martes 30 de septiembre de 2008

30+4 semanas

30+4 semanas

E seguimos medrando xuntos... ou xuntas? ;-)

Xa comezo a non durmir polas noites, da Z. tamén me pasara as últimas semanas, dalgunha das miles de veces que esperto para ir ó baño pola noite non podo retomar o sono de novo e quedo un par de horas "descansando e pensando" que son moitas as cousas que teño que pensar: o meu plan de parto para entregar no hospital, o curso coa miña matrona (que ía ser esta finde pero se tivo que pospoñer ata o 17, 18 e 19; así que aínda estades a tempo de vos apuntar se queredes), @ bichiñ@ na miña barriga medrando,... Imaxino que isto de non durmir é unha preparación do corpo para o que agarda despois.

Boto de menos de momento o contacto con barrigas afíns, non vou ás clases de preparación do sergas porque a miña forma de pensar cambiou moito e ir coa matrona, á que coñezo, e non poder dicir que non estou dacordo con tantas cousas... e escoitar outras das futuras mamás... pero o certo é que boto de menos conversas con embarazadas que estean na miña liña, e falar da barriga con alguén que me entenda, meterme en materia, centrarme e concentrarme... cousas curiosas as que botamos de menos, cousas que nunca pensei extrañar.

E é que xa vai quedando menos para gozar desta parte da maternidade que sei que vou botar tanto de menos dentro dun par de meses, pero botareina de menos con recompensa :-)

lunes 29 de septiembre de 2008

Estrelas de cine

Hai un par de semanas, farta de escoitar á Z. repetir frases enteiras dos debuxos en castelán decidín mercar algunha das pelis que hai dobradas ó galego. Escollín Nocturna e foi unha moi boa elección: gústanme os debuxos nada tradicionais, as tonalidades amarelas e verde-gris da luz e a escuridade, que son as únicas en toda a película, a música e a historia, que comeza cando Adhara, a estrela de Tim, un dos nenos do orfanato, se apaga.




Onte estabamos na cama tratando de relaxarnos para durmir e a Z. comezou a falar da miña barriga non sei moi ben como... o caso é que de súpeto emocionouse toda e cun tono de voz ledo, como cando propón que tomemos un xeado por exemplo, dixo:

- E cando saia o bebé da barriga vai aparecer Adhara!!!

Non sei que foi exactamente o que quixo dicir ela, pero quedoulle tan ben, tan poético... ata me fixo dudar de que o bebé sexa un neno... e o que é peor, se é unha nena case me sinto empuxada a cambiar o nome, que queriamos que fose galego, por este...

martes 23 de septiembre de 2008

galletas con "pegadas dixitais"

Por petición popular poñemos logo a receita das galletas.

Proxecto semanal: galleta

Ingredientes:

  • 1 laranxa lavada
  • 2 cuncas de fariña
  • 1/2 culleriña de levadura
  • 1/4 culleriña de sal
  • 1 cunca de manteriga a temperatura ambente
  • 1/2 cunca de azucre
  • 3/4 culleriña de extracto de vainilla (nós non o atopamos, así que usamos azúcre vainillado)
  • 1/4 de culleriña de extracto de améndoa (usamos améndoa raiada, máis cantidade)
  • marmelada de amorodo, de mora, de pexego,... chocolate, virutiñas de cores, pasas,... o que queirades para decorar.
Ralla a laranxa (a parte branca da pel non, que amarga) e reserva unha cullerada (nós usamos toda ralladura).
Mestura os ingredientes secos: nun cacharro mediano: lavadura, sal e fariña. Mestúrao ben ata obter unha mestura homoxénea.
Mestura a masa: Bota a manteiga nun cacharro grande e bátea ata que estea branda e esponxosa. Engade o azúcre e segue batendo ata que teña unha cor palida. Engade a pel de laranxa, a vainilla e a améndoa e báteo. Vai engadindo a fariña pouco a pouco e batendo.
Distribúe a masa: en dúas reixas ou bandexas para o forno cubertas con papel de forno (nós usamos unha lámina de silicona, reutilizable e non se pega nada! Un inventazo!) separadas uns 5 cm unhas das outras. Mete o polgar deixando a túa pegada e enche co que queiras.
Cando teñas as bandexas preparadas méteas no forno 18 minutos a 180º C (co forno prequentado, claro).

