viernes 29 de agosto de 2008

Flash back

Bocadillos de lomo con queixo chorreando a mestura de ketchup e maionesa, no Hilton antes de voltar a casa de madrugada. Que ben me sabían, mmmmmmmmmmm.

jueves 28 de agosto de 2008

Non é un can galego!

Z - Era un perro moi feo.
Moucho - Si? Era un can moi feo?
Z - Non, un can non, era un perro.
Moucho - Si, pero en galego dise can.
Z - Que noooooooon! Que non é un can galego!!! Es un perro!

Tamén me apunto ó sorteo

Penseino mellor e, case no límite, voume decidir a participar no sorteo desta taciña para o meu Moucho adicto ó café (vai ser certo o da a taza, jeje). Non lle digades nada, eh? A ver se nos toca e lle dou unha sorpresiña.




Se tamén queredes participar, entrade neste post de Gisele Jaquenod e seguide as instrucións. Rápido, que se acaba o tempo!!

Adiviña

- Mamá, agora un deses cadrados.
- De cales?
- Deses que parecen un cadrado.
- ???
- Veña, faino nunha máquina.

Solución: Un sandwich.

:-D

Paraíso ó pe da casa

Sei que as fotos non din o que é, pero que despois de anos vivindo aquí descubriramos ista marabilla aínda agora... É unha sorte telo descuberto, e xa que está tan pouco transitado non imos descubrir o segredo para que acabe cheo de lixo... aínda que se cadra á xente non lle interesa pasear por aquí e somos nós os tolos.

Cara o final do paseo hai unha chea de camiños inexplorados, así que gardamos esperanzas de seguir atopando máis paraísos.

paseo pola fraga

1. na fraga, 2. na fraga, 3. na fraga, 4. na fraga, 5. na fraga, 6. xunto ó río, 7. o río, 8. zapateiros, 9. o río, 10. auga e raíces, 11. o muiño, 12. no río, 13. xunto ó río, 14. xunto ó río, 15. paseo na fraga, 16. e isto que é?, 17. na fraga, 18. ó final do paseo, 19. Ó final do paseo, 20. na fraga


E ó remate do paseo... ben nos podería valer esta, non si Tía Rita?

miércoles 27 de agosto de 2008

Unha noite de marcha na Coruña...

... anos atrás, atopámonos nalgún dos locais noturnos que visitamos a unha parella ben curiosa. Poderían ter sido dous pesados calquera deses que atacan polas noites, pero non sei por que aqueles, aquel día, parecéronme simpáticos: era tan absolutamente ridículo que a estratexia para ligar fose inventarse que un deles era inglés e que estaban a facer unha película de debuxos animados na Coruña... que non puideron máis que caerme simpáticos.

Obviamente eu era consciente de que todo era unha bola coma un mundo, e creo que nunca me rin tanto facéndollo saber. Aínda me lembro do: "Para qué les hablas, si son unos pesaos", das miñas amigas. A estratexia non funcionou para os que imaxino que eran os seus propósitos, pero, polo menos eu pasei unha noite ben agradable.

Ó día seguinte e durante unha longa temporada lembrabamos os tíos raros aqueles , ata que un día, algúns meses despois se anunciaba a estrea de O Bosque Animado, e todo o que contaran aquelas dúas personaxes sobre a suposta película cadraba á perfeción (mirade senón o apartado de Desarrollo-> oficinas na súa web: si que estaban na Coruña!!!).



Hoxe deixamos o coche a "tunear" así que aproveitamos a mañá e entre outras moitas cousas, fomos a outra biblioteca na que tiñan esta película, das pouquísimas en galego.

Mira ti por onde lles vou ter algo máis que agradecer a aqueles dous a parte dunha noite entretida :-)

Nota: post inspirado por Meninheira

martes 26 de agosto de 2008

Marmelada de moras

Aquí está, por fin, a marmelada de moras.

Necesitaba facela e pensei que non ía poder, pero si. O malo é que quedei con mal sabor de boca porque a cocín un chisco de máis e non sei se será moi untable :-(. Así qeu a ver se conseguimos xuntar outro kiliño para repetir e mellorar.

Aí vai a reportaxe:

Marmelada de moras

Para un kilo de moras usaremos 750 gramos de azucre e o zume de dous limóns. Con isto temos xa todos os ingredientes.

Marmelada de moras

Imos facendo capas de moras e cubrímolas co azucre, deixando unha capa máis grosa enriba de todo, que as tape ben.

Marmelada de moras

Deixámolas macerar así 12 horas (no noso caso foron 24 por cuestión de horarios) e botamos todo a cocer nunha pota xunto co zume de limón. Pode parecer entón que a pota se enche de moras vermellas, pero é so un efecto óptico, as nosas estaban ben maduriñas (agás algunha que apañou o noso Moucho discromatópsico :-P). --coidade de remexer ben para que non se pegue, sobre todo mentres e en canto comeza a ferver.

Marmelada de moras

Despois iremos retirando a escuma (preciosa) e desbotándoa.

Marmelada de moras

Cocemos uns 45 minutos ou ata que ó collela entre os dedos estea apegañenta. Aquí estivo o meu fallo de valoración: fixen máis dun kilo e deixeina cocer máis tempo, e non me parecía que estivese "tan apegañenta". Pero agora pódese dar a volta ós botes sen perigo de que caia :-S: difícil de untar e máis doce do que debera :-(, pero comestible ;-)

MArmelada de moras

Marmelada de moras

Marmelada de moras

Cousas boas desta marmelada: aproveitamos un recurso natural totalmente desperdiciado (que ricas que están as moras!! Ata a Z. come froita indo apañala), descubrimos un sitio xenial (gárdoo para outro post en canto voltemos facer fotos, ogallá poida ser hoxe :-) ), igual non estou tan lonxe desta muller (as dúas aproveitamos igual a tarde de domingo, salvando as diferenzas: moras-arandos, tuppers-cestiña, botes improvisados-botes perfetos,...)

Cousas malas: boto de menos a réflex!!! Querendo facer fotos en condicións e vendo o que vimos era (case) o único que me pasaba pola cabeza... e máis porque despois de pasar onte pola mañá pola tenda de fotografía, vin no escaparate xunto a unha Canon EOS450D (fáltame moito para poder prescindir de todo o material que me rodea, seino) un prezo de 259€, entrei dispostísima a mercala xa! Pero non podía ser máis que un erro e o prezo segue case triplicando esta cantidade :-(, así que saín co trípode que ía mercar.

Proxecto semanal: Aire

Tema actual: PIRATA
Photobucket


Esta semana o libro da biblioteca lavaba consigo a palabra aire, pero non creo que a Z. asimilase moi ben o concepto, escolleuno ela porque lle gustou, así que igual si que o entende máis do que penso ;-)

proxecto semanal: aire

Ademáis deste, lemos o noso Pedro Chosco, cos furadiños para enredar cos dediños, por onde á Z. lle encanta soprar facendo a brisa (suave) e o vento (forte).

E, a verdade é que as actividades relacionadas co aire son das que máis lles gustan ós pequenos, polo menos á Z, así que aproveitamos para facer pompas ó aire libre e ver como as levaba o vento moi altas moi altas.

proxecto semanal: aire

Ademáis xogamos con grobos (aínda que isot é unha constante case nas nosas vidas :-) ) e fixemos un muíño de vento que lle fixo botar unhas risas ó moverse "el soíño", despois do que lle custou movelo soprando.

proxecto semanal: aire

Tamén tocamos coa nosa "frauta dos paxariños" que mercamos nun posto de artesanía, e quixemos aumentar os instrumentos musicais cunha harmónica, despois de ver o que lle gustaba a que ten o seu amigo Miguel, pero non a atopamos aínda, así que quédanos pendente.

Para esta semana o tema do proxecto semanal é : Pirata

martes 19 de agosto de 2008

Gorriños e outras calcetas

Por fin fixen os gorriños, grazas á desfeita que provocou a Galla lembrei as miñas Addi de 80 cm e decidinme a intentar o magic loop, que resultou ser moito máis doado do que pensaba, a verdade é que nin sequera mirara nunca en que consistía...

O caso é que agora teño máis posibilidades coas miñas agullas, incluso creo que poderei facer a pinwheel para a Z. E así, de paso que vou collendo soltura, doulles unha posibilidade ás knit picks que me gustaban moito máis que as denisse :-), agora xa non me urxen.

Veña, van eses gorriños: merquei un novelo máis de Katia diana en cor morado para completar, así en vez de facer un puiden facer dous.
O primeiro intento quedou pequeno, así que o modelo final cambiou lixeiramente con respecto ó orixinal.

O primeiro intento de magic loop


O resultado final foi este:

gorro para Z.

gorro para Z.

Patrón: Kim's hats do last Minute Knitted Gifts
Agullas: 4,5mm
Lana: katia diana, con restos e un novo novelo morado.

Tecido en talla de muller (80 puntos) e 14 cm ata comezar as diminucións.
Este co basic roll brim.

O do bebé en talla toddler (64 puntos) e 12 cm ata comezar as diminucións, e co garter brim.

gorro para bebé

Por certo, menuda diferencia tecer coas pony ou coas de bambú e tecer coas addi, bufff, eu quero pensar que estas cousas non son tan importantes, e despois... dende logo son tamén un aforro porque as pony, non sei se lle pasará ó resto do mundo, pero a min as puntas gástanseme en nada, seguen valendo para tecer, pero o resto de comodidade é importante.
Se fose hoxe coido que comezaría por mercar un xogo de intercambiables, de knit picks agora que xa sei utilizar os cables longos para medidas curtas, e supón un aforro importante, seguro, para non ter que andar buscando agullas para cada proxecto, que moitas veces non se atopan nas tendas.

O outro día Olivia enlazou nun dos seus comentarios no blog estas preciosidades de cobertores e suxeriume que tecera algún, e o caso é que xa tiña un par de patróns buscados dende hai tempo na miña lista de cousas que me gustaría tecer, de feito intentei facelos a partir de uns que lle mercara á Z. cando pequeniña e que non fun quen. Agora poida que me anime, porque a verdade é que me apetece, así que posiblemente estea entre este dos baby bell bottoms ou estoutro dos baby denim drawstring pants, tamén do Last Minute Knitted Gifts. Por suposto na miña propia versión: mirade os primeiros que chulos quedan con las jaspeadas (ou como se chamen) e tamén os segundos.

Ata o vindeiro avance tecedor.

De sobremesa

Pasou o domingo, era o aniversario da bisavoa Marilde, 80 aniños que celebrar, e xuntámonos 11 persoas ó redor da mesa.
Pero como pode ser que teñamos unha sobremesa así? Meus irmáns e miña nai desapareceron, a avoa Olga confesou despois que estaba farta desas sobremesas de domingo e de ser a única en discordia, que non quería rematar con dor de cabeza outra vez.
Como pode ser que das 8 persoas que quedamos arredor da mesa fora eu a única que tiña unha visión distinta do mundo? Quérome consolar pensando que todos pasaban dos 50 e que as novas xeracións non pensan así, aínda que saiba que non é de todo certo. Non me sorprendería que alguén pensase así, pero todos?



Que é iso de que os novos agora se metan na casa coa moza na habitación? Que falta de respeto e esa? Porque facer, fixémolo todos, pero non así, agachábaste, e fumabas un cigarro e chegabas a casa con pedras na boca para que non te cheiraran e ó falar respirabas cara adentro, pero agora ves rapaciños de 13 anos que non se teñen en pe pola rúa (non me gusta isto tampouco, pero non penso que os pais saiban o que fan os seus fillos, imaxino que todos confiamos neles, non?)... e a culpa é toda dos pais, porque agora non hai disciplina, todo vale, todo se lles deixa facer, contestan mal e, claro, como non lles podes levantar a man... como se iso lles fose traumatizar, se os que están traumatizados son os que non as levan!! Se eu non digo darlles unha paliza, pero un azoute non lle fai mal a ninguén.

Pois eu non creo iso, creo que o problema é que hoxe ós fillos non os crían os pais, se a miña nena comezase o colexio o ano que ven tería que metela no autobús ás 8:30 da mañá e voltaría a casa alá sobre as 5, iso contando que eu non traballe, porque senón meteríaa en actividades ata as 8, cando a iría buscar para metela na cama. Deixamos a educación dos nosos fillos en mans de outros, pero non so a súa educación, senón a súa vida. Ás mulleres vendéronnos toda a vida que para ser "mulleres completas" tiñamos que traballar fora de casa, e agora que por fin o conseguimos, atopámonos con que as familias quedan abandonadas, non podemos mantelas se non traballamos e estamos atrapadas: temos familia e temos que traballar para mantela e se traballamos non a vemos.


Pois claro, é que non se pode facer todo. E se non, pois como fixemos todos na nosa época.

Como fixestes todos? Dos que estades aquí, a túa muller non traballaba e podía ir buscar á nena ó colexio, e os outros estaban cos avós, xente de confianza, da familia,... pero hoxe os avós tamén traballan. Así que voltamos ó mesmo, que fas? Contratas a alguén descoñecido que coide ós teus fillos? Pero entón non es ti o responsable de como estean educados porque non os ves.


Si, pois como en Estados Unidos, que aogra se pode levar ós fillos ó traballo ata os 5 anos: ale aí, nunha reunión e cambiandolle o cú, pois a min iso non me parece.

Xa, pero antes a señora que tiña unha tenda e tiña os nenos con ela por alí enredando non estaba mal, verdade?
E sobre o de pegarlles, eu creo que máis ben non é que o neno " o mereza" senón que os adultos non sabemos outra maneira de atallar esa situación, así que é un defecto do adulto e non do neno. Cando lles dabas un azoute non solucionabas o problema, pero quedabas a gusto, verdade? Igual que ás mulleres, cando non podes controlar algunha situación báteselles, non?

Non, porque unha muller razona.

Vale, xa non entendo nada, así que a unha persoa, porque todas son persoas, que razona non lle bates porque te pode entender, pero a unha que non entende o que lle dis o que hai que facer é baterlle?

Bueno, e a algunha que vexo eu pola rúa, aínda merecía que lle batesen (isto díxoo unha muller).
E que é iso de que os homosexuales se casen, que sexan un matrimonio? Un matrimonio é un home e unha muller, de toda a vida.

Pois iso de que se casen é so que firman un papel, que lles da os mesmos dereitos que temos os demáuis coas nosas parellas. E non, non van exhibíndose, so se mostran tal como son, igual ca ti, que vas pola rúa e se che apetece daslle un bico á túa parella, ou vaste exhibindo?


E que poidan adoptar nenos? E despois as parellas de verdade teñen que marchar adoptar nenos de fora porque aquí llos dan ós gays. E como se sentirá ese neno no colexio? Co crueis que son os nenos, que van dicir: que ten dous pais?

Primeiro iso é mentira; segundo, os gays antes non podían adoptar, pero podían ter en acollida ós nenos problemáticos que ninguén máis quería; terceiro, as lesbianas puideron ter fillos toda a vida, por que non ían ter os mesmos dereitos os gays?; cuarto, os nenos de non lesbianas e criados por mulleres existiron sempre, e se non os mariñeiros, que estaban na casa unha fin de semana cada 5 meses? E os nenos mentres criábanse coa nai e a tía, por exemplo.

E os nenos non son crueis, como moito son curiosos, e un comentario curioso feito sen malicia non ter por que mancar a ninguén, a crueldade aprendémoslla nós, porque se eu non lle digo á miña filla que ter dous pais está mal ela non o vai ver así, aprenderá que hai familias diferentes, e se os pais dos demáis nenos lles explicaran o mesmo non se lle trataría mal a ese neno.



Houbo máis cousas, pero creo que xa non podo máis.
Tiñades que ver a cara de quen me preguntou se non lle pegara nunca á Z., o espanto que lle debeu parecer, coma se fose algo inconcebible, coma se fose un erro que os nenos chegasen a unha idade sen unha torta enriba...
O peor de todo, as miradas condescendentes ante os meus comentarios:
mira a nena que tamén quere falar, jaja! Pobre, canto lle queda por aprender na vida! Xa falaremos dentro duns aniños, a ver que di entón...
Saber (ou iso quero pensar) que meu pai non pensa así, polo menos non neses extremos, e que non sexa quen de dicir máis que: Fáisenos difícil de entender.
E aínda peor, que alguén te desculpe: é que é moi liberal. Coma se sentise vergoña porque estiveses meténdote nesa conversa, coma se fose "culpa" súa que os molestes.
Non, eu non son liberal, son persoa, coma todos os demáis, incluídos vós, que podedes entrar dentro dunha clasificación semellante á vosa, na que sexades vós os "non gratos", non se vos ocorrera iso? Non vos parecería inxusto e molesto?

Tiña razón miña nai marchando dalí, non me querían alí dentro, o máis que fun foi un pequeno estorbo, so querían dicir barbaridades e apoiarse uns ós outros, que mágoa.

:-(




Proxecto semanal: verde

A Meninheira decidiu propoñernos un proxecto semanal sobre algún tema, e para comezar o tema foi VERDE.

Nós non nos esquecemos de participar e o noso pequeno proxecto foi este.

Aproveitando a nosa visita á biblioteca atopamos este libriño perfeto para iniciar o tema, así que nos sentamos na nosa mesiña verde e comezamos a ler o libro verde:

Proxecto semanal: verde

O seguinte paso era buscar pola casa cousiñas que tiveran cor verde, e atopamos unhas cantas: un par de ceras, unha pintura, un pepino, unha tartaruga,...

Ptroxecto semanal: verde

... ata que topamos coa plastilina (verde) e a Z. decidiu que xa non quería buscar máis cousas verdes e acabamos o noso proxecto facendo esta obra de arte con plastilina. A Z. está en fase "coitelos" quere axudarme a pelar as patacas, a cortar a carne, e non pode resistirse ante a plastilina e un coitelo "non perigoso" para facer anaquiños e pegalos neste papel reutilizado, como vedes, así que contribuimos tamén a manter verde o noso entorno ;-)

Proxecto semanal: verde


Esta semana xa temos tema: AIRE, a ver que se nos ocorre.

viernes 15 de agosto de 2008

Como se chama o bebé?

Antonte estivemos na casa de Rosana e Calviño, a pequena (enorme) Uxía de 2 mesiños, e o Antonsiño, que preguntou, cando non estabamos a falar dese tema e non fixo ningunha referencia á miña barriga:

- Como se chama o bebé?
- Chamase irmán- respostou a Z. toda resolta- É un amigo e está na mamá- mentres sinalaba a miña panza.

E a min que me parece que pasa do tema... e ela sabe moito.

Ola bebé!!!

Preséntovos @ nov@ tartarouchiñ@!!!

@ bebé Tartarouchiñ@!!!

Saímos ledos porque o vimos, porque puidemos mirar para o bebé toda a ecografía, porque por fin nos darían unha de recordo, e sabiamos algunha medida (é unha parvada, pero fai ilusión imaxinar o tamaño que terá), pero tamén comprobamos que as cousas cos xines son o que son: nada máis entrar había unha parella agardando que lle deran hora para ese día para unha inducción ou unha cesárea programada :-(, o xine supostamente respetuoso cos partos non lle pareceu moi boa a miña idea de parir na casa cunha matrona e intentou meterme medo (cousa que non conseguiu, claro, se el soubese o que sentimos as mulleres no hospital... e máis cando sabemos o mal que poden provocar co intervencionismo nos partos) e, a verdade é que pensamos que lle veriamos mellor a cara, deixóunola á vista todo o tempo, pero pensamos que tería máis definición.

Aínda así, que gusto ver @ nos@ bichiñ@!! Que ven sendo tal que así:

Diámetro biparietal 58,2 mm
Diámetro fronto-occipital 80,3mm
Perímetro craneal 217,6mm
Perímetro abdominal 187,7mm
Longitud fémur 44,3mm

Peso fetal estimado: 647 g

Para os que queirades ter un punto de vista das mulleres (conscientes ou non delo) e aínda non o lerades, recoméndovos: La revolución del nacimiento, de Isabel Fernández del Castillo

jueves 14 de agosto de 2008

Imítalle a...

Dende que nacen os pequenos pasan a metade da súa vida, ou toda nalgúns casos, escoitando o que se asemellan a algún parente, ás veces con razón e outras sen ela.
Eu nunca opino nestes temas porque son unha malísima fisonomista, so atopo parecidos entre nenos de idade semellante, irmáns, con parecido evidente, e cando medran deixo de verlle a semellanza. Son un desastre.

Pero últimamente pasou algunha foto polo meu ordenador (ía escribir pola miña man, pero non, non foi pola miña man) que me fixo ver algún parecido da nosa tartarouchiña.

Semellanzas 1

Non miredes para ningún indivuduo que non sexa o dos tirantes amarelos, agora coñecido coma Tío Isma, non se vos asemella á nosa Z.? (Vale, si, rídevos, a das coletas son eu).

Semellanzas 3

Non conseguín atopar unha foto na que a Z, teña esa expresión, pero tena, e a min si que me parece que lle imita moito a seu tío de pequecho.

E estas somos nolas dúas, sei que non saímos moi favorecidas, e a xente normal rexeitaría amosar esta foto antes que outras, pero é que eu non vin semellanza ningunha da Z. comigo ata esta foto, así que me fai aquel.

Semellanzas 2

Veña, para os moi curiosos contareivos que os da primeira foto somos os curmáns por parte paterna que había daquelas xunto cos nosos avós: eu, o curmán Brais no coliño, os irmáns Borja e Sira vestidos igualiños, e o Tío Hugo o gande de pantalón de cadros e o Tío Isma o dos tirantes.

lunes 11 de agosto de 2008

Carne de Dióxenes

Creo que xa volo dixen máis veces: a octoxenaria non sei se chegarei, pero a Dioxenaria si.

Teño demasiada conciencia para tirar sen máis cousas que poderían ter un bo uso. Si, xa sei que reciclar está ben, e incluso son desas persoas (porque hai algunha máis, seguro) que se sinten mal cando non separan o lixo, por suposto, fora da súa casa; pero non podo reciclar sen máis, reciclar os envases usados está ben, os plásticos rotos, pero como vou tirar as bolsas que me dan cando merco nalgunha tenda e non levo a bolsa de tea no bolso? Unha bolsa de plástico ou papel totalmente intacta agás polo transporte dalgún artigo pequeno e envasado, ou unha prenda de roupa nova e limpa? Non podo, e como non podo vounas gardando todas e cada unha delas, clasificándoas por tamaños e materiais para telas ben localizadas no momento de poder seren reutilizadas... pero nunca teño tantas ocasións de reutilizar bolsas, e pasa o que pasa...

Dióxenes 1

Tiven a idea de ofrecelas na Cova da terra, se cadra non lles importa que leven publicidade allea, se non, coido que seguirán acumulándose no meu rocho.

E se fose so iso, pero nun caixón vou metendo cada papel dos agasallos que chegan á casa, pensando en reutilizalos para obxectos pequenos e manufacturados, para manualidades varias, como papel de embalar se vou mandar algún paquete... e cartóns un pouco grandes ou non tanto, para recortar e facer figuriñas que nunca chego a facer, algún móbil para adornar o teito, pintar con pinturas de pincel, que necesitan papeis resistentes... e anaquiños de teas, e se aprendo a facer patchwork?... e os folios que so están utilizados por unha cara, por suposto, incluso os que chegan no correo, e ás veces ata fago libretiñas de anacos de papeis minúsculos, e non chego a dalos gastado...

Dióxenes 2

Levo mal camiño, verdade? E se vos conto que teño moita, moitísima roupa picada e que me poño insistentemente para estar na casa? É que eu sei que a uso, e non é roupa para dar a ninguén porque está rota, así que cada vez que ven miña nai de visita e me ve "con esas pintas" sei que sofre (agora xa menos e en silencio porque sabe que non hai maneira de facerme cambiar), pero como vou mercar roupa para andar pola casa? Ou usar pola casa roupa que me poño para saír á rúa e entón ter que substituir a de fora? Todo consiste en usar máis e máis cousas, mercar máis e máis cousas, e á xente que lle importa se vou vestida con roupa rota ou de segunda man? Seguro que os que queiran atoparán razóns de máis para falar de min sen ter que buscarme os furados.

Por suposto, cando a veciña me di coa boca moi pequena e baixando moito a voz que reutiliza a roupa da grande para a irmá pequena eu dígolle coa boca moi grande que a roupa da Z. é case toda de reestreno, e ben orgullosa que me sinto de que a roupa non quede inutilizada no caixón de alguén agardando a darlle uso.

