Preguntábame Olivia polos meus proxectos teceláns, e a verdade é que teño que dicir que ata hai un par de semanas as ganas de tecer desapareceran completamente.
Antes do verán merquei estes fíos (a ver se fago despois unha foto onde se vexan mellor as cores) de oferta por fin de colección toda a disposta a facer a preciosidade do Pinwheel sweater para a Z.. Comecei con moitas ganas, pero despois de tres cores decateime de que ía quedar algo máis pequena do que quería, así que desfixen con idea de voltar comezar botándolle un par de voltas máis por cor, pero ademáis decateime doutra cousa: a miña intención de facela cunhas dobres puntas de bambú de 20 cm e cunha circular de 80 era inviable. Ía necesitar investir máis cartos, seguramente nunhas intercambiables, pero non quero meter máis cartos en época de parón, así que as ganas esfumáronse e a chaqueta quedou sen recomezar.
Podedes darme algún consello sobre isto das agullas? Vin en Tira del ovillo que agora teñen intercambiables de Knit picks, que teñen moi boa pinta, pero non fixen cálculos do que me sairía un xogo completo para esquecerse das agullas para sempre e non sei se sería unha boa inversión, se cadra é mellor mercar un estoxo das famosas Denise, pero lin á xente queixarse de que se soltaban os cables, e pódeme dar un mal. Algún consello? Seguro que é mellor que andar buscando as agullas que che faltan para cada proxecto... debino pensar antes, a verdade.
Polo demáis, semella que coa chegada dos movementos do nov@ tartarouchiñ@ entráronme as ganas de ler, e de tecer. Teño moitas lecturas previstas porque se todo vai ben esta vez o nacemento ha ser distinto, así que quero estar ben preparada non so de corpo, que xa sei que o estou, senón de mente, e daí teño que quitar algunha pantasma que hai e algunha que seguro aparecerá neste tempo que nos falta.
De momento quería comezar por Nacer en casa, de Sheila Kitzinger, pero o que atopei na librería foi Nacimiento en casa, da mesma autora, así que nesas estamos. E como o libro resultou estar escrito no 1980 (cando eu nacía, meu deus que atrasados andamos!!) vou acabar lendo os dous. Ademáis de reler La revolución del nacimiento de Isabel Fernández del Castillo, e se podo tamén El bebé es un mamífero, de Michel Odent. E xa teño para unha boa temporada, se é que consigo lelos todos...
E xunto coa lectura chegaron tamén as ganas de tecer para @ tartarouchiñ@, e, claro, despois dun ano tecendo peúgos para todos, agora tocábame a min. E aquí están os Better than booties baby socks de novo cun resto que había na casa.
Tiña ganas de facerlle unha Baby Surprise Jacket de Elizabeth Zimmermann, pero aínda tería eu mercar un dos seus libros, que me apetece un montón, pero non sei se decidirme polo Knitting Workshop ou pola Opinionated Knitter, e como volvemos a estar no mesmo da inversións... pois creo que cambiarei de proxecto polo Child's Placket Neck Pullover, de Joelle Hoverson do que si teño o patrón (que acabo de descubrir ademáis que é gratuito). E dunha talla máis grandiña xa que é pechado. A BSJ gárdoa na cola para máis adiante.
E aproveitando máis restos quixen facer un gorriño coa Katia Diana que me sobrara dos meus perdidos Dashing, pero hoxe pola mañá cando baixei atopeino así:
Así que xa tampouco teño o xogo de dobres puntas que necesitaba para comezar o pinwheel sweater, e a la quedará para facer... non sei: un pousavasos? Non creo que dea para moito máis :-(
Pero iso non foi o único que apareceu medio esnaquizado: un hipopótamo da Z., non moi importante por sorte, ó que onte lle quitara un ollo e unha orella nun pis pas e que a Z. quixo ver antes de ir para a cama. Así foi como quedou por riba da mesiña do salón xunto cos bombóms riquísimos que trouxeron Pabliño, Senén e Paula de visita e que hoxe atopamos a caixa, perfetamente colocada enriba da mesa... e baleira! O hipopótamo non lle debía caer moi ben, xa que agora é totalmente xordo-cego.

E aquí tendes á artífice da desfeita, a que parece unha santiña a nosa Galla?
E xa sabedes as mañas de artista que ten a nopsa tartarouchiña, últimamente, ademáis da decoración en forma de murais, tamén lle da pola dacoración corporal, será un preludio de vida adulta tatuada?
jueves 31 de julio de 2008
De volta ás agullas
martes 29 de julio de 2008
Comer do campo
Cando estivemos en Girona descubrimos que alí os piñeiros son ben distintos dos que temos nós en Galicia, teñen a copa redondeada e as pólas so comezan aló enriba. O Moucho apañou uns piñóns enormes comparados cos que temos por aquí e que eu me afanaba en abrir e comer cando era pequena coa miña curmá: tarefa imposible, porque co pequenos que eran cando conseguiamos abrilos estaban esnaquizados e era imposible separar o piñón da casca.
O caso é que non lle fixemos moito caso ó Moucho cando nos dixo que os abrisemos para facer unha comidiña, pensamos que cos seus coñecementos ata poderiamos envelenarnos.
Pero cando fomos a Grou, a avoa Carme, que si ten coñecementos de natureza, e polo menos da súa zona, fíxonos apañar piñóns coma tolos abaixo de dous piñeiros igualiños ós que había en Girona, e trouxémolos nós "que temos vagar para abirlos".
Hoxe comemos un revolto: con ovos das pitas dos avós de Grou, con espinacas do noso horto no que o Moucho pon as súas ganas, e con estes piñóns recolectados directamente da natureza (ademáis dalgún ingrediente máis que non puidemos sacar do noso arredor)... e parece que senta mellor, que sabe mellor,...
O próximo será unha marmelada de moras en canto sexa o tempo de ilas buscar. Teño un mes para localizar unha boa zona de silveiras lonxe do po dos camiños e o fume dos coches. Non sei que ten facer marmelada, pero senta tan ben como comer as cousiñas do teu horto, faime sentir na miña casa, nunha casa coma as de antes e sendo unha muller coma as de antes (aínda que nada teña que ver con elas agás o sexo feminino).
E é que últimamente teño ensoñacións sobre a vida no campo, no campo de verdade, con familias próximas e amigas, coas que compartir máis que un café, poder vivir da vida no campo. Antes era un soño, pero agora é máis ca iso, porque descubrín que hai máis xente que soña con isto coma nós, e incluso algúns deles o consiguen: vivir cos nosos cans e os nosos gatos, comer os ovos das nosas pitas, cultivar o noso horto, pasear polo monte, ver ós nenos subir ás árbores, encherse de lama e facer construcións de piñas e paus, que todos sexamos unha comunidade e que os nenos sexan máis que compañeiros cada día, que aprendan de todo xuntos e cunha idea semellante da educación e da vida dos seus pais.
Agora so necesito un bo plan, boa xente e moita forza... e coñecéndome todo quedará en nada, e así me vai, todo o día ensoñando.
martes 22 de julio de 2008
Outra da barriga
Xa ten un par de semanas, así que agora é aínda un chisco máis grande, é xusto á nosa volta das vacacións.
Este pequeno medra!! Fomos á revisión das 20 semanas o día 15 e todo vai sobre rodas. Puidemos contarlle os dedos e as dedas, e tenos todos :-) Fíxome gracia porque non pensei que fixeran unha cousa así, pensei que mirarían o corazón, os riles, a cabeza, pero non que lle contarían os dedos. Imaxino que foi para darnos o gusto a nós, e a verdade é que si que nos deu gusto, tan pequecho e tan enteiriño!
O xine era un pouco soso, e ademáis so dicía que a ver se estaba quieto para poder velo, e cando eu lle dixen que era normal que non parara se lle estaba calcando, respostoume todo cheo de razón que non se enteran de nada porque van moi protexidos, que se cadra notan algunha pequena vibración no líquido pero máis nada, que igual dentro duns anos nos inventaban uns airbags así para os coches, que eran perfetos. De teoría saberá moito o homiño, pero preñado non estivo nunca, que non se manquen non quere dicir que non se decaten, e se non que llo digan a este cando intento meterme nalgún pantalón que me queda estreito... ó restarlle espacio protesta sempre!!
Quitando isto conseguimos que o sexo siga sendo unha sorpresa, agardamos que ata o final, pero polo menos de momento. Témolle a cada revisión, non vaia ser que a alguén se lle escape.
Que será será? Vou facer un listado co que pensades, así que xa me podedes ir dicindo que pensades.
Para que esteades en igualdade de condicións direivos que ó principio dábame no corpo que era un neno, agora xa non sei, a ver se soño algo :-)
lunes 21 de julio de 2008
Vacacións en Palafrugell · II
E seguimos:

Fomos á praia case a diario, cando non era á Gola do Ter coas cadeliñas, por certo, praia enorme e desembocadura curiosa con desaparición da auga do Ter a poucos metros do mar; era á de Calella, a praia non nos gustou moito porque xusto fomos a do medio do pobo e, ademáis de abrasar, a area mancaba nos pés, pero o pobo é precioso, encantounos o paseo e aínda máis os xeados artesáns que había nel, mmmmmmm. A Llafranc, como a Calella, tamén podiamos ir andando e na súa praia, cunhas rochas moi chulas fixemos snorkel o Moucho e máis eu por primeira vez na vida. E eu que pensei que me ía a agobiar sen respirar polo nariz e resulta que o pasei xenial, vin peixes variados, incríble ver o preto que nos andan e nós sen nos decatar: había uns semellantes ás douradas e cun punto negro xusto onde comezaba a cola; outros de raias negras e máis alargados, que se poñían cara abaixo nas rochas do fondo e se camuflaban entre as algas; outros longos e prateados; e a miña estrela: vin un polbo!! Encantoume! Agardo non esquecelo en moito tempo porque a imaxe era preciosa: estaba pegado na rocha e os peixes arremuiñábanse onda el, comezou a moverse e os peixes foron marchando así que a súa cor foise volvendo marrón, igualiña que a rocha, ata que un peixe se achegou a el, entón púxose escuro, cheíño de manchas negras punteadas que desapareceron en canto marchou o peixe. Despois vin unha sombra que me quitaba a luz e saín antes de que os nenos me atropelaran coa barca, e cando voltei fun incapaz de atopalo de novo... pero foi tan bonito!
Outro día fixemos unha viaxe en coche para ir a unha praia (non lembro o nome, anfitrións, axuda) na que en lugar de area había coios, o aparcamento estaba a tope, pero en cando chegamos atopamos sitio. Quedamos as mulleres no coche agardando a que a Z. espertara e o Madroño e o Moucho foron á praia a aproveitar o sol e poder facer snorkel nunha praia tan cheíña de recunchos para os animais mariños, pero non houbo sorte: era sábado pola mañá e non fomos moi madrugadores, así que cando chegaron á praia non atoparon sitio nin para pousar as cousas e voltaron. Eu non cheguei a vela sequera, pero seica é moi chula.
Ese día fomos tamén a Cadaqués, vimos a casa de Dalí (incríble que non estea aquelo masificado) e moi chulo o pobo cheo de casiñas brancas.
Pero non todo foi diversión, non vos pensedes, tivemos tamén algún incidente: nunha desas voltas da praia de Llafranc camiñando o Moucho, o Madro, a Z. e máis eu, Madro tivo a mala sorte de pisar unha tapa dunha alcantarilla que estaba mal posta e papamos un susto ben gordo. Eu pensei que rompera unha perna, pero como moito so rompeu algún óso do pe. Bueno, non foi unha broma, que o pobre andou ben magoado, pero non foi ó médico, así que non terá unha indenmización millonaria do Concello, cachis!!!
E tamén fixemos viaxes didácticas. Grazas á Tía Rita descubrimos e visitamos o centro da Fundación Mona. Que peniña! Pobres chimpancés condenados a unha vida así (ou peor se non fose así) co ben que estarían eles vivindo libres... Eu chorei xa co video que nos puxeron antes de comezar a visita, os pobres engaiolados toda a vida en gaiolas dun metro cúbico ou dous... bufff. Trouxemos de recordo-axuda unha camiseta e un chaveiro ben chulos. Se pasades por alí preto non deixedes de ir visitalos ou de axudalos, non se merecen o que lles fixemos.
Por certo, descubrimos moitos nomes curiosos e algún macabro:
sanitarios Sangrá
Maroma projects
un negocio de non lembro o que que se chamaba Sarasa
e o macabro deste lugar, a que da mal rollo?
A Z. seguro que foi a que mellor o pasou de todos, entre praia, xirasoles, cadeliñas, a compaña da tía Rita e de Madro...

... bueno, e nós tamén!!! E non podemos esquecernos das (aínda que poucas) partidas nocturnas ó Viajeros al tren, aínda mellor que o Carcasonne. Cando voltamos??
Nota: teño que dicir que o mércores antes de pillar o tren moi polos pelos deunos tempo de ir visitar a tenda de tes de Sans & Sans en Barcelona, así que fixemos unha boa compra de tes e infusións sen excitantes... e están boísimas, mágoa non ter unha aquí ben preto. (Non son nada desastres estes anfitrións)
Comidas con alcol
Jeje, ten gracia, a verdade. Por unha falta de previsión hoxe quedamos sen aceite. Para facer o polo guisadiño usei o de freidora, pero para a ensalada non valía, claro. Eu pasaba sen ela, e sen o demáis tamén, que non tiña ningunha fame, pero chegou o Moucho e dixo que tiña unha botelliña pequena no coche, e alá foi buscala.
Estabamos comendo e eu pasei da ensalada (estaba sen lavar a conciencia e como volvo ser toxoplasma negativa...), pero a botelliña era moi rara. Para comezar era Claas, que non sei exactamente de que é, pero a min soábame a tractores ou maquinaria de campo, puña aceite en varios idiomas pero non en castelán, e non aparecía por ningún lado que fose aceite de oliva. A min deume mal rollo e díxenllo ó Moucho:
- Será para consumo humano, non?
- Si, supoño que si, pero o certo é que saabe un pouco rara a ensalada...
- E por que pon que ten o 35% de alcol?
Pois iso, era unha miniatura dalgún tipo de licor... de aceite? A ensalada estivo ben aliñada, si :-D
E outra preguntiña, vós usades viño tinto para cociñar? É que se nos están a rematar as botellas de cava das cestas de Nadal, que era o que viña usando, e agora so quedan unhas 10 botellas de tintos variados que non imos beber nunca... a non ser que lles apeteza a algunha visita.
Usareino para a cociña ou teño que mercar viño branco?
jueves 17 de julio de 2008
Vacacións en Palafrugell · I
Agora que teño algo alegre que vos contar non me dou posto... É que as vacacións sentáronme tan ben, que desconectei do mundo como había tempo que non o facía, do meu mundo de cada día, quero dicir, o meu cerebro quedou aló... pasámolo tan ben!
Marchamos daquí o venres 27 de xuño cara Barcelona, escollemos finalmente ir en tren porque, aínda que polo mesmo prezo máis ou menos, o avión tiña uns horarios imposibles: chegabamos alí ás 00:30, e á volta tiñamos que collelo ás 7:30 da mañá, máis a horiña antes, máis a hora e media dende Palafrugell... demasiado madrugón. O coche descartámolo porque iamos chegar mortos e a Z non o leva moi ben, así que viaxar nun tren nocturno que fai 14 horas de viaxe e das que máis da metade as pasas durmindo foi unha boísima idea.
Aínda así a volta levámola moito mellor, despois de descubrir que os golpes que se escoitaban en cada curva non eran "as malditas bicicletas" dos veciños do lado senón a nosa ducha descolgada que se amañaría tan fácilmente como colgándoa no seu soporte. Ademáis descubrimos á volta que os de Renfe non eran tan cutres como para dar un so neceser nunha habitación dobre e que non había que compartir os tapóns para evitar o ruido da ducha, porque detrás do espello, maquiavélicamente agachado había un armariño con outro neceser :-D Pero non llo dixemos a ninguén porque tamén comprobamos á volta que foramos os únicos do noso vagón que non o descubrimos.
Á Z. encantáronlle as escaleiras que se agachaban e machacounos un bo cacho co sube-baixa, pero despois adicouse a baleirar e encher ininterrumpidamente o neceser, que ela chamaba "caixiña gris".
Chegamos a Barcelona e veunos buscar Isabel, a irmá da nosa anfitriona a Tía rita, xunto co seu compañeiro Madro. Pasamos esa tarde abafados pola calor e cando decidimos saír da casa para ir na busca da tenda de té Sans&Sans chegamos alí ás 8:05 e estaba pechada. Demos un paseíño pola rota do Modernismo e vimos moooooitos "cans pijos" na hora do paseo.
Madro chegou o domingo porque ó pobre non lle deixamos sitio para durmir, así que cando chegou decidimos que iamos comer de bocata no Tibidabo... pero de novo acordamos tarde e medio Barcelona tivera a mesma orixinal idea ca nós, así que, sen sitio para aparcar demos media volta e acabamos comendo na casa da Isabel unha rica ensalada de pasta rápida.
Madro dixo que non volvería nunca de vacacións con eles, que eran un desastre, jeje, pero xa coñeciamos "o importante" de Barcelona e non planexamos nada a viaxe, así que iamos a gozar nada máis, e así foi. Madro, que repetimos encantados, eh?
Pola tarde fomos dar un paseiño ata o porto (que eu non coñecía) e a comer un xeado en 10 segundos para que non estivese totalmente derretido e voltamos para casiña a meter todo no coche e ir recoller á Tía Rita da súa reunión secreta de AEPA Cataluña, e coller camiño por fin a Palafrugell.
Os días en Palafrugell pasaron tranquilos, Rita e Madro traballaban, así que aproveitabamos as viaxes da Tía Rita para coñecer algún dos pobos do arredor ónde ela tiña que ir: Banyoles, La Bisbal,... onde tiña que ir Madro: l'Estartit, onde fixemos unha viaxe en barco para NON ver o fondo mariño, pero que resultou moi agradable e nos deixou ver algún cormorán e pasar a tarde nublada.


Ademáis fomos a outros sitios todos xuntos, como a Pals, que se me pareceu moito moitísimo a Santillana del Mar: perfecto e precioso, pero pantasma. E ceamos nun restaurante que había na praza de entrada onde todo estaba boísimo.
Fomos de paseo a bañarnos nunha pociña deserta coas cadeliñas Lupa e Maga, compañeiras de piso e íntimas amigas da Z. , os seus restos de comida que ían caendo e as cenmil veces ó día que conseguía chegar a algún dos premios e repartilos a tutiplén.


Iso, que o pasamos moi moi ben, aínda quedan cousiñas por contar, pero en breve.



