martes, 9 de septiembre de 2008

Avanza, avanza...

Nesta última semana sorprendeunos con varias cousas que nos fan ver o que medra.

Hai meses que lle agasallaron algún puzzle, e eu tremía cada vez que quería facelo porque era imposible conseguir que colocase unha peza dereita, nin explicándollo, simplemente non estaba preparada e eu acababa desesperándome. Pero entón a semana pasada quixo facer un crebacabezas inmenso, dunhas 20 pezas, que me parecía o máis imposible de todos. Intentei disuadila varias veces pero non o conseguín e ... sorpresa! Fíxoo. non quero dicir ela soa, non, con axuda, pero vin que comezaba a comprender como poñerlle un corpo a unha cabeza, como continuar o debuxo, ... levamos toda a semana facendo puzzles, máis doados e máis difíciles, con máis ou menos axuda, e a min encántame ver os seus avances... e a ela tamén.

Descubrina facendo o famoso dos osiños, no que antes ía probando pezas e preguntando insistentemente de quen era cada peza de roupa ou cabeza. Agora sabe perfetamente de quen é cada peza e incluso as vai clasificando cando non están no seu departamento correspondente.

E falando de departamentos, decaiteme de que hai un tempo que acerta sempre onde tirar o lixo. Moitas veces pregunta, pero pregunta ben: pregunta se o prástico vai no caixón do prástico, o papel no do papel, hoxe tróuxome o cacharriño onde botamos o orgánico para que botara as pelas da mzá no compost... e ninguén llo explicou nunca. É certo que os nenos aprenden coa prática e non con teoría, que burros somos os adultos intentando meterlles teoría inútil para os seus cerebros (se cadra non inútil, pero seguro que menos efetiva).

E xa non fai torres enormes dun so bloque, o sábado, por primeira vez fixo un muro, non era unha construción alta, agora colocaba as pezas ó ancho e ó alto.

E conta contos, e cóntaos tan ben que me sorprende. Ás veces non lembra unha parte, atáscase e acode a pedir que llo continuemos, ou simplemente ante a frustración abandona. Pero sorrío dende o salón cando a escoito contar un conto tras outro agachada das miradas. Penso en coller a cámara de vídeo e facerlle un para non esquecelo nunca, pero penso que se a collo o momento vaise esvaecer e déixoo pasar.

A as cousas que se nos pasarán por alto? Pero ela segue aprendendo e avanzando día a día, medra diante nosa e eu gózoo. Non quixera perderme máis do imposible, encántame vela facerse grande.

3 comentarios:

Conta, conta...

Por se queres compartir