antes de pechala puxemos algunha boliña máis das que se ven nas fotos, por riba da máquina.

E eu quedei toda chea de ter por fin esta idea tan simple e poder "usar o que tes para facer o que necesitas"

Agora falta agardar a que veñan de volta e poñernos a usalas de novo, que xa lles teño ganas.

sábado, 17 de julio de 2010

Non é o mellor lugar

España non é o mellor lugar para as familias dos nenos e nenas que aprenden na casa, sen ir á escola.
A falta dunha normativa, que a situación non estea sequera comtemplada fai que moitas veces as familias que non escolarizan ós nenos, xa sexan seus pais quen lles aprendan ou uns mestres particulares, teñan que pasar moitas veces por situacións que non nos gustaría pasar a ningún de nós. Non me refiro a que a ciscunstancia sexa controlada polas autoridades, o que se amañaría cunha lexislación clara que incorpore estes supostos, de maneira que poida haber un rexistro destas familias, por exemplo, o problema non é que vaian polas casas mirando se os nenos están en risco de exclusión social senón que as familias teñan que pasar por xuizos nos que se estea cuestionando se os fillos están ben atendidos ou é o estado quen se ten que facer cargo deles. Eu non quero pensar no desgaste dun caso así para unha familia normal, o gasto económico e a tensión pola que se pasa só para demostrar que os fillos están ben coidados, en contacto con outros nenos, e que ademáis aprenden, que son nenos normais.

España non é o mellor lugar, pero semella que Galicia vai ser moito peor.

O anteproxecto da Lei de apoio á familia e á convivencia que se debatirá en setembro no Parlamento Galego pasa de considerar a non escolarización dun menor como "risco de desamparo" a considerala directamente unha "situación de desamparo", é dicir, que se antes un neno ou nena non escolarizados se controlaban para determinar se estaban atendidos, agora, de aprobarse esta lei se considerará directamente que non están debidamente atendidos e se retirará a súa tutela ós pais para pasar ó Estado.

:(

A min paréceme que o mundo está a tolear de vez, que pais que deciden moitas veces abandonar a súa vida profesional para adicarse enteiramente ós fillos se considere que os están abandonando... dá medo pensalo. E se mañá decidisen que os bebés de 16 semanas, traballe a nai ou non, deben entrar nunha gardaría para ser correctamente socializados, para aprenderlles a contar ata tres na idade axeitada e as cores no momento correcto? Mentres noutros países a situación dos nenos que aprenden na casa se ten en conta e está totalmente regulada, hai comunidades en España que se prantexaron a obrigatoriedade da escolarización ós 3 anos de idade aínda que por sorte non foi adiante, e agora somos nós os que poñemos un pero máis.

Se cadra moitos de vós xa coñeciades a situación, pero outros igual non, non se trata de nenos e nenas que andan sós polas rúas, trátase de familias que deciden adicarlles tempo a súa educación sen que vaian a un centro escolar. Pode ser por moitas razóns, por convicción, por non estar dacordo cos métodos de ensinanza da escola tradicional, por ter un cativo con dificultades de aprendizaxe ou con altas capacidades que non se integran na escola tradicional,... e moitas delas ven interrompido o seu ritmo normal para dar explicacións nun xulgado. Aquí tendes a unha familia española que conta o que lles acontece estes días e como o viven: Paideia en familia

Seica, por poñervos uns exemplos, a familia De cangrejos y ermitaños (tamén con problemas legáis e ós que podedes ver neste vídeo) e a de Dálle un coliño teñen ós seus nenos desamparados. E nunca sería posible que saíra un inventor coma este da nosa terra.

Podedes ler máis información no blogue de ALE (a Asociación para la Libre Educación) e apoiar ós homeschoolers galegos, unhas 50 familias na actualidade, uníndovos no grupo de apoio a homeschoolers galegos en facebook se usades a rede social.

En caso de haber novas accións ó respecto se anunciará nese grupo,... e igual facemos falla todos.

Sei que non é unha entrada moi festeira despois da anterior, nin sequera se me ocorre unha foto que poñer... pero había que contalo.

lunes, 12 de julio de 2010

Hoxe temos algo que celebrar

:.

Máis claro?

3

Hoxe hai tres anos que apareceu a primeira entrada no blogue dos Tartarouchos, así que estamos de aniversario, 3 aniños xa!

Hai tres anos a Z tiña a idade que agora ten a L e hai tantas semellanzas nelas coma diferenzas, pero sexa como sexa gústame ter o blogue para recordar, as súas cousas e máis as nosas. E agardo seguir por aquí, lendo, lembrando e escribindo, aínda que sexa con imaxes, as cousas que nos pasan ós Tartarouchos.

