martes, 12 de enero de 2010

Productividade costureira

Nunha fin de semana chea de neve, que aínda se derreteu hoxe co moito que choveu, houbo tempo para coller ganas coa costura e poñerme a avanzar en proxectos de reaproveitamento. O grande aínda non está rematado, así que non hai fotos aínda, pero para rematalo necesitaba moita fita bies, e como non tiña e pensaba reaproveitar, busquei na rede e atopei este enlace e máis estoutro, así que nunha tarde-noite de domingo púxenme a intentalo.

E cun metro cadrado dunha vella saba baixeira azul

saba vella

e máis o ferro de pasar (e teño que dicir que esta parte me doe máis que me custa)

facendo bies
(tendes que saber que existe esta foto porque ó Moucho lle deu a risa cando me viu quitar a mesiña de centro do salón e poñer no seu lugar a táboa de pasar o ferro para poder facelo cómodamente sentada no sofá, valla isto de ilustración do que me custa)

máis un pouco de tempo, conseguimos tropecentos metros de fita bies azul! Así que agora xa dei un pasiño máis de camiño ó remate do proxecto :)

metros de bies

Onte pola noite tiven un momento de inspiración e pensei que podería utilizar algúns retais que me dera a avoa Olga hai anos, de mostrarios de roupa de decoración dos cuartos dos bebés, para facer unha fita para o cabelo da Z. á que non lle gusta nada que teña que ver co seu cabelo: nin lavalo, nin peitealo, nin cortalo, nada. Ocorréuseme que se era ela a que escollía a tea da fita igual a puña, podendo evitar todo o anterior (coma sempre, ata uns límites) e disimulándoo ó mesmo tempo.
Así que escolleu a tea que, para o meu desgusto, non foi outra que unha branca de puntiños "rosa-palo" (é que só a min se me ocorre sacar o mostrario completo con todos eses rosiñas de bebé :D) e dende aquelas preguntou un cento de veces se faciamos as nosas fitas (eu e a L. tamén escollemos teas de entre a morea) e aproveitei para facela.

fita para o cabelo

fita para o cabelo

O Moucho dixo que parecía de profesional, eu quedei toda satisfeita, aínda tendo que recoñecer que a diferencia está en pasarlle o ferro ás costuras e ós remates, por moito que doa, tereino que asumir, se quero facer cousiñas de costura vou ter que sacar o ferro da caixa.

A Z. quedou tan encantada que quixo espertar ó papá para amosarlla antes de se deitar e ficou un chisco tristeira cando viu que o papá non era quen de reaccionar neses momentos :D, pero todo se solucionou pola mañá.

fita na Z

Aquí a tedes pola mañá coa súa fita mentres escribe nomes de animáis no teclado, que lle encanta porque lle resulta máis doado identificar as letras (e o día que toca imprimilas para facer algo con elas xa é o máis).
Iso si, quedou algo ancha e un chisco frouxa, pero mellor, porque así se dentro duns anos decide enfeitar o cabelo (ou tapalo) con ela aínda lle valerá, porque o que é hoxe, coido que non ten moita intención, foi exactamente igual que cando lle insistimos en que probe algo para saber se lle gusta e despois de probalo lle preguntamos: gustouche? "Siiii" queres máis? "Non, deixa. É igual." :D

Iso si, pasouno ben, e axudoume moito.

a axudanta

5 comentarios:

  1. Esta guapísima! quedouche estupenda.

    Moi boa idea o de escribir no ordenador.
    bicos
    Mary

    ResponderEliminar
  2. é boísima a foto do ferro de pasar con momento de concentración suma!!! ben polo Moucho!!
    rosana

    ResponderEliminar
  3. Qué casualidade! Eu esta semana estiven facendo babeiros e toalliñas de cu dunha toalla e comprei a cinta esa para rematar os bordes, pero xa vexo que tí eres máis profesional!:P

    ResponderEliminar
  4. a menci só lle gustan as diademas e menos mal, peiteala imposible cos rizos e os nós,
    moi ben pola costureira, jeje, a ver o que lle dura a fita,
    fuches o xoves? imposible para min, teño tanto que facer que nin o Ravelry visito, teño case sempre prioridades, incluso á hora de escreber un comentario pero hoxe non podía pasar a ocasión, é sábado, chove e estou na nova casa, o peor é que ao Nico lle da por facer experimentos con xabón, auga e color e eu toleo, de arriba a abaixo pola casa, ains... e foise a neve, co que choveu!

    ResponderEliminar
  5. Grazas Mari!

    Rosana, que isto nonn é como pranchar camisas, eh? É di-fi-ci-lí-si-mo, jeje (a ver se así disimulo un pouco)

    Inés, outra costureiriña aproveitadora! Pois eu quero ver esa toalla reconvertida!

    Ai, Olivia! É que quere manter impecable unha casa nova con pequenos é para tolear, a miña é un desastre permanente, pero se sofre menos :)
    Non fun, non, pónsenos difícil, e non será por ganas! Un biquiño.

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir