sábado, 20 de septiembre de 2008

Ser nai

Veño do blog de Pilar e non podo evitar falar disto: de ser nai.

Eu fun sempre un pouco Susanita, so un pouco porque de casar non quería oír falar :-D, pero sempre quixen ter fillos. Dábame vergoña recoñecelo diante de meus pais porque sempre pensei que de min se esperaban outras cousas e non esta. Unha muller de proveito non é agora a que ten fillos, senón a que ten unha carreira e un bo posto de traballo.
Coas miñas amigas si que o falaba, e chamábanme tola, claro, quen na súa adolescencia falaba de ter fillos? Quen dicía que pensaba que se a muller comeza a estar preparada para ser nai ós 15 anos agardar ata os 40 non era o máis natural? Comprendía e asumía que a min me tocaría facer o mesmo porque era o que mandaba a sociedade: tiña que estudiar, atopar un traballo, estar estabilizada, atopar un bo mozo co que querer ter fillos polo medio, mercar a miña casa, o meu coche, facer moitas viaxes,... "gozar" a vida, vaia. A única que durante anos falaba así era eu, pero como sempre estiven un pouco tola coido que me daban por perdida :-). Pensaba daquelas que quen non tiña fillos era egoísta, pero cambiei de parecer, quen me parece egoísta hoxe son os que deciden ser pais, aínda que non queiran, so porque toca, ou por se dentro dun tempo queren selo e xa non poden. E non me parece egoísmo este feito senón o de que seus fillos "interrumpan" as súas vidas que pretenden que sigan sendo exactamente iguais ca antes e se convirten no estorbo e nos culpables de que non "poidan vivir".

Hoxe teño falado disto moitas veces, que impotencia se sinte cando non podes explicar á xente, a quen te quere, ou a quen non te coñece tamén, que es feliz. Cando ves ou sintes esa mirada de... "pobre, o que lle quedou por vivir". Como se a miña vida rematase ó ter fillos, incluso coma se tivese botado todo a perder.
Sei que non fago as cousas ó uso, pero iso non é novidade tratándose de min, non? Non me resulta doado saber que teño a carreira por rematar e que "debería" estar traballando nalgures por se o día de mañá... Sei que moitos pensan así e sei que non lles falta razón, pero os "por se", igual que o que fai "a masa" semella que non foron nunca comigo, e non sei se poderán imaxinar o feliz que son vivindo así agora e que facendo o que se supón que debería facer pode que non fose tan feliz nin agora nin despois.

Tiven sorte, teño moita sorte por vivir a vida que vivo, non sei canto me durará esta vida, pero hoxe síntome nai, cando me preguntan a profesión é o que teño ganas de respostar: nai, non coma un traballo, senón coma unha vida, coma o meu ser. Supoño que para quen non o sinte é difícil de comprender, pero pode ser, de verdade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Conta, conta...

Por se queres compartir