Levo días pensando no aniversario e en se podería celebralo dalgunha maneira con vós. Quería agasallarvos algo pero non sabía o que, ó final ocorréuseme algo, moi sinxelo e feito na casa, así que podo facer un sorteo de aniversario para os que andades por aí atrás facendo compaña.

Avísovos que será algo sinxelo, pequeno e feito por nós, e que ides tardar bastante en recibilo, cando xa vos esquecerades. De calquera xeito se vos animades a participar só deixádenos un saudiño na entrada contándonos algo e dicindo unha maneira de vos contactar (correo electrónico, blogue, web,...) por se vos toca.
Podedes saudarnos e participar durante dúas semanas, ata o luns 26 de xullo ás 11 da mañá, e durante esa semana faremos o sorteo.

E se non queredes participar saudádenos igual, que o premio non é para tanto, pero a nós préstanos saber que andades por aí.

Nós imos seguir celebrándoo, que a L o pasou moi ben facendo as fotos e agora lle toca soprar á Z, que aínda durmía. :)

sopra

sopra con estilo

domingo, 11 de julio de 2010

Cousas que se poderían facer un domingo pola tarde en lugar de ver un partido

Xogar con letras e animais

Xogar con letras e animais

Facerche unha foto, mami.

fágoche unha foto

"A veeee"

a ver que guapa saíches

Ler un libro (de cociña)

leo

"Amé-eeen"

"améeeen"

Redescubrir xoguetes

07072010-IMG_0044

Saír fora enredar

My little rainbow girl

E moitas cousas máis :)

jueves, 8 de julio de 2010

Retomando as agullas

Levaba uns meses de sequía calceteira, pero a semana pasada de súpeto entráronme as ganas de novo. Seguro que parte das ganas foron para poder mirar o bonitas que son as agullas.

agujas de colores

A L necesita unha chaquetiña para o verán e eu tiña un montón dese fío rosa de algodón que me regalaran e máis un par de algodón en marrón, así que, para non variar, vou tratar de facer algo con raias.

tecendo a raias

Como montei a fin de semana en casa dos avós e non tiña internete nin ningún patrón de chaqueta top-down (comezada dende o pescozo e nunha peza), fixen a mostra, medín e improvisei. Gústame calcetar, pero non me gusta unir as pezas ó rematar, nin tampouco ir adiviñando como pode quedar. Facer os patróns top-down significa non ter que dar puntadas máis que para rematar fíos ou coser botóns, e poder ir probando a chaqueta sobre a marcha para facela "á medida" sen ter que desfacer dianteiras ou traseiras enteiras porque non senta.

tecendo

E nesas estamos, semella que vai ben a cousa, xa veremos como remata.

miércoles, 7 de julio de 2010

Do verán nos gusta...

no verán

... que haxa espectáculos ó aire libre (precavidos, iso sí) para os pequenos e para os grandes

Vémonos fora

Hoxe intentaremos repetir.

martes, 6 de julio de 2010

Doutros tempos

A avoa Carme garda moita roupa de cando o Moucho e a Tía Lu eran pequenos. O sábado a Z durmiu cos avós, e cando fomos almorzar atopámola cun dos vestidos que ela mesma fixera para a Tía Lu cando era pequena, cuns 5 anos.
Eu non son moito (ou nada) de vestidos clásicos, pero teño que recoñecer que este tiña o seu encanto, un orixinal, feito a man pola avoa Carme hai... ímolo deixar en moitos anos, non Tía Lu? :P

De raíña

Posto por riba do pixama, que asoma por unha manga, andivo media mañá, encantada co seu vestido da Tía Lu.

Como non son moito destes vestidos, tampouco son moito das fotos de estilo"vintage" con ese aspecto de fotografía antiga, non me gustan moito, nin os sei facer, pero con este vestido había que probar.

A orixinal (un pouco escura)
orixinal

E os experimentos
antiga

antiga 2

antiga 3

Non vos traen recordos da "caixa das fotos"?
Na casa dos avós Tartaruga hai unha caixa de lata azul, dunha boneca tamén azul que me regalaran de pequena, que se chamaba nubecita e tiña un arrecendo que case podo lembrar agora, e está chea de fotos de antes, moitas metidas en sobres de revelado nos que tamén se van distinguindo etapas, coma nas fotos, pero moitas tamén mesturadas dentro ou fora dos sobres.
Sempre me gustou remexer nas fotos, miralas, organizalas, facelas,... coido que moitos dos recordos que teño só existen na miña memoria porque teño fotos deles e impiden que marchen da miña cabeza outras imaxes, pasarame só a min ou a vós tamén vos pasa?
Sempre pensaba que se a casa prendía lume ou había que saír e eu podía levar algo sería a caixa das fotos.

Lembro cando eramos adolescentes e eu me empeñaba en levar a cámara sempre e facer fotos dos "acontecementos" e a miña amiga Anabel (andas por aí?) non quería sair nelas. Eu trataba de explicarlle que daba igual como saíra, que a todo o mundo lle ía dar igual, pero a nós íannos quedar os recordos, e eu non comprendía que non o entendera. Despois o entendeu.

Por iso me gusta tanto facer fotos, por iso e por outras cousas que non podo explicar porque nin sequera eu sei.

Vós como gardades as fotos? Como as organizades? Tendes moitas ou gardades máis recordos na cabeza que en caixas? Que vos pareceu o experimento?

Últimamente ando a lembrar moito... xa pensei en algo que facer cos recordos, xa volo contarei.

Nota: Hai un problema cos comentarios, chéganme os avisos ó correo pero non aparecen todos no blogue, agardo que se solucione. Non deixedes de escribir por iso.
Xa está amañado, debéronselle cruzar os cables ó blogger :)

domingo, 4 de julio de 2010

Cousas que din as Tartarouchas

Calquera diría que a L. se volveu relixiosa, a súa palabra preferida agora é "amén". Todo o que que fai/ten/quere a Z, pois ela "amén".
Iso é o que fai que vaia máis rápida nalgunhas cousas, que salte na cama dende hai tempo (ou o intente máis ben) e que intente ir sempre por riba das súas posibilidades, isto seguro que a fai aprender máis rápido e tamén levar máis golpes, unha media de 4 veces ó día cae, a teta e a barriña máxica de arnica son compañeiras nosas dende hai tempo para aliviar a cabeza, e os xeonllos fican sempre feitos un "cromo".
Xa desapareceu o cocó e se convertiu en "olo", ímolo extrañar, de feito xa o botamos de menos.
E cada día nacen un par de palabras novas para nomear distintas realidades: pupo o columpio, bobo o gorro, pita as pinzas,...
Ten ademáis unha interxeción que me encanta, tería que gravarlle un vídeo para non esquecela, cando che pregunta por algunha cousa e lle respostas ela sempre solta un "ah", cunha entoación especial que só ela pon.

A Z. está noutro nivel, claro, comeza a entender un humor diferente e soprendernos con cousas coma esta:
o Moucho e máis eu estabamos a falar á hora do xantar, el aprovetaba para contarme dunha serie de televisión que eu deixei de ver debe facer uns dous anos e da que acababa de ver algún capítulo, a Z. atenta a toda a conversa e desexando intervir, e participar da conversa, tras cada miniresumo dunha personaxe ela preguntaba:
- E quen é Sailar?
- E quen é Maica?
- E quen é...?
E así un tras outro, ata que de súpeto, cambiamos de conversa e ela di:
- E quen é Z.? hihihihi
Perfetamente consciente de que acababa de facer un chiste :) Isto é novo.

Ademáis está nunha fase acusadora, pasa o día enteiro a dicir que é o que fan os demáis que está mal. Resúltame difícil facerlle entender a diferencia entre ser "acusica" e "advertir ós adultos", a diferencia esa que está en evitar un mal ou un perigo, e desexarlle unha chamada de atención ós demáis. E aínda non ten a "malicia" completa para facer cousas ás agachadas e non contalas, e non sei se por dor de conciencia ou por orgullo o caso é que seguido aparece con frases do estilo de: "Na casa dos avós estiven vendo uns debuxos que a ti non che gustan, pero a min si" ou "onte, cando ti xa estabas durmindo e eu quedei coa avoa comín dous bombóns".
Non pasará moito tempo antes de que deixe de saber eses pequenos males, porque se fai grande.

E outras cousas que dixo últimamente:

Facendo un pasatempos que consistía en rodear certas cousas cun círculo:
- E que temos que facer? Temos que circulalo?

- Ós avós e ós papás non lles medra nunca máis o pelo? Que mágoa!

- Vendo uns debuxos nos que alguén dicía: "la situación está en vuestras manos", ou algo semellante, ela dixo:
- "Mamá, está en sus manos- abrindo os ollos coma pratos- non está en outras manos, nin nos seus pés"

:D

E despois hai días coma hoxe en que, despois dunha noite complicada dunhas tres horas de sono, unha das primeiras cousas que escoitas pola mañá é:
- "O outro día (onte) non te endadaches nada"

E entón sintes como se te para o corazón, e nótalo caer e desfacerse en mil anaquiños. Por moi mala que fora hoxe a noite, non é excusa para que non enfadarse se convirta en anedótico, así que temos que darlle a volta e recoller os anaquiños do meu corazón e máis dos seus.

nó-las tres

viernes, 2 de julio de 2010

Inspiración nocturna

É habitual na Z que nos momentos antes de se deitar teña unha explosión creativa ou intelectual. Lembro de pequeniña como repasaba o vocabulario todo na cama, e agora segue a ser un dos seus momentos máis produtivos do día. Lin algunha vez que as cousas que fas xusto antes de te deitar son as que mellor se quedan, se cadra ela o sabe aproveitar de maneira innata, supoño que a Z será das que estudie de noite, se o fai algunha vez.

O outro día, xa na cama, colleu unha das nosas "libretiñas reaproveitadas" (vellas axendas a medio usar) e comezou co retrato familiar completo:

Papá Moucho
Z, debuxos, papi 001

Mamá Tartaruga
Z, debuxos, mamá 001

O autorretrato: a Tartaroucha Z
Z, debuxos, Zeltia 001

A Tartaroucha L
Z, debuxo, L, 001

Os avós Tartaruga: o avó Tito
Z, debuxos, avó Tito 001

e a avoa Olga
Z, debuxos, Avoa Olga 001

E os avós Moucho: o avó José Luis
Z, debuxos Avó José Luis 001

e a avoa Carme
Z, debuxos, Avoa Carme 002

Encántanme! A Z non é moi afecionada a debuxar e todos estes retratos son un verdadero agasallo. Coas orellas, os embigos e os dedos e dedas de cada un de nós. Hei de facer algo con eles bordándoos en tea como vin tantas veces noutros blogues... a ver que se me ocorre.

jueves, 1 de julio de 2010

Dando a volta ó mundo en Xuño

Qué complicado este mes no grupo de La Vuelta al Mundo, había dous temas, o primeiro, para a primeira seman, era fotografar dúas candeas e felicitarlle o cumpreanos ó grupo, eu tiña a idea na cabeza, e ata lle pedín material á avoa Olga que quedou encantada de que levara máis trastos da casa, pero non me deu tempo a facer a foto, así que reconvertín a idea para o segundo tema do mes: Autorretratos.

La elegida, historia de un selfie y una rendición.

Se pinchades na foto podedes ver parte da odisea que tiven para sacala, así que despois desta decidín que o que me gustaba de sempre era retratarme nos reflexos, e iso foi o que fixen, compartín co grupo unha foto de hai uns meses e outras 3 novas que vos deixo aquí para que as vexades e vos animedes a participar se vos apetece, este mes o tema é o Arco da vella! Encántame!

reflexos de arte Lista para comezar! / Ready to start! (explore! ¿?)
aquí estoy yo! / here I am Hora ¿perdida?

Podedes seguir a cadea de blogues para a semana no blogue de Jackie Rueda Casi en serio

Cambios

Cambiou o tempo, veu por fin o sol e puidemos sair fóra a pasar o tempo e como co sol veu a calor tamén nos puxemos a xogar coa auga, pasamos medio ano pensando en que chegue o momento de poñerños a enredar coa auga sen ter frío ou ter que cambiarnos de roupa ó momento.
A cousa comezou así:

comezo

E pouco a pouco foise animando, ou mellor dito animouse de golpe :D

que diver!

Despois cambiamos o recipiente por un máis grande e ata houbo clases de natación para bebés

natación para bebés

E ó final con moita auga e moita diversión, e co papá e a mamá dentro tamén.

co papá

E despois de pasar a fin de semana gastando enerxías na auga, había que repoñelas, claro, así que usamos de novo un dos meus agasallos de cumpreanos.

churros

Fixemos uns churros gordos e outros fracos, ó gusto de todos, e sentímolo moito, pero non podemos amosarvos o resultado final porque voou, iso si, estaban boísimos!

ricos!


Si, xa sei, non foi o único cambio, o blogue vese diferente. Sempre me custa facer cambios, pero en canto os fago quedo encantada. Tiña ganas de cambiar o formato da plantilla para que as fotos se visen un chisco máis grandes, e agora que Flickr engadiu un formato mediano un chisco maior era o momento de intentalo, pero non quería quedar sen as 3 colunas, que me parecía que deixaban todo ordenadiño, así que fixen dúas plantillas, unha con dúas colunas e outra coas tres que tiña antes pero a central máis ancha... e ó final me gustou máis dar o cambio máis grande, sempre me pasa, unha vez que me poño, arramplo con todo :)

Bueno, con todo con todo non, na coluna lateral agora segue a haber case o mesmiño ca antes, pero non vos asombredes se a cousa segue a cambiar a pouquiños, nin tampouco se non o fai ;)

Unha vantaxe desta plantilla é que, en teoría, agora con resolucións de pantalla máis pequenas poderedes ver o blogue enteiro, é así?
E ademáis apareceron por arte de maxia uns botonciños ó fondo de cada entrada por se queredes compartilas por correo, e nalgunha das redes sociais.

Gústavos ou vos vai custar afacervos?

Por se queres compartir