martes, 6 de octubre de 2009

Pero así vai gañar papá

Iso foi o que dixo a Z. onte.

chove

Voltabamos a casa despois de marchar no medio dun concerto só porque á ida se foi tapando ela soa co seu paraugas por primeira vez (ata entón non lle gustara) e quería repetir antes de que escampara. En canto chegamos ó coche preguntou polo papá:
- E papá xa está na casa?
- Pois non o sei, ímolo chamar, si?
O papá Moucho contounos que xa acabara de traballar e ía de camiño, así que enseguida nos viamos na casa.
- Papi xa saiu do seu traballo?
- Si.
- E está no coche polo camiño?
- Si.
- E vai estar na casa cando cheguemos?
- Pois non o sei, cando cheguemos xa vemos, se está o seu coche é que xa chegou.
- Pero así vai gañar papá.

:(
Non conseguín que escapara da competitividade absurda, sabía que ía acabar chegando este momento, pero sentoume tan mal... de súpeto o que ata entón fóra unha alegría: chegar a casa e ver o seu coche era saber que papá estaba na casa, se convertera nun fastidio: porque se chega el primeiro gaña.

Hai un par de semanas tiven unha conversa coa mamá doutro neno despois de que se montara na bicicleta e berrara "a ver quen chega primeiro á porta!!". Segundo ela esta é unha actitude innata, non ten nada que ver con que, como lle suxerín eu, o fomentemos os adultos "sen nos decatar" (aínda que disto non estou tan certa).
Eu sei que existe unha competitvidade innata, unha con significado biolóxico, unha real, é a que por exemplo fai que a Z. queira chegar antes que ninguén ó parque para coller "o seu columpio". Pero hai unha razón para querer chegar a primeira, e cal é a razón de querer chegar o primeiro á porta? Ou de querer chegar antes a casa? Ningunha.
Non creo que de non ser nós os que lles deamos estes exemplos, saia deles querer ser os primeiros porque si.
Igual non nos decatamos, igual non sabemos doutras ferramentas, igual son eu a única á que lle senta mal, e por iso escoito a cada paso cousas como:
- Veña, a ver quen acaba primeiro a sopa! Mira que te vai gañar teu irmán.
- O que se porte ben vai de primeiro na fila (aquí outro exemplo de como facer que estar de último na fila se transforme de ser só unha posición máis a un castigo).
- Que non se nos ocorran máis actividades que carreiras de gateo para bebés (con premio para os tres primeiros, e que debeu ter moito éxito porque este ano repetiron actividade).
- Ale, que temos que marchar, o que poña antes a chaqueta gaña.
- Xogos para nenos pequenos nos que todo consiste en ser o primeiro: nunha carreira, cun ovo nunha culler,
- ...

- Pero así vai gañar papá.
- Que vai gañar, Z.?
- Pois como se di en castelán? (facéndome ver que nin sequera sabe que se pode gañar algo) Se chega el primeiro gaña.
- Non gaña nada, se chega el primeiro cando cheguemos a casa xa podemos velo, e se chegamos nós primeiro aínda teremos que agardalo.

E ata a próxima, que non terdará en chegar.

Queremos seguir transmitindo esta idea ós nenos? Gañar, ser primeiros, é bo (sexa o que sexa), perder é malo.

7 comentarios:

  1. Que importante é isto que contas. Eu lembro que na miña casa se sacabas un nove, pero na clase houbera un dez, xa non era tanto mérito. E se sacabas un seis, pero fora a máxima nota, aí sí que festa. Chegaba un intre no que te alegrabas cando a túa mellor amiga tiña peor nota!
    A competitividade contra un mesmo e a autosuperación son moito máis productivas e satisfatorias que o competir contra os demáis. Non somos "mellores que", somos "mellores" e punto.
    Ainda que vivan nunha sociedade competitiva, coido que as túas fillas sempre terán esa certeza do que é realmente importante.
    Bicos ruliña!

    ResponderEliminar
  2. Grazas á conversa da Z e á súa competitividade, todos saímos gañando, gañamos unha nova entrada no noso blogue favorito. Ese é o noso premio.
    Grazas, pequena, un biquiño.

    ResponderEliminar
  3. Pois eu penso que estamos utilizando a nosa mirada adulta ante un xogo infantil. "Gañar" pode ser sinxelamente unha provocación ó xogo, igual que "A ver se me pillas".
    O xogo cooperativo é importante e moi necesario, pero tamén o é o xogo competitivo, polo sinxelo feito de ser xogo e porque as persoas necesitamos xogar. Iso sen meternos na necesidade de aprender a perder e a gañar (si, hai que ser bos perdedores, pero tamén bos gañadores). Moitas veces "gañar" é simplemente un aliciente para un xogo simple.

    Non sei si dei explicado o que quería decir; son ideas que me xorden, por exemplo, cando a Terre dille ó seu amigo "Xoguemos a pilla-pilla" e botan a correr en círculos: para min non ten lóxica, non se sabe quén persegue a quén, pero ámbolos dous rin a gargalladas mentres corren: "pillarse" non é o obxectivo para eles, o fundamental é o feito mesmo de xogar xuntos.

    ResponderEliminar
  4. Pois pode que sexa así, Maxiavida, por iso non hai nada que gañar: é simplemente a maneira de darlle forma a un xogo.
    De todas formas, que interesante todo!Acabo de descobrir este blog e xa son fan!! Graciñas compartir as vosas ideas

    ResponderEliminar
  5. Bueno , para min a competitividade vista como un xogo non ten nada de malo.
    Os meus tres compiten moi a muido , e estou certa qde que é algo que sae de eles realmente, non dos adultos..
    Corren a ver quen chega primeiro a porta , e divírtense ; as veces facemos o típico a ver quen remata primeiro a sopa , eso sí que é cousa aprendida dos nosos pais claro ;o) , pero se a sopa non lles presta tampouco funciona ,jeje...
    Para min é como para Maxiavida , unha faceta mais da vida...
    E se non fomentas a competitividade absurda esta vai quedar ahí : nun xogo que pronto os aburre... Por exemplo agora xa case nunca pelexan por chegar o primeiro ( hai uns meses sempre acabab chorando algún :o() , ou por gañar nos xogos de mesa...
    Realmente o pasan moito mellor facendo cousas creativas e sen unha finalidade única , non sei se me explico...
    Por exemplo xogan os tres a construir mundos imaxinarios , ou a ser personaxes dos debuxus animados , ou a mais-pais, irmáns -avós...etc...
    E con eses xogos non competitivos o pasan pipa.
    Por iso non me amola nada,que de cando en vez boten unha carreira , ou digan "gané!!!" cheos de ledicia...
    Un biquiño

    ResponderEliminar
  6. Non creo que sexa malo. O malo sería que se convertese nunha obsesión ou que se usasen malas mañas para conseguir o obxectivo.
    Hai que lembrar que para ser millores temos que competir contra nós mesmos.

    ResponderEliminar
  7. Supoño que cada un e cada unha de nós temos a nosa maneira de ver as cousas. Para min a competitividade (cos outros, non a autosuperación) trae máis cousas negativas que positivas, non podo evitar que veñan a miña cabeza imaxes de nenos correndo sen importar se pisaron, empurraron, ou demáis ó do lado, por moi amigos que sexan, nin podo deixar de pensar en como se infravalora (por non valorar) ós que nunca chegan de primeiros a nada, como se van moldeando papeis de "os mellores" e "os peores", e etiquetas que moitas veces perduran anos. Ou non se viviu así nos vosos colexios?

    Pero para min non é como o que contas, Maxiavida, entendo que precisamente se dan voltas coma tolos ou non comprenden o mecanismo do xogo, ou atopan o divertimento simplemente en correr e non en acadar o obxectivo, non en gañar ou perder. E pódoche asegurar que non é o que lle pasa á Z. quen cambio o ton de voz completamente, de "estará papá?" con ilusión a "se chega el primeiro vai gañar" con preocupación e tristura. E para min, á quen si lle parece un tema importante, algo que non é necesario fomentar, resulta doloroso ver este cambio.

    Entendo que pode haber xogos ou deportes competitivos (que seguen sen me gustar, polo menos a estas idades), pero vedes que o que ela fai e trasladalo a tódolos ámbitos da vida: non é que se gañe cando se xoga ó fúbol e se meten máis goles, se gaña cando se chega antes a unha porta, se gaña cando se remata antes de xantar, se gaña cando se chega primeiro a casa... e dáme mágoa que entenda así (aínda que non sexa para sempre) a vida.

    E que gusto saber das vosas opinións!! :)

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir