martes, 19 de agosto de 2008

De sobremesa

Pasou o domingo, era o aniversario da bisavoa Marilde, 80 aniños que celebrar, e xuntámonos 11 persoas ó redor da mesa.
Pero como pode ser que teñamos unha sobremesa así? Meus irmáns e miña nai desapareceron, a avoa Olga confesou despois que estaba farta desas sobremesas de domingo e de ser a única en discordia, que non quería rematar con dor de cabeza outra vez.
Como pode ser que das 8 persoas que quedamos arredor da mesa fora eu a única que tiña unha visión distinta do mundo? Quérome consolar pensando que todos pasaban dos 50 e que as novas xeracións non pensan así, aínda que saiba que non é de todo certo. Non me sorprendería que alguén pensase así, pero todos?



Que é iso de que os novos agora se metan na casa coa moza na habitación? Que falta de respeto e esa? Porque facer, fixémolo todos, pero non así, agachábaste, e fumabas un cigarro e chegabas a casa con pedras na boca para que non te cheiraran e ó falar respirabas cara adentro, pero agora ves rapaciños de 13 anos que non se teñen en pe pola rúa (non me gusta isto tampouco, pero non penso que os pais saiban o que fan os seus fillos, imaxino que todos confiamos neles, non?)... e a culpa é toda dos pais, porque agora non hai disciplina, todo vale, todo se lles deixa facer, contestan mal e, claro, como non lles podes levantar a man... como se iso lles fose traumatizar, se os que están traumatizados son os que non as levan!! Se eu non digo darlles unha paliza, pero un azoute non lle fai mal a ninguén.

Pois eu non creo iso, creo que o problema é que hoxe ós fillos non os crían os pais, se a miña nena comezase o colexio o ano que ven tería que metela no autobús ás 8:30 da mañá e voltaría a casa alá sobre as 5, iso contando que eu non traballe, porque senón meteríaa en actividades ata as 8, cando a iría buscar para metela na cama. Deixamos a educación dos nosos fillos en mans de outros, pero non so a súa educación, senón a súa vida. Ás mulleres vendéronnos toda a vida que para ser "mulleres completas" tiñamos que traballar fora de casa, e agora que por fin o conseguimos, atopámonos con que as familias quedan abandonadas, non podemos mantelas se non traballamos e estamos atrapadas: temos familia e temos que traballar para mantela e se traballamos non a vemos.


Pois claro, é que non se pode facer todo. E se non, pois como fixemos todos na nosa época.

Como fixestes todos? Dos que estades aquí, a túa muller non traballaba e podía ir buscar á nena ó colexio, e os outros estaban cos avós, xente de confianza, da familia,... pero hoxe os avós tamén traballan. Así que voltamos ó mesmo, que fas? Contratas a alguén descoñecido que coide ós teus fillos? Pero entón non es ti o responsable de como estean educados porque non os ves.


Si, pois como en Estados Unidos, que aogra se pode levar ós fillos ó traballo ata os 5 anos: ale aí, nunha reunión e cambiandolle o cú, pois a min iso non me parece.

Xa, pero antes a señora que tiña unha tenda e tiña os nenos con ela por alí enredando non estaba mal, verdade?
E sobre o de pegarlles, eu creo que máis ben non é que o neno " o mereza" senón que os adultos non sabemos outra maneira de atallar esa situación, así que é un defecto do adulto e non do neno. Cando lles dabas un azoute non solucionabas o problema, pero quedabas a gusto, verdade? Igual que ás mulleres, cando non podes controlar algunha situación báteselles, non?

Non, porque unha muller razona.

Vale, xa non entendo nada, así que a unha persoa, porque todas son persoas, que razona non lle bates porque te pode entender, pero a unha que non entende o que lle dis o que hai que facer é baterlle?

Bueno, e a algunha que vexo eu pola rúa, aínda merecía que lle batesen (isto díxoo unha muller).
E que é iso de que os homosexuales se casen, que sexan un matrimonio? Un matrimonio é un home e unha muller, de toda a vida.

Pois iso de que se casen é so que firman un papel, que lles da os mesmos dereitos que temos os demáuis coas nosas parellas. E non, non van exhibíndose, so se mostran tal como son, igual ca ti, que vas pola rúa e se che apetece daslle un bico á túa parella, ou vaste exhibindo?


E que poidan adoptar nenos? E despois as parellas de verdade teñen que marchar adoptar nenos de fora porque aquí llos dan ós gays. E como se sentirá ese neno no colexio? Co crueis que son os nenos, que van dicir: que ten dous pais?

Primeiro iso é mentira; segundo, os gays antes non podían adoptar, pero podían ter en acollida ós nenos problemáticos que ninguén máis quería; terceiro, as lesbianas puideron ter fillos toda a vida, por que non ían ter os mesmos dereitos os gays?; cuarto, os nenos de non lesbianas e criados por mulleres existiron sempre, e se non os mariñeiros, que estaban na casa unha fin de semana cada 5 meses? E os nenos mentres criábanse coa nai e a tía, por exemplo.

E os nenos non son crueis, como moito son curiosos, e un comentario curioso feito sen malicia non ter por que mancar a ninguén, a crueldade aprendémoslla nós, porque se eu non lle digo á miña filla que ter dous pais está mal ela non o vai ver así, aprenderá que hai familias diferentes, e se os pais dos demáis nenos lles explicaran o mesmo non se lle trataría mal a ese neno.



Houbo máis cousas, pero creo que xa non podo máis.
Tiñades que ver a cara de quen me preguntou se non lle pegara nunca á Z., o espanto que lle debeu parecer, coma se fose algo inconcebible, coma se fose un erro que os nenos chegasen a unha idade sen unha torta enriba...
O peor de todo, as miradas condescendentes ante os meus comentarios:
mira a nena que tamén quere falar, jaja! Pobre, canto lle queda por aprender na vida! Xa falaremos dentro duns aniños, a ver que di entón...
Saber (ou iso quero pensar) que meu pai non pensa así, polo menos non neses extremos, e que non sexa quen de dicir máis que: Fáisenos difícil de entender.
E aínda peor, que alguén te desculpe: é que é moi liberal. Coma se sentise vergoña porque estiveses meténdote nesa conversa, coma se fose "culpa" súa que os molestes.
Non, eu non son liberal, son persoa, coma todos os demáis, incluídos vós, que podedes entrar dentro dunha clasificación semellante á vosa, na que sexades vós os "non gratos", non se vos ocorrera iso? Non vos parecería inxusto e molesto?

Tiña razón miña nai marchando dalí, non me querían alí dentro, o máis que fun foi un pequeno estorbo, so querían dicir barbaridades e apoiarse uns ós outros, que mágoa.

:-(




1 comentario:

  1. Bem, en primeiro lugar estou certa de que non foches un estorbo e de que a túa familia quérete, e dígoche máis aos bichos raros ainda se lles ten máis estima porque son distintos e provocan, provocamos, tenrura.

    Non teñas medo que as sobremesas "discuteiras" danse en todas as casas, e se non se discute de crianza faise de política ou relixión ou vai tí a saber qué e son a salsa das reunións familiares e que duren moitos anos!!

    Eu teño que confesar que son moi proselitista hahahaha e nestos debates emprego moita mooooooita man esquerda e por suposto evito cair no enfado porque non paga a pena, e porque as persoas pensamos distinto e sempre que exista o respecto non hai que preocuparse por iso. Nestes casos introducir unha brincadeira sempre, sempre é positivo, porque baixa o nível de enfado proprio das discusións (e mira que a tiñas a tiro co comentario de que algunhas merecían que lles batesen!!! escachei a rir e todo hahaha). Tamén tes que comprender á xente maior porque recibiron unha educación moi distinta á nosa e creceron noutro mundo, e pra eles certo tipo de pensamentos pois é de "liberais" ou "progres" e non tomes esa clasificación coma unha ofensa porque non o é.

    O máis importante non é que os demáis pensen distinto a un, o importante é que respecten as diferenzas, ainda que só sexa aceptándoas con resignación.

    E sí, xa verán dentro duns anos como respectar aos fillos non só é posivel senón positivo pra todos. :) o teu exemplo fará pensar a mais de un.




    Por certo que xa é casualidade que sacara tamén eu o tema dos fillos sen criar :)

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir