martes, 22 de diciembre de 2009

Aquela finde na montaña...

... hai xa case un mes, cando nos nevou,... queríavos falar algo sobre aquelo porque para min é unha máis das miñas loitas que case sempre son a mesma: voltar ó natural.

Non vos cheguei a contar onde estivemos e que fomos facer, pois estivemos nas Corcerizas, unha aula de educación ambiental e un exemplo de que é posible facer as cousas doutra maneira. Sinto moitas veces as voces de: "pero non imos voltar á idade de pedra!" "Xa, natural si, pero ben que poñemos a calefacción." Exacto, é que non se trata de morrer de frío senón de utilizar os recursos de maneira máis razoable.

Eu sempre digo que a televisión é a que o pode todo, pode por exemplo facer que a xente vexa normal baixar a calefacción a "só" 21º porque o din nun anuncio, ou que deixen de mirarte raro no super por non usar bolsas de plástico porque dous grandes supermercados deciden facer campaña e non repartilas máis.

Hoxe as nenas durmíronse cedo e vin eu un chisco a televisión, e estaban botando o documentos tv sobre a corrente do Golfo e a vindeira glaciación, e pareceume o momento idóneo para retomar este tema que tiña pendente.

Hai tantas cousas que podemos facer no noso día a día e que poden axudar sen que nos supoñan grandes esforzos: comezando pola temperatura da calefacción, por apagar as luces onde non son necesarias, cambiar as bombillas incandescentes por outras de baixo consumo, instalar nas cisternas mecanismos de doble descarga, recoller a auga fría da ducha para regar ata que sae a quente, escoller cenorias cultivadas aquí ó carón en troques dunhas de Almería (cando non doutro continente) que ademáis veñen plastificadas, consumir produtos de tempada,...

E que é incrible que do lema tan coñecido dos tres erres: reducir-reutilizar-reciclar o único no que se fai fincapé dende as autoridades e o que máis cala entón na poboación é no de reciclar, que debería ser o último. Co doado que pode ser reducir (e ademáis económico): rexeitar as bolsas innecesarias, non usar produtos de usar e tirar, escoller cousas con pouco empaquetado, mercar envases familiares, evitar os bricks no que se poida (a reciclaxe é tan custosa que en Galicia por exemplo non se leva a cabo, preferimos queimar o lixo producindo tóxicos e enterrar os restos baixo os nosos pes... non sei ata cando), mercar pastillas de xabrón en troques dos líquidos, xa que non levan envases plásticos, cueiros de tea, copas menstruais, rexeitar publicidade na caixa de correo ou na rúa, non coller o coche para desprazamentos curtos e na cidade, ...

Falamos de tantas cousas nos dous días que durou o seminario de cambio climático , tantas cousas que podemos facer ademáis das que xa facemos, que non sei nin por onde comezar, o que si sei é que para cada un de nós son xestos sinxelos que se levaramos todos a cabo en maior ou menos medida marcarían un cambio importante. Porque sempre escoitamos falar das reunións dos dilixentes mundiais contra o cambio climático, escoitamos que toman medidas que se quedan curtas e pensamos que non temos nada que ver niso, e despois resulta que o 15% das emisións de efecto invernadoiro son debidas á industria pero a gran maioría do resto as producimos nós: co que consumimos cada día, cos desprazamentos que facemos cada día, co gasto enerxético dos nosos fogares...

Un dos rapaces que participaban comentou que o problema é que hoxe en día non necesitamos da natureza no noso día a día, estamos totalmente desvinculados dela, necesitamos supermercados, transporte e traballo (na oficina, non no campo), pero non necesitamos á natureza no noso día a día

Xa sei, enróllome moito, o caso é que o pasamos moi ben aprendendo moitas cousas novas e outras non tanto, aprendemos uns dos outros e sentímonos cómodos e non bichos raros. Somos conscientes de que nos queda moito por facer e queremos seguir aprendendo, e por se vós tamén queredes, déixovos os enlaces coa información do curso, non tan amena, pero igual de boa :)

A información referida no seminari podedes consultala e descargala nos seguintes apartado da web de Amigos da Terra:

