sábado 27 de junio de 2009

Están aquí outra vez!!!

Os nosos amigos Mochilinhas volven compartir connosco a aventura deste ano, que ganas de viaxar con eles na súa mochiliña!!

Este ano, nada menos que...

entrade, entrade a sorprendervos-morrer de envexa verde ;-D

Grazas Sabela, Carlos, Iago, Ánxela, Paulo e Rosalía!!!

jueves 25 de junio de 2009

As galletas de améndoa da avoa Carme

Cando imos ver ós avós Mouchos sempre hai galletas de améndoa para picar. Hai un tempo e despois dunhas análises decidín cambiar as galletas industriais por galletas caseiras: cómense menos e son máis sanas.

Galletas de améndoa da avoa Carme 1

Así que levamos unha boa temporada facendo estas galletas de améndoa todas as semanas, a Z. xa sabe os ingredientes que hai que botar, e cada semana axúdame a facer as boliñas, aplastalas e decoralas cunha améndoa antes de metelas ó forno.

As galletas de améndoa da avoa Carme 3

Para que as poidades facer e saborear vós tamén aquí vai a receita:

Galletas de améndoa da Avoa Carme

200g. de améndoa moída
250g. de fariña
150g. de manteiga
200g. de azucre
2 claras
2 culleres de cacao (optativo)

Abrandar a manteiga e mesturar coa fariña.
Engadir o resto dos ingredientes deixando as claras para o final e amasar todo coas mans.

A versión orixinal leva cacao e son en forma de boliña, a nosa versión non o leva e as boliñás que facemos coas mans aplastámolas unha vez postas na bandexa e decorámola cunha améndoa crúa enteira.

Saen case 3 ducias.

Cocer no forno a 190º durante uns 15 minutos.

(Nota: canto máis grandes sexan os ovos, as claras, máis brandas quedarán as galletas, se vos gustan duriñas usade un par de ovos tamaño medio)

E a gozalas!

As galletas de améndoa da avoa Carme 2

lunes 22 de junio de 2009

Pebble

Teño unha amiga Rosana cun fillo Antón e unha filla Uxía, e hai pouco atopeime cunha amiga Rosana da infancia, dos veráns na praia, e resulta que estaba preñada dun neno que se chama Antón. Que casualidade!

Nacerá en setembro máis ou menos e no Canadá, cheo boa xente, con grupos de mulleres, onde parecen ter unha forma de vida máis avanzada que a nosa... e onde teñen moi boas las e moito frío!!

Agardo que este agasallo pequeniño para o seu pequeniño sexa útil (polo menos na casa cunha boa calefacción) e que non desmereza das boas las que teñen por aqueles lares.

pebble para Antón

O certo é que o chalequiño é moi doado, pero cando levaba tecida a metade decateime dun erro á hora de montar os puntos e se o desfacía non me daba tempo de tecelo para entregarllo aproveitando a súa visita á familia, así que seguín adiante e fixen unha chea de cambios que supuxeron un par de erros máis.
Aínda así, creo que o resultado quedou ben chulo e que os erros son máis evidentes para min, que sei onde están.

pebble para Antón

Amañei o peche con lazadas en troques de ollos para os botóns e fíxenos con trenzas porque non me gustaban as cadenetas de ganchillo. Gústame o resultado das trenzas, pero non tanto a forma de rematalas: fixen un nó no comezo e outro no fin de cada trenza... alguén sabe algunha outra maneira de evitar que se desfagan?

pebble para Antón

Quería poñerlle os botóns de madeira, pero xa é a segunda vez que me pasa que vou á tenda onde teñen máis surtido de botóns da nosa cidade e a dependenta (na outra ocasión fora un dependente quen me atendera) se empeñaba en traerme botóns e botóns que a ela lle parecía que quedaban ben, sen conseguir sequera que me amosase os de madeira, así que optei por escoller un dos que tiña no mostrario e que me gustaban, e nun primeiro momento ata mos trouxo en tons azuis, pero finalmente trouxo estes que me gusta como quedaron, aínda sen ser a idea que eu tiña.
A ver se aprendo a non ir mercar botóns coas dúas nenas en hora punta de mercería, é dicir ás 12 da mañá en pleno centro.

pebble para Antón

Agardo que á súa mamá lle guste o chalequiño.

viernes 19 de junio de 2009

Beleza

Esta mantiña de raias era un suposto edredón (imaxino que para ananiños) que viña de agasallo con algún catálogo, o caso é que lles estamos a sacar partido como mantiña de xogos e dende ela puiden ver imaxes coma estas:

IMG_2594

IMG_2595

IMG_2658

IMG_2599

Destes días

un vaso cunha palliña
Un vaso cunha palliña

Unha tartaruga grande e unha pequeniña
Unha tartaruga grande e unha pequeniña

letras
Letras

masa nai
Masa nai conseguida!!! Agora a ver que tal se nos da o pan.

martes 16 de junio de 2009

Onte vin...

