lunes 27 de abril de 2009

Si, si, é ela

Quenes a coñezades en persoa non o ides crer, pero é que despois dun mes sen conseguir lavarlle o cabelo, despois de que a última vez vomitase dos nervos, despois dun día sen tomar teta e durmindo na cama da Tía Lu (tras pasar ó día de calor co gorro, suando e despois revolcarse na herba recén cortada e rematar co cabelo aínda máis suxo se podía ser) porque na cama non podía durmir tan suxa con nós... ó día seguinte deixouse peitear, e á volta duns recados pola mañá conseguín entre choros convencela para lavar a cabeza no lavabo, deitada no cambiador da L. e cunha toalla tapándolle a cara, botándolle auga so coa man (coa axuda dunha regadeiriña que ela non vía grazas á toalla) xa que nos gustaba máis poder durmir todos xuntiños e todmar teta.
(por certo que a noite na cama da Tía Lu consistiu en: dez minutos metida debaixo da mesa do ordenador vestida e tapada cunha mantiña, convemento de que mellor poñer o pixama e durmir na cama da habitación das estrelas, dúas horas para durmirse nesa cama, acompañamento ata a nosa mentres me cambiaba eu e 5 minutos durmida enriba dun coxín "para non manchala, vale, mamá?", espertar berrando que quería ir para a outra cama, hora e media de soños en alto e traslado á nosa cama en estado de sonambulismo... pobre).

E despois dese lavado de cabeza pasou algo, que aínda non podo crer, e lavamos tres días, facendo cousas coma estas:

pinzas

e coletas!!!!

Pois si, creo que segue a ser a nosa Z. salvaxe, a que non a parece?

Proxecto semanal: casiña

Voltamos á carga co proxecto semanal de Meninheira, aínda que non sei se cada semana o poderemos publicar ímolo intentar de novo.

Tralo fallo da proposta de construcións de casiñas cos bloques das construcións, e con recipientes variados, optamos por utilizar casiñas xa feitas e enredar con elas, e deron moito xogo, a verdade:

a casiña do xardín

a casiña

a casiña

No xardín e gozando os días de sol desta semana atrás a Z. adicouse a correr dende o alto e entrar por unha das portas da casiña para saír pola outra, todo un éxito de risas... ata que comezou a ver que ás arañas e demáis bichos de xardín tamén lles gustaba a súa casiña, e rematou o xogo... fora da casa, porque seguimos dentro, con esta casiña e despois coa outra...

a familia

A verdade é que a nosa familia na súa casa está a ser todo un descubrimento, non so para a Z. senón para os papás, porque sérvenos de ferramenta para coñecer as inquedanzas da Z. e a súa opinión en temas que se cadra non manifesta máis que aquí. Xa non é a primeira vez que o filliño ou a filliña van ver a televisión pero non poden porque xa viron "unha", a súa permitida diaria, así que estámonos prantexando cambiar a norma dalgunha maneira que lle produza menos "obsesión" se é posible, ou será simplemente unha rutina? O caso é que a nosa familia estreou cociña e comedor novos e a Z. sentou arredor a todos os membros que puido (resulta que son 6 humanos, pero so veñen 4 cadeiras), pero non houbo problema, porque a filliña decidiu ir ó salón (porque ela non quería sentar) e quería ver unha película, pero a súa mamá non a deixaba porque xa vira unha.
Por certo, que maleducadas somos, que non vos presentamos á nosa familia, perfetamente colocada pola Z, aquí tendes a:

a familia
De esquerda a dereita: O filliño, A filliña, A filla, A mamá, o Papá e a Avoa :DDDD (non atopades certas correspondencias?)
Por suposto sen esquecernos de gatiño, coelliño e can.

As personaxes cambian cada día, pero non puiden evitar sorrir cando as nomeaba o outro día tras colocalas.

Hoxe, xogando coa avoa Olga, cada unha no seu papel, a avoa (que non podía ser a que ten o pelo gris, así que a puxo de melena loira :D) díxolle que apurase, que se había que vestir para ir ó cole, e dende a cociña o resto escoitabamos como a Z. respostaba que a nena non quería ir: E por que non quere ir? -Porque non quere -E por que? - Por que non... porque está cansa e ten que descansar.
Despois fíxolle saber que ó cole se vai en autobús e que non ían máis que os nenos, pois os papás e as mamás e os avós e as avoas quedan na casa, aínda que cando apareceu o veciño decidiu que se cadra si podería ir con el no autobús.

Tamén salvaron unhas árbores da fraga de seren cortadas facendo un círculo (e a Z. debuxou un círculo no chan cos pes de cada un dos bonecos que tiña nas mans :) en troques da roda que propoñía a avoa para rodear as árbores), entre elas atopábase un carballo, como na película da Toupiña, e os señores malos que as querían cortar convertíronse en bos cando Campaíña lles botou po de fadas... ou iso pretendía a avoa, porque a Z foi pedirme a caixa da toupiña para amosarlle que a señora mala non cambia e segue a ser mala...

Dende logo o que está claro é que lle sobran películas :( malia as restriccións, pero non pensedes que o reflexa o resto do tempo, por iso creo que axuda a nosa familia particular a saber o que ten a nosa pequena na súa cabeciña.

Trasnada útil

Nós 3 anos maldicindo ó ordenador (que pasou dous deles alomenos sen tapas con todo á vista) por non ter conectores usb por diante e vai a Z. e fai isto:

antesdespois: sorpresa!!!

miércoles 15 de abril de 2009

Proxectos en marcha

Non pensedes que como non vos conto nada é que non estou a facer nada... o contrario, teño tantas cousas comezadas que non sei se darei rematado algunha, soavos?
Por onde comezo?

Hai tempo que comecei unha mantiña para a nosa casa, de tipo granny, de hexágonos, pero agora está parada á espera dalgunha cor que botaba en falta, cando teña fotos para vos amosar contareivos algo máis dela. De momento dígovos que mentres agardaba por esas cores tiña que atopar algo para facer así que ó enterarme de que a miña compañeira da Facultade Inés estaba a agardar un bebé... decidinme a facer outra mantiña. Faime ilusión porque é dos primeiros bebés que chegarán dende que eu son mamá e de xente que coñecera de antes. Ademáis deste que chegará en setembro-outubro haberá outro para un meseciño antes dunha amiga de verán na praia.
O caso é que me puxen mans á obra e esta vez para variar... en ganchillo! Normalmente me gusta máis o punto que resulta da calceta, pero para accesorios: gorros, bolsos,...; mantiñas e bonecos o croché case me gusta tanto. Ademáis coas dúas nenas e para ratiños curtos durante o día é moito máis sinxelo e non hai que andar con tanto tino por se os puntos se escapan das agullas.
A mantiña Arco de vella para o bebé de Inés loce así:
mantiña para o bebé de Inés 2
mantiña para o bebé de Inés

Agardo que lle goste á mamá coma a min, e que daquí a setembro me dea tempo a rematala, polo momento levo dúas repeticións das cinco que necesito... xa iremos vendo.

Outro dos proxectos en marcha é o pinwheel sweter para a Z.... ou o proxecto maldito.
O ano pasado mercara a lá de liquidación nunha tenda, a Valeria di Roma Topacio en 7 cores distintas que xa non de fabrica. Arrisquei sen saber se me chegaría para rematala e sen posibilidade de mercar máis se fose necesario. O caso é que comecei a chaquetiña con moita ilusión coas miñas dobres puntas de bambú do 4,5... e sobre a terceira cor decateime de que o punto quedaba demasiado aberto, así que o desfixen e quedou á espera. Tería que usar as de 4mm... casualmente as mesmiñas que a nosa Galla esnaquizou unha mañá aburrida, así que quedou máis parada aínda. Despois aprendín a usar o magic loop, todo un descubrimento, e por fin decidín poñerme mans á obra.
Primeiro comecei por 10 voltas por cor, pero eran moi poucas. Desfíxena.
Comecei de novo con 14 voltas por cor, cheguei ata as mangas na cuarta cor, pero pareceume que os puntos entre os aumentos eran poucos para facer despois a manga, así que collín uns cantos máis... mal! Trabuqueime nun dos lados. Desfíxen outra vez, esta vez menos anaco.
Volvino facer de novoe pasei das mangas para chegar á cuarta cor: horror, o vermello que estaba de cuarto entre o laranxa e o verde era dunha gama distinta, demasiado vivo para o resto das cores, non me gustaba NADA. Aproveitei ó quitala das agullas para probarlla, e quedáballe bastante xusta, así que por non desfacela de novo para aumentar as voltas de cada cor decidín facer as mangas máis adiante. Total, que volvín desfacer dúas cores esta vez.
E por fin o resultado estábame a gustar, recoloquei as cores e... non me pegaban dúas delas!!! Un dos azuis e o vermello eran eléctricos a carón dos demáis que semellan lavados. E agora que fago??? Por sorte onte visitei a miña tenda de las e tamén teñen Topacio, e dúas cores que me van moooooito mellor. Agora o caso é cómo as vou organizar. Temas 3 posibilidades, e coido que eu xa teño unha favorita, botádesme unha man? A ver vós que opinades:

O combo 1
pinwheel sweater combo1

O combo 2
pinwheel sweater combo2

O combo 3
pinwheel sweater combo3

As cores que máis se achegan realmente son as desta foto, aínda que non sae o vermello:

as cores

Veña, participade tod@s, tecelás e non (abstéñanse daltónicos e demáis discromatópsicos :-) ).

E iso non é todo, que agora estou facendo os meus "piñeiriños" :-D na costura, pero iso para outro día.

martes 14 de abril de 2009

Volvino facer

Se cadra para diminuir o volume de pelo que hai no chan da nosa casa :), ou porque me fartei de recollelos noutros sitios: na ducha, na almofada, na boca da L., nos ombreiros da miña chaqueta,...

adeus pelos

Comezo a pensar que nunca vou ser quen de ter melena de novo... pero estou ben guapa :D

lunes 13 de abril de 2009

Fotos da Casiña improvisada

Se cadra falamos demasiado axiña. A Z, estivo un bo anaco xogando coas personaxes da súa familia de xoguete: botoulle de comer os animais, sentou a todos a ver "só unha película", lavaron aas mans e fixeron pis e caca por turnos,... e ata o avó fixo patinaxe :)

A casiña improvisada

a avoa e a neta no baño

o avó coas mascotas

miércoles 8 de abril de 2009

Casiña de bonecas

Polo Nadal, grazas á Tía Lu, recibimos na casa un agasallo chulísimo: unha chea de cuartos dunha casiña de bonecas, coa familia ó completo, e un cuarto de baño, un dormitorio, un salón e as mascotas, pero ata agora estiveron gardadas e so as sacabamos de cando en vez para xogar con elas.

O caso é que á pobre familia andaba con todos os seus mobles de mudanza permanente, e pensamos en facerlle unha casiña. Bueno, pensar penseino eu e púxenme buscar ideas para que o Moucho a construíse.

De momento valeiramos os dous estantes máis baixos dunha librería e colocamos alí á familia de xeito provisional, á espera dunha casiña propia, que seguramente será semellante a esta atopada pola rede non sei moi ben onde (síntoo, mirei tantas páxinas que xa non sei de onde a saquei).

Se hai casa finalmente amosarémosvola, pero polo momento vimos que a estantería non tiña moito éxito, así que creo que a construcción vai ser lenta... temos outros proxectos de cara ó verán.

O caso é que buscando e rebuscando atopei este blogue, encantoume! Hai verdadeiros artistas polo mundo, verdade?

martes 7 de abril de 2009

Penélope

Se te ergueses na nosa casa pola mañá e volveses facelo á mañá do día seguinte pensarías que non houbo na casa máis ca pelos reproducíndose (unha gata, dous cadelos e unha nai en plena caida postparto-primaveral dan para moitos pelos nun só día), pero non é así.

Para poñervos un exemplo, deses que seguro que tamén coñecedes, contareivos como a veciña na súa limpeza primaveral (por que non farei eu iso polo menos algún ano?) nos trouxo varios puzzles enormes e pequeniños de foam, un deles o abecedario e os números, case todos. Por suposto o primeiro que fixo a Z. en canto recibiu unha caixa de zapatos chea de pezas minúsculas foi o que máis apetece no mundo: desmontalo e estralo todo como é normal. E despois de que a súa nai o deixara unhas horas estrado para evitar a tentación de volver desmontar todo, en canto tipo cada peza no seu sitio e foi coller á súa irmá pequena... tachán!! Todo volvía ser igual.

A fin de semana descubriu o divertido que podía ser un bote de crema facendo churriños enriba da mesa do ordenador... e no teclado, e no rato.

desastre de teclado e rato á crema

Antonte ademáis a mamá tartaruga adicouse a recoller anaquiños de porespán procedentes dunha embalaxe dalgunha caixa de tooooooda a casa, e parece que non, pero xa leva o seu tempo, e claro, empregas o tempo niso, e os pelos seguen a reproducirse...
E non so os pelos, porque mentres mamá recollía eses anaquiños brancos, a Z. descubriu o divertido que pode ser un papel hixiénico e que versátil é: podes enrollar cousas con el, facer anaquiños minúsculos, cortalo en tiras, facer camiños,...

Onte pintou o seu bebé "o grande" con rotuladores, por sorte para o bebé os rotuladores eran super lavables, así que lle suxerín, mentres cambiaba o cú da L, que usase unha toalliña para limpar tamén o seu boneco, e gustoulle moito a idea, tanto lle gustou que esgotou un paquete enteiriño de toalliñas e o seu boneco quedou impecable.

E hoxe, mentres mamá tartaruga facía o xantar na cociña aproveitando que a L. durmía, a Z. decidiu facer a comidiña tamén na súa cociñiña utilizando como ingrediente base para todos os pratos (e vasos, e cubertos)... licor café!! Por sorte non lle deu por bebelo, e creo que eu pillei media intoxicación so co cheiro que colleu a casa, pero tiñades que ver que graciosa estaba cando a chamei para comer e me dixo: Mamá, mira, péganseme as mans!

E así, día tras día, ademáis de reproducirse os pelos, tamén aumenta a roupa sucia, ou a limpa acumulada en tinas pola casa, ou as cousas que van sendo pousadas enriba da mesa do salón, ou as tazas do almorzo-sobremesa-cea e volta a comezar.

Non é que me preocupe demasiado, pero se vides por casa, que saibades que algo si cambia ó longo do día, so que non se nota porque pasamos o día a facer e desfacer, coma Penélope :D

lunes 6 de abril de 2009

Fastidia

Que pode fastidiar máis que abrir a neveira pola mañá cun bebé no colo, con sono, e fame e que non haxa un cartón de leite aberto para tomar os cereais matutinos?
Pois que haxa un cartón no frigorífico e cando o collas teña exactamente UN MILILITRO DE LEITE!!

Grrrrrrrrrrrr