Sección documentación As Corcerizas. Seminario cambio climático - accións prácticas
  • manual para rodar con aceite vexetal
  • usos del compost
  • presentación agrocombustibles
  • forno solar
  • fotografias (en breve)
estamos pendentes de recibir as presentación "adaptadas" de Xesús Taboada sobre Electricidade renovable en Galicia e Bernardo Parajó Mobilidade e conducción eficiente

Sección documentación As Corcerizas. Bioconstrución
  • pintura de cal, de pataca e outros documentos que poden do voso interese
Sección documentación área residuos
  • manual básico de compostaxe
  • fabrica o teu propio composteiro

Ligazons na sección consumo responsable
  • grupos de consumo responsable en Galicia
  • video Rodar con aceite vexetal en vehículos con combustible diesel

Nós construímos fornos solares e 3 tipos diferentes de composteiros, pintura de pataca e ladrillos con lama e palla, e vós só tendes a teoría, pero igual vos animades a ir a vindeira ocasión.



E como xa sei que a entrada é de pesadelo e que o que nos apetece é meternos de cheo a celebrar o Nadal... qué vos parece esta proposta que fan na web? Usade o voso certificado de exención de agasallo e para os pequenos, eu levo case 4 anos intentando atopar unha fórmula para evitar que Papá Noel e os Reis traian tantos agasallos que a Z. se negue a abrilos sequera e aínda non o conseguín, pero se tendes algunha idea estarei encantada de escoitala.

6 comentarios:

  1. Feliz natal Eu quero provar um pouco de toudo :)

    ResponderEliminar
  2. Jo! ¡qué de info! Se me revela el google-traductor, pero muchas gracias y mucha paz!

    ResponderEliminar
  3. Pues mira que no se me había ocurrido a mi lo del traductor... Y eso que se me escapan muchas cosas, pero bueno, supongo que me quedo con lo fundamental. Excelente post. Todos deberíamos hacer más. Aunque creamos que no está en nuestras manos.
    En nuestro caso, Jorge aún es muy chiquito, pero estamos de acuerdo en que las Navidades sean fiestas de detalles, no de muchos regalos.
    Abrazosnavideños,

    ResponderEliminar
  4. Que marabilla de post tartaroucha...xa che teño dito que eu de maior quixera ser coma ti ;o)
    Quédame o consolo de que xa fago moitas cousas das que falas para reducir e reutilizar..
    A ver si se fai unha de esas xuintanzas na praia e no verán porque eu ó monte nevado tería que ir soa co Mateo jeje...
    Apertas

    ResponderEliminar
  5. Ola Tartarouchos! é estupendo ler o estas bonitas palabras desta fin de semana. Encantoume coñecervos, e debatir convosco sobre a coherencia das cousas e da vida.Agardo que o voso composteiro mellorara!e que atopárades as bolsas biodegradables; e se precisades algo, xa sabedes como localizarnos ;)

    Parabens polo blog, que maravilla! desprende enerxía da boa!

    Unha aperta grande aos catro e que empecedes o ano estupendamente!

    "María, amiga da terra"

    ResponderEliminar
  6. dyeve, proba, proba

    niunpuntoatras, es que el google traductor no debería llamarse así sino google destroyer o similar, pero tú pregunta que te echo una manita en lo que pueda, además hay página de amigos de la tierra España, no está el seminario, pero hay un montón de info interesante. www.tierra,org

    Sí que podríamos hacer mucho más Adijirja, pero poquito a poco, y si ya os habéis librado de la avalancha para bebés es mucho, créeme, puede ser un verdadero descontrol. Nosotros este año hemos dejado 6 paquetes para las niñas sin abrir, a pesar de pedirlo expresamente seguimos fracasando en conseguir que no les regalen. Algún día, supongo, llegará.

    mariaD, que sorpresa máis agradable! O noso compostador facía un compost estupendo cando chegamos de volta, así que de momento non fixemos melloras, pero deixámolas apuntadas por se fixeran falla ;), de momento estaba aquelo quentiño e arrecendendo. As bolsas atopeinas á primeira, biocompostables e non de bioplástico, ou polo menos iso din, vou facer a proba no composteiro a ver. Volve visitarnos cando queiras!!

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir