martes 28 de octubre de 2008

Outono no Courel

Nota: O post está a medio escribir dende o día 28, a falta das fotos e algún detalliño máis, así que publicareino con esa data.

Aiii, pero que resaca máis rica teño, resaca de bos aires, resaca de boa compaña, desas raras resacas que non che quitan o sorriso da cara.

Pasamos unha marabillosa fin de semana no Courel os Tartarouchos cos amigos, e cheos de rapazada por todos lados... e pilloume por sorpresa o ben que o pasei.
Sabía que ía gozar do tempo coas miñas bruxiñas, pero non sabía que ía sentirme así de ben cando a Z. espertase pola mañá preguntando onde estaban os seus amigos, sabía que estaban na mesma casa e era no primeiro que pensaba nada máis erguerse; cando a vise pasar o día enteiro enredando cun uns e con outros sen enfadarse nin aburrirse, so por estar acompañada; dándolle a man a Zi. para "axudarlle" a baixar as escaleiras; pedindo colo do Carolo (amor non disimulado dende a primeira vez que se viron)... é moita máis felicidade que cando ti o estás a pasar xenial, os fillos o pasen igual de ben ca ti, ou pode haber algo mellor?

Bos días!

IMG_1743

IMG_1752

Na fiestra

Ademáis os parellos fixeron boa masa e compartiron tempo entre todos que eu creo que non lles importaría repetir, esta vez non foi un favor o que nos fixeron ás bruxiñas, eles tamén gozaron da fin de semana, da botella de licor café, das conversas ata as tantas da madrugada, dos almorzos multitudinarios con cheminea,...

Unha cea

E aprendemos moitas cousas:
- aprendemos vocabulario zonal do que xa non me lembro e que me da unha envexa tremenda non ir utilizalo nunca, verbas de monte, de aldea, de campo: unha veiga, un trollo, un vi... como era?, ai, que mágoa!;
- aprendemos que hai un tipo de carballo que se chama rebolo, que ten o tronco máis pequeno e as follas con máis entrantes;
- soubemos de cogumelos;
- de helicópteros naturais (como se chamaban esas sementes, Calviño?)
- e aprendemos moito dos zánganos e do listas que son as abellas: producen moitos na primavera porque poden acarrexar moito máis néctar ca elas ó seren tan grandes, pero tamén consumen moito mel, así que cando chega o inverno e fan falla as provisións non os deixan entrar na colmea, e como son tan listas que os "fabrican" sen aguillón, ou entran e morren por non poder defenderse ou quedan fora e se buscan a vida, os pobres, desterrados; e sabedes por que se lles bota fume ás colmeas cando se vai buscar o mel? As abellas pensan que o monte está ardendo e enchen o bandullo con mel para ter reservas por se hai que escapar e montar a colmea noutro sitio, e co bandullo cheo non poden doblarse para chantar o aguillón.
- de quitamerendas

Quitamerendas, tollemerendas

- de castiñeiros senlleiros,...

O castiñeiro senlleiro

E no Courel hai unha luz especial, so ver as fotos de novo ilumínase o sorriso na faciana :-)

IMG_1793

paseando

a luz no Courel

acampamento Caurel

acampamento Caurel

hai outono que aínda non chegou aquí,

acampamento Caurel

Outono

nunca esta camiseta tivo tan pouco sentido :-),

quen roubou o outono dos montes galegos

hai castiñeiros...

Carolo e o castiñeiro

castiñeiros

e castañas e ourizos polo chan,

Castañas

no chan

Por suposto estiven coas miñas bruxiñas e tivemos un aquelarre especial, para nós, so mulleres (grandes e pequerrechas :-) ), e a máis feliz seguro que fun eu, co meu chaveiro especial das vidas pasada, presente e futura, pero sobre todo cun chisco de cada bruxa; coas candeas de herbaluisa; a música escollida pensando en min e para min (e que estou a escoitar agora, como non :-) ); a pelota, que xa está hinchada e preparada no salón, e a máquina de xeados que foi estreada onte cun xeado de amorodos, mmmmmmmmmmm.

Aquelarre

Pero o mellor de todo foi estar e de compartir tempo e sensacións coas miñas bruxiñas: grazas guapas!! Quérovos!!

Aquelarre

Mención especial para a bruxa catuxa, que non puido vir no último momento e que de seguro o habían pasar moi ben toda a familia :* Grazas tamén

Todos felices!

Que se repita axiña!!!

martes 7 de octubre de 2008

En Galiza tómase teta

A primeira semana de outubro celébrase a Semana Mundial da Lactación Materna en toda España, e neste recunchiño non iamos ser menos, non? Pois tamén o celebramos cunha festa por todo o alto: un par de horas longas de coche para cehgar a Moaña a pasar o domingo nun ambiente agradable e familiar, comendo cunha chea de xente que aleitaba ós seus pequenos ó mesmo tempo que levaba a comida á boca... algo tan natural e que ata a min se me fixo "raro". Seguro que algún día , pouco a pouco verémolo por todos lados.


Unha das cousas a resaltar foi a presentación do libro de Galaxia "Eu tamén son fonte", precioso, preciosísimo, non so polo texto de Teresa Moure, senón polos debuxos magníficos, marabillosos, para min os que fan realmente o conto, de Leandro Lamas.
Sorprendeume que sen ser unha persoa vinculada á maternidade, á crianza con apego, que non ten fillos, reflexe tan ben o espírito: no libro sae a nai coleitando co seu bebé porque segundo el cando lle preguntamos "o viu natural". E mirade estoutra ilustración del coas mamás cos nenos nos portabebés (quixen poñer o enlace ó seu post, pero non fun quen).



Tivemos a sorte de que Galaxia contase con FEDEGALMA, a Federación Galega de Asociacións de Apoio á Lactación Materna, e grazas a isto fixeron unha edición especial de 4000 exemplares que se repartirá entre as futuras nais. Todo un luxo. Pero ademáis, a partires desta semana pódese conseguir nas librerías, así que as que queirades un conto de lactancia materna en galego... pois xa o hai, e é precioso :-)

Ademáis o domingo gozamos dun concerto de arpa e guitarra con contacontos incorporado, que lles encantou ós pequenos, e máis aínda porque mentres tomaban teta ;-)



E pola tarde, despois do xantar, os nenos pasárono en grande nas instalacións do cole, cun castelo hinchable, uns contacontos-pallasos, un baúl cheo de desfraces, e un obradoiro de instrumentos musicais xeniais.

Nós acabamos mortiños, pero pasámolo moi moi ben. Unha mágoa que non se poidan facer estas cousas máis a miúdo porque da gusto estar entre tanta "xente rara".

lunes 6 de octubre de 2008

Cando sae?

Crin que a conversa que tivemos a Z. e máis eu onte na viaxe de volta a casa tivera algo que ver cunha conversa anterior cos avós, pero despois de preguntarlles, resulta que con eles non falou disto, saben que non queremos que se agobie antes de tempo co tema do novo irmán.
E parece que pasa do tema ata que nunha destas che descobre que ela vai mascullando o asunto por dentro.

Z: Mamá, ti que tes?
Mamá: Que teño onde?
Z: Na barriga.
M: Un bebé.
Z: E cando sae o bebé?
M: ... pois cando poñan a estreliña na casa das letras vermellas entón xa sae o bebé.
Z: Vale, e eu cólloo.
M: Vale, cando saia cóllelo ti. :-)
...

Z: E cando saia téñolle que amosar a Olivia (a nosa gata)
M: Claro!
Z: E Olivia vai coller ó bebé.
M: Non, Olivia non pode coller ó bebé porque non ten mans.
Z: Pero eu si que teño mans e podo coller ó bebé.
M: Si, ti si.
Z: Pois eu quero velo.
M: Pero é que agora o bebé aínda é mi pequeniño, e ten que medrar máis dentro da barriga para poder sair.
Z: E ten que romper a barriga para sair.
M: Non, non ten que romper a barriga, sae pola vulviña.
Z: Pola miña?
M: Non, pola de mami.
Z: Ah

:-)
Que máis haberá dentro da súa cabeciña?

miércoles 1 de octubre de 2008

Sesta

A sesta

O outono fai que xa necesitemos a mantiña para nos tapar, pero aínda nos deixa gozar deses raios de sol... luz máxica do outono.

Nota: e con ela participamos no concurso de Lolita Blahnik