... matemáticas por todas partes:

mates 1

(perdón polo desenfoque, facer fotos cun bebé no colo intentando coller a cámara non é doado)
Fila de elementos e asociados (pequeno-pequeno-grande)

mates 2

Prato-cunca-culler, salchichas, vallas en triángulo...

mates 3

Ringleira de cuncas...

mates 4

... con cadanseu anaquiño de plastilina.

E vós que máis vedes?

domingo 14 de junio de 2009

Pan, pan,... pantalóns

Hai un tempo que a Z. vén comendo bocadillos de pan-pan. Merquei uns boliños pequenos no mercadona e comíaos, pero mirei os ingredientes e podemos dicir que son derivados do pan, porque do pan-pan, pouco deben ter xa, así que me aventurei a facer uso da panificadora so no programa de amasado e despois facer boliños no forno (de aí a fornada que vos amosei o pasado domingo). Pero non chegan a nada, así que esta semana me atrevín a facer un pan aínda máis pan: doblei as cantidades e amaseino eu, e os resultados da fornada de hoxe son espectaculares!!

Pan 1

pan 2

Como vedes, da mesma, da mesmiña masa hai panes de coloracións e consistencias diferentes: os boliños brancos metinos no forno en frío e non lles dei corte ningún; os boliños dourados metinos na parte baixa do forno cando estaba a uns 130 graos e deilles un cortiño, subinos á parte alta do forno cando saquei os brancos; a boliña metina na parte baixa do forno cuns cortes en cruz e despois subina tamén á parte alta, ademáis boteille algo de fariña ó lle dar forma (ós boliños non) e mirade que resultados tan distintos. É toda unha ciencia isto de facer pan!!!

pan 3

E a min estame picando a curiosidade, así que o próximo experimento vai ser un pan-pan-pan de verdade, xa estou preparando a masa nai!!! Xa vos contarei.

E xa que vai de pan... claro! Outro dos resultados das miñas experiencias coas teas e a máquina: os pantalóns unitalla!!!

pantalón unitalla

pantalón unitalla

Si, é o mesmo pantalón, non hai dous iguais hai so un. A miña intención inicial foi facer un pantalón para a L., ancho e con volta para que lle durara o verán todo, pero cando o rematei a Z. quixo poñelo e... tachán!! Unha prenda para as dúas!! Un inventazo! Se soubera intentaba facer tamén a camisola-vestido :D
Como se obrou a milagre? Pois grazas a unha L. con cu gordecho polos cueiros de tea e a unha Z. fiuncho :) Por suposto paseime un pouco no longo, que á L. lle da dúas voltas e non unha, e así á Z. lle queda por debaixo dos xeonllos.

Bueno, xa sei que é un pantalón simplón, pero o detalle saiume como para patentalo, eh?

E si, aínda hai algunha cousiña máis ;-P

miércoles 10 de junio de 2009

De novo en vieiros

Desta vez enterámonos grazas á Meninheira de que en Vieiros estaban a utilizar unha das nosas imaxes para ilustrar A mellor resposta para o idioma.

Por sorte estamos dacordo en que debemos sentirnos orgullosos do noso idioma, que non pecha ningunha porta e si pode abrilas, e que non é un obstáculo para o entendemento, exemplo diso son as lecturas e comentarios de Adijirja neste noso recunchiño e todas estas respostas (e estoutras) no blogue de Meninheira que so me enchen de felicidade.
A única mágoa que sinto é que os galegos non lle deamos importancia nin lle poñamos tanto interese a algo que é noso... temos moita autoestima que sanar, que todo o de fóra é sempre mellor

Madia leva que nos sentimos orgullosos, pero vémonos na obriga de engadir este parágrafo na coluna dereita do noso blogue:

Por favor, escríbenos antes de usar algún contido ou imaxes deste blogue. Non hai problema en que poñas un enlace ó noso blogue, pero non copies imaxes ou texto sen o noso permiso, dános traballiño facelo e gústanos saber onde aparece. Grazas!

martes 9 de junio de 2009

Proxecto semanal: correo

Tamén nós tivemos que enviar algún paquetiño estes días atrás e aproveitamos para facer o noso proxecto semanal do correo.

proxecto semanal correo

Foi divertido preparar o paquete e poñerlle a dinta adhesiva ó redor, a Z. quería darllo ela mesma á señora da oficina, agardou pacientemente toda a cola ata que nos tocou a nós, e entón...

- Esa non é!!!
- Como?
- Esa non é a señora!! Esa non é!!
- Aiiii, é que o outro día había outra señora, non si? Pero esa hoxe non está traballando, pero esta señora fai o mesmo traballo e igual de ben e o paquete vai chegar ó seu destino.

E non houbo maneira, ó final houbo que deixar o paquete entre choros.

Ó chegar á casa nun mapa miramos o lonxe que chegaría o paquete, e tamén onde vivían os avós, e a tía Lu, e a tía Rita, e todos os que se nos ocorrían, porque que divertido é poñer chinchetas e alfinetes!!

lunes 8 de junio de 2009

Fornada do domingo

Madalenas de améndoas e chocolate e boliños de trigo e centeo...

Boliños de trigo e centeo

a fornada

madalenas de chocolate e améndoas

... mmmmmmm, e o arrecendo da casa.

domingo 7 de junio de 2009

Fíxena eu!! (parte segunda)

Un chisco de sol para lembrarnos neste domingo chuvioso que está aí pretiño, e un pouco de prendas artesás para dicirvos que se pode, case sen tempo, case sen saber... unha saia country-hippie-verde!!!

patchwork skirt 2

patchwork skirt 1

patchwork skirt 3

Xa, xa sei que non é verde, pero está feita con anacos de 3 camisas vellas do avó Tito (que nesta casa non usamos diso), así que, como a min me gusta: reutilización!! Un aliciente máis para se poñer a coser.

E como eu non sabía nin por onde comezar... pois busquei e atopei un blog cheíño de tutoriais para inexpertas coma min, a alá fun coa saia patchwork

Perdoade polas fotos, pero de madrugada non puiden facer moito máis antes de rematar para que a Z puidera estrear a saia ó día seguinte, e isto tiña que volo amosar.

patchwork skirt dereito

Bonita, non si? Pois...

patchwork skirt revés

patchwork skirt revés

Isto non o é tanto!!! Por que non falará disto no tutorial? A tea das camisas desfaise, así que ademáis de coser os cadriños, de fruncir as bandas, de coselas entre sí... tiven que rematar en zig-zag cada unha das costuras!!

E eu xa decidín que son costureira de proxectos rápidos. Gústame ter resultados axiña, e se xa de normal un proxecto de 3 horas me leva 3 semanas non me gusta decatarme ó final de que teño que botar un par de horiñas máis... si, son galvana :)

Seguro que se ve miña avoa os detalles bota as mans á cabeza, pero eu estou máis que orgullosa dos meus resultados, e se aínda por riba á Z. lle gustan como para pedir por favor poñelos ó día seguinte de novo... aix, que mellor combinación podo ter?

A única pega polo momento: nunha casa na que o ferro de pasar saíu dúas veces da súa caixa nos 5 anos que nos coñecemos... as teas de camisa e as de algodón que se atopan nas tendas de retais non son moi boa opción... e de punto hai moi pouquiña cousa... haberá que seguir indagando.

(E si, aínda hai máis :-P)

miércoles 3 de junio de 2009

A familia das letras

Semella que á Z. comeza a interesarlle o tema das letras, de cando en vez pregunta quen escribiu esas letras, ou que ruido fai esa outra, ou pide que escriba palabras na libretiña que gardamos xunto a cama antes de nos deitar e despois ela repasa as palabras co bolígrafo seguindo as liñas que tracei eu antes, e por último rodeando cada letra nun círculo (teño que facer unha foto da libretiña...).

Tamén nos adicamos a escribir palabras pequenas na pizarra e buscar as mesmas letras no noso abecedario de lixa para poñelas debaixo, así imos facendo palabras ás que podemos cambiar unha soa letra para que sexan diferentes. Por exemplo:
SON MES
DON MESA
DOR MASA
COR ...

O outro día collemos o abecedario de imáns e a Z. quixo debuxar as letras, eu vía que facía cousas raras, que non se me parecían moito á letra en cuestión, e entón souben por que:

T

:D Non é xenial?

I

A

V9

Pasamos moito tempo a debuxar letras e números: primeiro ela, logo eu, logo as dúas, despois rodeándoas, despois xuntando as que nos aparecían repetidas, e finalmente a Z. inventou historias coa familia dos Aes, onde había unha mamá e un papá e uns filliños,... :-)

familia de letras

Cantas historias gardan as letras!

martes 2 de junio de 2009

Fíxenos eu!!

Ai, pero que orgullosa que estou!!

bombachos

Coido que a xente non capta o que se sinte ó facer roupa que poñan os teus pequenos (imaxino que só mentres son pequenos), o outro día unha mamá no parque díxome: "Pero non te compensa, co traballo que da e o que custan as teas... sáeche máis barato mercalos".

Pois ademáis de que merquei catro teas diferentes que me dan para máis de unha prenda por anaco, que as pagou a avoa Olga, e que aínda así custaban 15€ todas... a satisfacción de ver que podes facer algo incluso sen ter nin idea, váleo todo.

E uns pantalóns coma estes non se atopan en ningures ;-P

bombachos

E preparádevos, porque teño máis :D