Ja, vouvos dar envidia a unhas cantas!
Tiven a honra de coñecer a Olivia hai un par de semanas... xa non lembro o día, pero o demáis coido que si.
A Z. non me deixou concentrarme demasiado en toda a información que traía para compartir, pero a verdade é que foi todo un pracer coñecer a alguén tan especial.
Tomamos uns tes nunha cafetería un tanto agachada da rúa das docerías mentres sacaba toda unha colección de libros de punto e contos ilustrados cos que babeei un bo rato entre chimpo e chimpo da miña monstra particular. O conto da nena e os puntos, aqueles calcetíns rematados a ganchillo, e a xaponesa que me fascinou cos seus útiles cotiáns a croché imitando froitas e froitos (a mazorca de millo...)... mmmm. E por se fose pouco teño a metade da coleción na casa!!
Non estou tendo moito tempo últimamente, e aínda teño por rematar os calcetíns para a miña swapetina, que vos informo xa de paso que vou pola cana do segundo, pero non puiden evitar tecer un par de cousiñas sinxelas do Stitch and Bitch que xa vos amosarei outro día e... descifrar o esquema dos calcetíns a dúas agullas do Nordic Knitting en xaponés!! Estoume facendo unha experta en idiomas :)
Por certo, o Stitch and Bitch decepcionoume un pouco, co tan famoso que é agardába outra cousa, non sei moi ben o que, pero algo máis... especial. Atopeino bastante kitch, aínda que imaxino que o seu forte non son os seus deseños en si, senón o espírito do punto e xente nova, dos grupos de punto polo mundo adiante. O que atopei máis interesante foi a primeira parte onde explica cómo deseñar e modificar a roupa para o teu corpo, e máis os tips que andan espallados por todo o libro.
Do Nordic Knitting namoreime de cada proxecto sinxelo e xenial, explicando sempre as técnicas para aprender a crear. Pero o que non podo pasar sen facer é o Mobius band, que non vou deixar de facer (bufff, acumúlaseme o choio, hai tantas cousas bonitas, tan pouco tempo e eu son tan lenta).
Ademáis de dous libros de Zoe mellor ós que xa lle botara o ollo en ravelry, con roupa preciosa e che de cor para nenos.
Olivia, xa ves que os estou coidando ben e estou gozando deles, non te preocupes que os vou mimar moito.
Unha sensación extraña falar con alguén "descoñecido" de xente en común á que nunca tiveches o pracer de coñecer en persoa, moitas delas que non saberán nin que eu existo, e das que as dúas coñeciamos parte da súa vida. Incrible o que pasa con internet, verdade? O peor é que non fun consciente disto ata que falei con Olivia, parece que todo se fixo real ó ver que ela tamén o é.
Por certo, Olivia, teño as mesmas bolsas de Xoaniña en versión incienso (largas e estreitas) expostas (entre a desorde) no moble do salón porque me parecen tan bonitas e especiais que me da mágoa gardalas.
Un biquiño e grazas por todo.
A ver cando volve o sol e imos cos nenos ver os patos, vale?
viernes 28 de marzo de 2008
Encontros Chuculetos
Z-nario
Está mundial a Z. o mellor é que agora non existe so o Z-nario, debería haber tamén un gramaticario onde meter a súa regularización dos irregulares (vainos saír boa xente a rapaza ;-) ), falo dos verbos claro, que habería para encher un bo anaco. o Malo é que pasan tantas cousas cada día que todas se me esquecen, é unha mágoa non ter cerebro, nin a libretiña a man en cada momento, quen me dera ter unha libretiña mental onde as cousas, as importantes coma estas, non se me esquecesen, polo menos ata poder pasalas a un medio máis perdurable.
O que utiliza máis a cotío é o "faga tú" que ven a sustituir ó que nós verbalizamos coma "faino ti, ou fai ti"
Outras que podo lembrar:
Rhimpante: elefante
Pipótano: hipopótamo, obviamente.
Quicoto: helicóptero
Asoma: alfombra ou a sombra, segundo a situación.
Quiquiteta: este mola eh? jeje A bicicleta, estaba clarísimo :)
Pero vai mellorando eh? O telepo xa é telépono e o semapo semáporo,... si, o f non o domina moito de momento.
miércoles 12 de marzo de 2008
O Knitty de primaveira
Xa está aquí, e de momento, a primeiro vistazo, pídome... os An American in China, para que o Moucho non destroce as punteiras...valerán?
lunes 10 de marzo de 2008
O día da muller
Quería facer unha entrada o sábado para celebralo, pero como era da muller traballadora inspiroume para traballar, así que estiven de cocinillas.
Poño as fotos porque non é moi habitual en min poñerme a cociñar, pero quedei tan contenta co resultado!
Unha lasaña mixta que estába requeteboísima! Nunca a fixera e metín de todo o que tiña polo frigo: espinacas, acelgas, cenoria, porro, cebola, allo, tomate, atún e xamón cocido. Mmmmmmmmmmmmmmm.
Ata a bechamel, estaba perfeta! Pero é que non a fago en todo o ano e esta semana van tres veces: unhas croquetas de coello moi mellorables e esta coliflor.
Ademáis aproveitando a calor do forno quixen facer o famoso biscoito de cenoria para levar a uns amigos do Moucho ós que ó final non puidemos ir ver. Estaba bo, pero non coma outras veces, e non sei cal é o erro. Hinchou demasiado no centro e abriuse un chisco e tardou en facerse case unha hora, en troques dos 30-40 minutos que lle levaba... porei o lume máis alto para a seguinte, e creo que lle botarei máis cenoria tamén. Aínda así estaba moi rico:
Por certo, o Moucho díxome que se cociñara máis a miúdo non lle faría fotos á comida ;-P
E vou facer unha reflexión sobre o traballo da muller. Para min o feminismo dos anos 70 axudounos moito, pero tamén nos mancou moito. Tratar de que a muller sexa igual que o home non é a solución. Dende logo unha muller debe ter liberdade para traballar fora da casa se quere, pero tamén para quedar na casa e críar ós seus fillos se así o quere. Hoxe a sociedade mudou moito, xa non so os nenos "teñen" que ir á gardería para "aprender a relacionarse", e é case unha aberración plantexar que non queres meter á túa nena no colexio con tres anos (ou menos); senón que incluso as nais que traballan na casa se ven obrigadas a facelo pola sociedade, e a presión para que sexamos "útiles" chega por todos lados, dende a familia ata os amigos e os descoñecidos. Xa non se entende que unha muller de hoxe, unha muller moderna prefira quedar na casa que separarse dos sues fillos.
Así que creo que debemos ir cambiando ese concepto de feminismo coa muller equiparada ó home, porque somos distintos, porque todos somos distintos e isto é o que nos fai iguais a todos os seres humanos: as nosas diferenzas.
Para evitar que as mulleres-nais nos sintamos sempre culpables: se traballamos fora, por deixar ós nosos fillos noutras mans; e se non o facemos, por non cumplir coa nosa "obriga".
A igualdade non se consigue dando permisos de 15 días ós pais e poñendo máis garderías, senón facendo permisos de maternidade/paternidade reais e con axudas para todas as nais: as que teñen un soldo invertirano en gardería e as que renunciaron a ese soldo e non pagan gardería aínda lles viría mellor.
Bueno, que estou ampliando moito o tema, ó que ía:
Que sexamos felices todos os días, mulleres!!!
Aiiiiiiiiiiiiiiii
Ídesvos rir de min... Cris G., canto me lembrei de ti onte!!
Veredes, onte pola noite o Moucho deitouse á mesma hora que a tartarouchiña porque andaba canso, así que eu quedei soa e decidín poñer unha película "das serias" xa que dende que naceu a Z., coas interrupcións non me prestaba velas.
Escollín Mar Adentro, e chorei, claro: "Máis duro que che morra un fillo é que non queira vivir". Pero iso non era o que vos quería contar... cara o final da película escoitamos un ruidiño Olivia e máis eu, viña da miña caixa de cartón onde gardo as las. Escoitámolo dúas veces e despois desapareceu, pero eu xa non puiden deixar de relacionar sucesos.
Na última semana Olivia estivo un pouco rara, miañaba onde a comida co cacharro cheo e con ese timbre distinto, unha das noites chamábamos coma se tivese unha presa para nós, miañaba baixo o frigorífico (ata me puxen a mirar debaixo cunha lanterniña por se vía algo, pero non), a nosa lámpada de pe do salón estragouse misteriosamente despois dun estourido...
Claro, xa imaxinaredes que fun mirar na caixa e confirmei que alí estivera... un rato!! Semella que non esnaquizou as las, pero imaxino que non o saberei ara que as use... A caixa estaba chea de cagadiñas e as bolsas onde gasdaba as las estaban roídas. O primeiro que fixen foi cambialas de sitio a un lugar máis seguro, claro, e despois de mirar baixo os mobles do salón sen ver nada marchei para cama.
Non podía durmir. Se xa estragara a lámpada e andaba por atrás da cociña... menuda desfeita podía causar. E seguro que co que hai debaixo do salón podemos alimentar a un par de familias... e se crían e comezan a esnaquizar todo? Como nos libramos deles? Teño que limpar todo ben mañá, para que teñan comida ó alcance e poñer trampas. Xa verei que fago coa comida de Olivia, se cadra podo botarlle moitas veces ó día e retirarlla para que non coman o pienso e vaian cara as trampas...
Rídevos, rídevos, pero apoderouse de min un medo... non ó animaliño en si, senón ás súas consecuencias. Temín unha plaga incontrolada...
Hoxe erguinme e decidín limpar en condicións, eliminando calquer posible reserva de comida. Comecei por mover os sofás e atopar moitas cagadiñas debaixo dun deles ademáis de boliñas varias de cereais, pipas e patacas... Seguín debaixo de todos os mobles e cada vez que chegaba a algún curruncho da casa aparecían máis cacas, comezábase a semellar á hurona Nikita (será que os roedores buscan as esquinas para marcar?). Ata debaixo do aspirador, mirei dentro dun dos accesorios porque o buratiño pareceume o niño perfeto, pero non, alí tampouco estaba. Agora quedaba limpar o rincón de Olivia, así que quitei o comedeiro e... todo cheíño de cagadas por abaixo! Pobre Olivia, que frustración! Estaba alí mesmo, ela sabíao, pero non podía chegarlle, intentaba avisarnos e non a entendiamos. Librei todas as cousas que hai enriba da caixa da area e movina. TACHÁN!!! O seu almacén! Non so tiña que aturar que merodease polo seu comedeiro, senón que descaradamente lle roubaba a comida e a tiña agachada a menos dun metro, pero nun lugar totalmente inaccesible para a pobre gata. Movina de novo e vino!! Estaba alí!! Non esperaba atopalo... fun á cociña, collín unha friameira e metino dentro!!!
Ja! Sen trampa, sen morte, sen plaga!!!
A Z. pasou un bo rato mirando para el, e a Olivia non había quen a separase do tupper.
Despois de telo alí un rato soltámolo nun prado para que estivese contento e fose ver ó seu papá, á sú mamá e ó seu avó.
E colorín, colorado, este conto está contado
Edito para engadir a confirmación das miñas sospeitas pola listísima tía Rita: que é unha musaraña!!! Non un rato.
E ademáis isto que vou gardar para a seguinte ocasión: trampas que non matan
miércoles 5 de marzo de 2008
A de hoxe
Sabedes que non se pode deixar soa a unha nena de 2 anos cunhas tesoiras, por moi de uso infantil que sexan, nin dez segundos... non, non se cortou e seguramente ía ser difícil que o fixese, en cambio convertiu o osiño laranxa do seu amigo Manuel nisto:
Máis dos meus pelos
Cando puxen os meus pelos rizos pedinlle á perruqueira que me explicase como se peiteaban, xa que eran unha novidade para min, non tiña nin idea do que se facía. Respostoume que iso era o que tiña que facer, non facerlles nada, que peitealos non se me ocorrese, que os deixase secar ó aire con algo de escuma ou auga de peiteado se quería marcar o rizo, e co secador e cara abaixo se quería que collesen volume.
O caso é que eu son moi galvana en canto a beleza se refire (e no demáis tamén, non o vou negar :-) ), así que o de escuma e secador non é para min. Comezaba a pensar que era máis cómodo o meu pelo liso (ou rapado) de sempre, e nunca sabía cómo me ía quedar o pelo, aínda que fixese as mesmas cousas non sabía cal ía ser o resultado. Aínda non lle pillara o truco, vaia.
Decidín entón deixalo ó seu aire, e o primeiro día garda algunha forma, pero o segundo gustábame máis, todo alborotado despois de durmir, así que onte á noite ocorréuseme que xa que hoxe o ía lavar podía pasarlle un cepillo a ver que pasaba. O certo é que lle tiña medo a que se me fixese un nó xigante, ou algo semellante despois do taxante "nin se che ocorra peitealo!!!" da miña perruqueira, pero...

...este é o resultado, e encántame!!!
Coido que era o que necesitaba, polo menos hoxe :-P
A ver se lles collo xa o xeito ós meus novos pelos.
A volta do frío
Onte facía moito sol, xa levabamos uns días de tempo máis que primaveral, fixo máis calor esta fin de semana ca algún día no verán, pero onte era distinto... Había unha luz... coma de inverno.
Olivia e a Z. deitáronse un ratiño na habitación verde a tomar o sol, e ata nos sorprendeu que a Z. quedara tanto tempo quietiña e deitada... pero logo comezaron os xogos.
Saímos de paseo co veciño Nuno e a súa coidadora. Saímos con sol, cun sol radiante e un aire frío, pero á media hora eu xa comezaba a non sentir as mans e cando abriamos a porta da casa comezaban a caer as primeiras pingas frías coma a neve.
A min pilloume por sorpresa este inverno, aínda que era de agardar a estas alturas.
Sempre penso se isto desbaratará todo o ecosistema... se os ovos dos insectos e os paxaros se abren e morren de frío despois, se os animais que hibernan teñen enerxías para aguantar o último tirón do frío despois deste espertar cedo...
Vós sabedes?
Para rematar, unha fotiño que sempre teño ganas de facer e nunca podo. É un lugar preto da casa, un túnel feito con árbores dende o que se ve a curva da estrada principal... encántame, pero é difícil coller o ángulo que quero, pasan moitos coches e está xusto espois dunha curva, así que debería ir un día con acompañante para que me vaia avisando se hai trafico e poida quitarme do medio. Coa Z. por suposto queda descartado, hoxe fixen unha excepción porque quedou durmida no coche e puiden aparcalo uns segundiños para arriscar a miña vida, ;-) Non me parei a encuadrar moito, como suporedes, pero voltarei...

martes 4 de marzo de 2008
Swapetines · Mata Hari chocolate
Así se chaman os calcetíns da miña sorprendida. Non teño moito tempo para tecer, así que o traballo vai lento, fixen ben comezar axiña.
Agardo que lle gusten, de momento estou a piques de rematar o primeiro.
Escollín este patrón porque despois de tecer os Anastasia quedáronme ganas de facelos de novo nunha cor máis escura, para que destaquen os calados coa pel branca, así que esta era a ocasión ideal, pero para non repetir patrón escollín estes Mata Hari, co deseño tamén en espirais pero aínda máis sinxelo.
Así se llaman los calcetines de mi sorprendida. No tengo mucho tiempo para tejer, así que el trabajo va lento, hice bien empezando pronto.
Espero que le gusten, de momento estoy a punto de terminar el primero.
Escogí este patrón porque después de tejer los Anastasia me quedaron ganas de hacerlos de nuevo en un color más oscuro, para que destacasen los calados con la piel blanca, así que esta era la ocasión ideal. Pero para no repetir patrón escogí estos M;ata Hari, con el diseño también en espirales, pero aún más sencillo.

domingo 2 de marzo de 2008
Teas
Hoxe vai de tecidos, pero doutro tipo.
Viñeron os avós tartaruga de visita dominical e trouxeron a tea para a bandoleira de Eli, mercouna miña nai porque aquí non atopei nada de nada, é 100% algodón e bastante xeitosiña. Fáltame recibir as anillas para poñerme a preparala e coser. E seguramente me dará para un par delas máis se quero... ou algunha outra cousiña, xa verei.
E teño gardadas unha chea de mostras de tecido que miña nai sacou duns mostrarios de roupa de berce que estaban atrasados. Lembrouse das miñas aficións manualidosas e pensou que poderían valerme para algo todos eses pedaciños de tea. Aínda non sei a que adicalos, se cadra para o meu primeiro proxecto de patchwork, ou algún boneco... ou igual quedan metidos no armario por moito tempo agardando a que me decida, como a maioría das veces (tendes que abir as portas dos mobles da miña casa... ou mellor non :-P).
Ademáis sempre miña nai sempre trae algunha cousiña que sabe que me pode gustar, desta vez foron uns calcetíns usados unha vez por meu pai e reducidos de tamaño máxicamente grazas á sacadora, un cepillo para o pelo que algún día poderá ser útil (cos pelos que ando hoxe non moito), un bote de vaselina con cheiro a algunha froita exótica, e o produto estrela: unha bolsa camiseta de tea, como as do super pero reutilizables.
Quedei moi contenta con este porque sempre ando cunhas bolsas de propaganda electoral que son bastante resistentes, aínda que non teñen moito espazo, son as típicas de asas, e ocupan bastante, e cando me agasallaron coa máquina de coser unha das primeiras cousas que mirei de facer foi unha destas bolsas para facer a compra.
Aínda gardo o enlace para facelas nalgún momento.
Nota para a swapetina: non tiven moito tempo para tecer e o pouco que levaba adiantado tiven que desfacelo por un par de erros, pero xa está solucionado e case rematado o primeiro do par, grazas tamén á visita dos avós. Agardo poñer algunha fotiño axiña.
Nota para la swapetina: no tuve mucho tiempo para tejer y lo poco que llevaba adelantado tuve que dehacerlo por un par de errores, pero xa está solucionado y casi terminado el primero del par, gracias también a la visita de los abuelos. Espero poner alguna foto pronto.