E cando imos dar un paseíño por Grou sempre aparece a vida pasada da tía Gloria e a súa casa chea de servilletas de papel sen usar, de bolsas metidas noutras bolsas, de envases de margarina (que eu sempre estou tentada de gardar como estoxos),...

Hoxe dei un pequeno paso tirando revistas coas que xa non teño ningunha relación, un par de zapatillas rotas e descoloridas que hai un par de anos que non puña,... e algunha outra cousa máis sen importancia :-(

Total, que vou necesitar un almacén para "merda" porque seguro que nesta casa hai máis merda que outra cousa,... ou se cadra, cando se me acabe o espacio, unha terapia.

Vós como o facedes? Cómo se libra un das cousas que non son útiles pero teñen utilidade?

NOTA: Respostáronme xa da Cova da terra, así que xa teño espacio na casa para seguir acumulando bolsas pero comezando de cero:

"Ola Raquel,
pois si, nós na tenda sempre usamos bolsas "de segunda man" e son os propios clientes quenes as traen, así que podes traérnolas cando queiras.
Un saúdo."

jueves 7 de agosto de 2008

Do que gosto e do que non gosto

Non adoito faacer estas cousas, pero esta vez o meme que fixo a meninheira resulta moi apetecible, así que...

6 cousas que me gustan:
- gústame ser nai
- gústame facer manualidades (ou máis ben argalladas)
- gústame pasear polo monte cos cans e a familia
- gústame non deixarme levar pola "masa"
- gústame, pero moito moito moito, o chocolate
- gústame esta nosa terriña

e 6 que non me gustan (destas sempre se me ocorren máis):
- non me gusta que nos fagan crer que necesitamos ter de todo.
- non me gusta que a xente crea que ter fillos é arruinarse a vida, e menos aínda que a xente teña fillos sen querer, porque toca ou porque despois é tarde,... e despois lle estorben.
- non me gusta como se entende a educación dos nenos e que os colexios sexan aparcanenos.
- non me gusta que a xente pense que parir na casa é unha valentía ou unha irresponsabilidade.
- non me gusta que todo o mundo se crea con dereito a dicir como criar ós bebés e ós nenos dos demáis.
- non me gusta que as protectoras de animais estean cada vez máis cheas de animais.

E non convido a ninguén en particular, quen queira animarse a escribir cousas que lle gustan e lle disgustan, xa sabe que pode facelo.

lunes 4 de agosto de 2008

21+2 semanas, na praia

O meu Mouchiño fixo unha foto ben chula a finde pasada na praia, non podo deixar de amosárvola para que vexades que isto medra que dá gusto... e o que nos queda!!

21+2 semanas, na praia

Máis da horta

Cunhas acelgas e aproveitando as follas dunha leituga un pouco saída fixemos esta receitiña de quinoa verde

Quinoa verde

Mmmmmmm, da horta sabe mellor.

E hoxe comemos "xudías Tía Rita":

Un chisco de aceite, unha capiña de cebola, outra de tomate troceado, e outra de xudías. Así un par de veces, botamos un pouquiño de auga se non hai dabondo coa da cebola e o tomate, tapamos, e chup-chup ata que estea ben cociñadiño.

Foto despois da hora do xantar ;-)

xudías "Tía Rita"

sábado 2 de agosto de 2008

MAMAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAÁ!!!

... mira que cheo de lama está o coche!!

pintura, de dedos?

A artista:

a artista

A obra:

pintura, de dedos?

viernes 1 de agosto de 2008

Joooooo

E para rematar, as dobres puntas do 4,5 aquí non as venden porque seica "non se fabrican".

Pois logo terei que facer un pedido de intercambiables e xa aproveito para pedir este xogo que me falta.

;-)

Pola rúa...

... un rapaz duns quince anos falando polo móbil e ó seu carón unha nena duns 6 cos ollos chorosos e a cara esborranchada.

Rapaz:
- Que la niña está aquí llorando porque quiere unas sandalias de 21 €
- ...
- ¿Ves? Dice papá que de eso nada.
- ...
- Ale, coge, que te va a reñir mamá por teléfono.

Agora as reprimendas paternas son vía móbil...