E a comer!

lunes 22 de septiembre de 2008

Número 5

Na parte superior dereita da páxina aparece un 5 e a Z. di:
- Mira, mamá, un cuellilargo pequeño!

:)

domingo 21 de septiembre de 2008

Proxecto semanal: galleta

Desta vez os libros tiñámolos na casa, os dous son o mesmo conto pero en distintas versións: A galleta de xenxibre e O homiño de mazapán.
A galleta de Xenxibre ven nunha caixa que á Z. lle encanta porque ten forma de casiña e con fiestras e en cada fiestra vai gardado un conto, lémolos vinte veces ó día e outras tantas os quita e os pon de cadanseu sitio.
O outro e a versión do mesmo conto, pero de kalandraka, en edición minilibro.

Proxecto semanal: galleta

E como era de agardar, fixemos galletas! O único malo de facer galletas é que nesta casa o doce so me gusta a min, e gústame de máis, así que dura pouco e acaba todo no meu bandullo. Fixémolas o venres á noite e quedan unhas 10 galletas...
Aproveitamos para usar o libro que nos emprestou Aivou, é de repostería para nenos, a partir de 8 anos, aproximadamente, para que eles soíños fagan postres doados. A verdade é que o libro está moi clariño, e as receitas son fáciles de verdade, pero a Z. aínda non as fai ela soa, claro.

Proxecto semanal: galleta

Aínda así, con dous adultos na casa moito mellor para evitar perder os nervos cando medio paquete de fariña vai ó chan e non sabes a que atender, facer galletas é un exercicio xenial: participan na cociña, nunha actividade de adultos que tanto lles gusta, cullerean, remexen, amasan, e mánchanse... que pode haber máis divertido!
Ademáis sorpréndennos con xestos coma o da segunda foto no que a Z. utilizou unha culler pequena para intentar baleirar o contido da grande que estaba pegado. Non sei se foi por imitación, aínda que dende logo non dese día, pois nós non o fixeramos, ou por iniciativa propia.

Proxecto semanal: galleta

1. Proxecto semanal: galleta, 2. Proxecto semanal: galleta, 3. Proxecto semanal: galleta, 4. Proxecto semanal: galleta, 5. Proxecto semanal: galleta, 6. Proxecto semanal: galleta


Fixemos varias: con chocolate con leite, con chocolate negro, con fideos de cores, e con marmelada de moras (para min as mellores).

Proxecto semanal: galleta

sábado 20 de septiembre de 2008

Ser nai

Veño do blog de Pilar e non podo evitar falar disto: de ser nai.

Eu fun sempre un pouco Susanita, so un pouco porque de casar non quería oír falar :-D, pero sempre quixen ter fillos. Dábame vergoña recoñecelo diante de meus pais porque sempre pensei que de min se esperaban outras cousas e non esta. Unha muller de proveito non é agora a que ten fillos, senón a que ten unha carreira e un bo posto de traballo.
Coas miñas amigas si que o falaba, e chamábanme tola, claro, quen na súa adolescencia falaba de ter fillos? Quen dicía que pensaba que se a muller comeza a estar preparada para ser nai ós 15 anos agardar ata os 40 non era o máis natural? Comprendía e asumía que a min me tocaría facer o mesmo porque era o que mandaba a sociedade: tiña que estudiar, atopar un traballo, estar estabilizada, atopar un bo mozo co que querer ter fillos polo medio, mercar a miña casa, o meu coche, facer moitas viaxes,... "gozar" a vida, vaia. A única que durante anos falaba así era eu, pero como sempre estiven un pouco tola coido que me daban por perdida :-). Pensaba daquelas que quen non tiña fillos era egoísta, pero cambiei de parecer, quen me parece egoísta hoxe son os que deciden ser pais, aínda que non queiran, so porque toca, ou por se dentro dun tempo queren selo e xa non poden. E non me parece egoísmo este feito senón o de que seus fillos "interrumpan" as súas vidas que pretenden que sigan sendo exactamente iguais ca antes e se convirten no estorbo e nos culpables de que non "poidan vivir".

Hoxe teño falado disto moitas veces, que impotencia se sinte cando non podes explicar á xente, a quen te quere, ou a quen non te coñece tamén, que es feliz. Cando ves ou sintes esa mirada de... "pobre, o que lle quedou por vivir". Como se a miña vida rematase ó ter fillos, incluso coma se tivese botado todo a perder.
Sei que non fago as cousas ó uso, pero iso non é novidade tratándose de min, non? Non me resulta doado saber que teño a carreira por rematar e que "debería" estar traballando nalgures por se o día de mañá... Sei que moitos pensan así e sei que non lles falta razón, pero os "por se", igual que o que fai "a masa" semella que non foron nunca comigo, e non sei se poderán imaxinar o feliz que son vivindo así agora e que facendo o que se supón que debería facer pode que non fose tan feliz nin agora nin despois.

Tiven sorte, teño moita sorte por vivir a vida que vivo, non sei canto me durará esta vida, pero hoxe síntome nai, cando me preguntan a profesión é o que teño ganas de respostar: nai, non coma un traballo, senón coma unha vida, coma o meu ser. Supoño que para quen non o sinte é difícil de comprender, pero pode ser, de verdade.

viernes 19 de septiembre de 2008

Bilingüismo

Hoxe esta entrada vai adicada ó Calulino, que cumpre anos!! (non vou dicir cantos, jeje)

Carolina foi a miña compañeira do piso de estudiantes e cando penso no tema do bilingüismo na nosa terra sempre me lembro dela. É lisboeta, e non chegaba a comprender a situación que vivimos aquí. Lembro varios debates, dos que a min tanto me gustaban, e como ela expoñía que non era lóxico que unha persoa false en inglés e outra en francés por moito que os dous se entendesen, que o lóxico era utilizar a mesma lingua. Pero é que a nosa é unha situación especial, as dúas linguas conviven, no mesmo territorio e na mesma xente, todo o mundo entende o galego e o castelán e cada un usa o que lle apetece (ou así debería ser) sen problema na mesma conversa porque todos sabemos que todos o entendemos perfectamente... ou non.

Estabamos na muralla a Z. e máis eu e alguén nos preguntou se a había outra baixada máis adiante ou tiñan que saír xa, a seguinte pregunta foi se a catedral estaba preto: pois xusto na seguinte baixada. Respostei e quedei tan tranquila ata que... ui, ese acento non era daquí... e eu como lles respostei? En galego, claro.
Pensarían, coma teño escoitado tantas veces dos cataláns, que son unha maleducada e que non me deu a gana de respostarlles en castelán, cando foi simplemente que non me decatei de que non era a mesma situación que se da a cotío.

jueves 18 de septiembre de 2008

Efectos secundarios do embarazo na Z.

Onte fomos ó centro e quixo levar un coelliño de peluxe. Non ten amor por ningún animaliño en concreto, pero nos últimos tempos gústalle xogar con eles e máis cos ríxidos.
O caso é que deixamos o coche aparcado na rúa para ir ó supermercado cando normalmente o metemos no aparcadoiro do establecemento, así que tivemos que ir andando un anaquiño. Polo camiño a Z. falaba co seu coelliño:
- Noooooon, no colo non podo levarte que non podo contigo, é que estou moi cansa, pero se queres lévote no cabaliño, si?

:-(

Por sorte o seu coelliño non ten o medo que ten a Z. dende hai un tempo a ir a cabalo, así que fixo o paseo subido nos seus ombreiros.
E realmente é que non podo con ela, entre a tensión polo chan e o ferro polo subsolo ando derreada aínda que non faga nada e case non podo cos brazos cando a collo, pero non podo evitar sentirme un pouco mal polo que lle estou roubando.

Entre iso e a teta... últimamente reducimos as tomas ata 3 u 4 ó día e cando podo menos, epro ela non deixa de pedir, confórmase con deitarse con elas ou facerlles algún aloumiño as máis das veces, pero sei que o pasa mal. E estes últimos días están sendo horribles, teño os bicos tan sensibles que me molesta o roce da roupa simplemente... e segue a doerme máis quitarlle algo que sempre foi seu.

martes 16 de septiembre de 2008

Agasallos

Abrín o buzón e alí estaba o paquete, que ilusión!! Que pode haber mellor que recibir un paquete no buzón e cun agasallo dentro! Sempre me gustaron as cartas, non vos produce unha sensación especial recibilas? Pois a min si.

E esta vez Aivou enviou uns agasallos para a Z.: unha camiseta tuneada, que está preciosa!! E máis unha harmónica, para que poidamos continuar o noso proxecto do aire, a Z. gustoulle tanto ou máis que ó Moucho, que xa nos tocou un anaco do cumpreanos feliz e estivo buscando notas todo emocionado. E a min que sempre me pareceu imposible tocar algo recoñecible cunha harmónica e resulta que si que se pode!

agasallos :)

A camiseta lévaa posta hoxe e está toda guapa! Grazas Aivou!

Ademáis da última viaxe a Grou trouxemos os agasallos das veciñas para o novo Tartarouchiño e tamén un poncho moi chulo para a Z.

agasallos

28+3 semanas

Así me vexo eu:

28+3 semanas

E así máis ou menos me veredes vós:

28+3 semanas

Bueno, así así non. Onte falaba (escribía) con Aivou e dicíame que agora si que tiña cara de preñada, é curioso, pero eu non me vexo cara de preñada. Sei que en canto pase o preñazo e un tempo, que non sei canto abranguerá despois de ter ó bebé no colo por primeira vez, mirarei de novo estas fotos e verei esa cara de preñada clarísimamente, pero hoxe miro as fotos e so me vexo guapa. Non sei se é que non miro con moita atención, pero sospeito que as causantes son as hormonas.
Como é posible? Quen pode explicar cómo unhas sustancias químicas poden producir efetos coma este? E á vez producir tantos outros en min e no novo tartarouchiño?
Non sei se algún día nos atreveremos a dicir que o descubrimos, que por fin sabemos como funciona todo o noso corpo, pero teño a sensación de que chegado ese día quedaranos moito por coñecer e nin sequera nos dariamos conta.

En fin, que estou feliz e agora o único que me apetece é mirar para os meus embigos: os que teño na barriga e o que xa saiu.

:-)

Máis atrasos: Proxecto semanal vermello

Si, nós tamén participamos esa semana, pero a Tartaruga ándavos liada e ten moitos atrasos na actualización do blog. Cada día acontecen unha chea de cousas que vos quero contar e quedan no aire.
Dous días despois de contarvos a sorpresa dos puzzles aínda nos sorprendeu máis a Z. facendo un deles ela soíña, completamente soa. Fíxoo dúas veces seguidas e decateime de que colocou as 12 pezas as dúas veces exactamente na mesma orde, así que a miña dúbida agora é se soubo facelo con memoria fotográfica ou porque comprende a estrutura do crebacabezas... de calquera xeito, que listiña nos é! ;-)

Comezamos co proxecto semanal co par de libros de collemos esta vez na biblioteca. No de Idana Rodríguez, despois de lerllo unhas cantas veces a Z. fixo a súa propia versión e dunha mazá enfeitizada pasou a ser unha mazá embarazada :-D, e sabedes que é isto? Dúas serpes con moitos ollos. (mañá intentarei poñer as fotos)

Fixemos unha mural no chan coa nosa últimamente tan divertida pintura de dedos. Comezou usndo o pincel, pero logo quixo rematar a obra usando o propio: os dedos. Finalizamos rematando o bote de marrón (que está na gama, non?)

vermello

E para rematar, un bonito conto:
- Que flor máis bonita, é "doja", é vermella, e quen a pintou?
- Pintouna... pintouna... pintouna a pranta.
- Que boa a pranta! Que flor máis bonita!

vermella

martes 9 de septiembre de 2008

Avanza, avanza...

Nesta última semana sorprendeunos con varias cousas que nos fan ver o que medra.

Hai meses que lle agasallaron algún puzzle, e eu tremía cada vez que quería facelo porque era imposible conseguir que colocase unha peza dereita, nin explicándollo, simplemente non estaba preparada e eu acababa desesperándome. Pero entón a semana pasada quixo facer un crebacabezas inmenso, dunhas 20 pezas, que me parecía o máis imposible de todos. Intentei disuadila varias veces pero non o conseguín e ... sorpresa! Fíxoo. non quero dicir ela soa, non, con axuda, pero vin que comezaba a comprender como poñerlle un corpo a unha cabeza, como continuar o debuxo, ... levamos toda a semana facendo puzzles, máis doados e máis difíciles, con máis ou menos axuda, e a min encántame ver os seus avances... e a ela tamén.

Descubrina facendo o famoso dos osiños, no que antes ía probando pezas e preguntando insistentemente de quen era cada peza de roupa ou cabeza. Agora sabe perfetamente de quen é cada peza e incluso as vai clasificando cando non están no seu departamento correspondente.

E falando de departamentos, decaiteme de que hai un tempo que acerta sempre onde tirar o lixo. Moitas veces pregunta, pero pregunta ben: pregunta se o prástico vai no caixón do prástico, o papel no do papel, hoxe tróuxome o cacharriño onde botamos o orgánico para que botara as pelas da mzá no compost... e ninguén llo explicou nunca. É certo que os nenos aprenden coa prática e non con teoría, que burros somos os adultos intentando meterlles teoría inútil para os seus cerebros (se cadra non inútil, pero seguro que menos efetiva).

E xa non fai torres enormes dun so bloque, o sábado, por primeira vez fixo un muro, non era unha construción alta, agora colocaba as pezas ó ancho e ó alto.

E conta contos, e cóntaos tan ben que me sorprende. Ás veces non lembra unha parte, atáscase e acode a pedir que llo continuemos, ou simplemente ante a frustración abandona. Pero sorrío dende o salón cando a escoito contar un conto tras outro agachada das miradas. Penso en coller a cámara de vídeo e facerlle un para non esquecelo nunca, pero penso que se a collo o momento vaise esvaecer e déixoo pasar.

A as cousas que se nos pasarán por alto? Pero ela segue aprendendo e avanzando día a día, medra diante nosa e eu gózoo. Non quixera perderme máis do imposible, encántame vela facerse grande.

viernes 5 de septiembre de 2008

Pantalón para @ nov@ tartarouchiñ@

Pensei que sería máis complicado, pero fíxeno con ganas e remateino enseguida, ademáis é algo que me parece útil de verdade como agasallo (ata para o meu Tartarouchiño), e ata me gustou o efeto do "jaspeado" (que sigo sen saber como se chama).

Pantalón para o bebé

Pantalón para o bebé

Ademáis algo bo a ter en conta con bebés de teta e cacas explosivas... é 50% la 50% acrílico, así que vai á lavadora sen problema ;-P

Atrasos: Proxecto semanal pirata

Desta vez non temos fotos, tampouco foi moito o que traballamos no tema, mea culpa, se cadra porque non me atraen demasiado as historias de piratas, igual porque quería explicarlle á Z. o que eran e non atopei nada máis interesante que a búsqued de tesouros, así que iso foi o que fixemos.
Agachar e atopar un tesouro especial pola casa e ilo buscando con pistas, verbais claro, e doadas.

Buscamos libros na biblioteca, pero non nos gustaban os que había de piratas, eran todos para maiores e a Z. estaba máis interesada en facer algún puzzle.

Puxemos unha camiseta de piratas que temos, pero como parte da nosa vida normal.

O que non quería pasar sen dicirvos é que escoitamos a canción preferida da Z. " O pirata Mete pata" de Mamá Cabra.
Que nos encantan, en disco e en direto e que volos recomendamos a todos porque ademáis o toque folk co vento da frauta ou a gaita fan que ós máis grandes non se nos fagan aburridas coma outras cancionciñas para nenos de toda a vida (e co ritmo constante do xinato da cabra soando por atrás). Vaia, que nos gustan :-)

O tema desta semana: Vermello

Por certo, que a especial Olivia- Chuculeta inaugura blog de crianza en galego: Landras e robots
Que ben! Algo máis para compartir.

Durmir

Hai uns meses que a Z. non esperta polas noites (aínda que non agardo que dure, e menos cando chegue o bebé), pero hoxe sorprendeume durmíndose á hora da sesta sen teta, sen ningún tipo de contacto físico e sen ser no coche...

Aix, xa estamos coas dualidades da maternidade: gústame vela avanzar, pero... faise grande, snif, snif :-)