lunes, 11 de agosto de 2008

Carne de Dióxenes

Creo que xa volo dixen máis veces: a octoxenaria non sei se chegarei, pero a Dioxenaria si.

Teño demasiada conciencia para tirar sen máis cousas que poderían ter un bo uso. Si, xa sei que reciclar está ben, e incluso son desas persoas (porque hai algunha máis, seguro) que se sinten mal cando non separan o lixo, por suposto, fora da súa casa; pero non podo reciclar sen máis, reciclar os envases usados está ben, os plásticos rotos, pero como vou tirar as bolsas que me dan cando merco nalgunha tenda e non levo a bolsa de tea no bolso? Unha bolsa de plástico ou papel totalmente intacta agás polo transporte dalgún artigo pequeno e envasado, ou unha prenda de roupa nova e limpa? Non podo, e como non podo vounas gardando todas e cada unha delas, clasificándoas por tamaños e materiais para telas ben localizadas no momento de poder seren reutilizadas... pero nunca teño tantas ocasións de reutilizar bolsas, e pasa o que pasa...

Dióxenes 1

Tiven a idea de ofrecelas na Cova da terra, se cadra non lles importa que leven publicidade allea, se non, coido que seguirán acumulándose no meu rocho.

E se fose so iso, pero nun caixón vou metendo cada papel dos agasallos que chegan á casa, pensando en reutilizalos para obxectos pequenos e manufacturados, para manualidades varias, como papel de embalar se vou mandar algún paquete... e cartóns un pouco grandes ou non tanto, para recortar e facer figuriñas que nunca chego a facer, algún móbil para adornar o teito, pintar con pinturas de pincel, que necesitan papeis resistentes... e anaquiños de teas, e se aprendo a facer patchwork?... e os folios que so están utilizados por unha cara, por suposto, incluso os que chegan no correo, e ás veces ata fago libretiñas de anacos de papeis minúsculos, e non chego a dalos gastado...

Dióxenes 2

Levo mal camiño, verdade? E se vos conto que teño moita, moitísima roupa picada e que me poño insistentemente para estar na casa? É que eu sei que a uso, e non é roupa para dar a ninguén porque está rota, así que cada vez que ven miña nai de visita e me ve "con esas pintas" sei que sofre (agora xa menos e en silencio porque sabe que non hai maneira de facerme cambiar), pero como vou mercar roupa para andar pola casa? Ou usar pola casa roupa que me poño para saír á rúa e entón ter que substituir a de fora? Todo consiste en usar máis e máis cousas, mercar máis e máis cousas, e á xente que lle importa se vou vestida con roupa rota ou de segunda man? Seguro que os que queiran atoparán razóns de máis para falar de min sen ter que buscarme os furados.

Por suposto, cando a veciña me di coa boca moi pequena e baixando moito a voz que reutiliza a roupa da grande para a irmá pequena eu dígolle coa boca moi grande que a roupa da Z. é case toda de reestreno, e ben orgullosa que me sinto de que a roupa non quede inutilizada no caixón de alguén agardando a darlle uso.

E cando imos dar un paseíño por Grou sempre aparece a vida pasada da tía Gloria e a súa casa chea de servilletas de papel sen usar, de bolsas metidas noutras bolsas, de envases de margarina (que eu sempre estou tentada de gardar como estoxos),...

Hoxe dei un pequeno paso tirando revistas coas que xa non teño ningunha relación, un par de zapatillas rotas e descoloridas que hai un par de anos que non puña,... e algunha outra cousa máis sen importancia :-(

Total, que vou necesitar un almacén para "merda" porque seguro que nesta casa hai máis merda que outra cousa,... ou se cadra, cando se me acabe o espacio, unha terapia.

Vós como o facedes? Cómo se libra un das cousas que non son útiles pero teñen utilidade?

NOTA: Respostáronme xa da Cova da terra, así que xa teño espacio na casa para seguir acumulando bolsas pero comezando de cero:

"Ola Raquel,
pois si, nós na tenda sempre usamos bolsas "de segunda man" e son os propios clientes quenes as traen, así que podes traérnolas cando queiras.
Un saúdo."

6 comentarios:

  1. pois case igualiño ca ti, pero non chegoa calificar as bolsas, utlizo-as habitulamente para o lixo. A roupa doulla á gardería onde levo os nenos, alí sempre a aproveitan, pero teño-a tan limpiña e coidada que a directora dixo que lla pasaba ás súas netiñas. Boto moitísimo en falta non saber coser e a máquina Singer da sogra, aínda non cambiamos de casa e agora está gardada nun baixo. Digo-cho polo seguinte: hai pouco comprei un vestido marabilloso para a nena, http://www.etsy.com/view_transaction.php?transaction_id=9730929 fareille foto no outono, é dunha creadora americana que aproveita roupa de algódón usada, tinxea de novo e imprime-lle detalles, para os gastos de envío hai que mandarlle email mira éste que chulo: http://www.etsy.com/view_listing.php?listing_id=14168319
    Quizáis nós cos restos podiamos facer cousas semellantes. Bcs.

    ResponderEliminar
  2. Atopei a miña irmá xemelga!! :XD
    Igualiño, igualiño!

    Nós tamén clasificamos as bolsas, unhas para o lixo, outras -as máis bonitas- para transporte ou gardar cousas e as de papel ou ben serven para empaquetar algo pra mandar nos correios ou ben de contenedor para o papel para reciclar e xa vai todo xunto para o contenedor.

    Tamén gardo o papel dos agasallos (e os laciños) e agora os meus pequenos xogan a facerse/facerte agasallos así que algún papeliño xa vai indo tamén pra reciclar.

    Os folios usados só por unha cara empregámolo en imprimir debuxos para que os pequenos pinten, ou os rompemos en pedaciños para apuntar a lista da compra.

    En canto á roupa, eu mándoa para África a través dunha ONG de enteira confianza e antes a levaba a Cáritas (xunto cos xoguetes, que tamén ían para aló).

    Tamén gardo retais de telas que "poden servir para algo" e ahí os teño á espera.

    A miña aboa sempre dicía "o que garda, sempre ten", seica isto do síndrome ven de familia (ou tal vez de xénero) ;)

    ResponderEliminar
  3. Bueno, parece que sempre hai como darlle utilidade ás cousas, menos mal, porque eu non son quen de parar.

    Olivia, encántame a roupa desa rapaza! A miña máquina estropeouse, e, aínda que está en garantía ninguén me resposta ó teléfono... aínda así non sei facer nada con ela, vou improvisando, pero encantaríame facer cousas así.

    ResponderEliminar
  4. na nossa casa o espazo é limitado assim que aprendemos a partilhar com os demais. quando os brinquedos passam um tempo sem ser usados os mesmos pequenos som os que os oferecem aos amigos mais pequenos. com a roupa passa o mesmo: há um círculo de reciclagem mesmo ampla e todos andam com as roupas dos outros.
    as bolsas? depois de ter de tirar montanhas de bolsas nom nos despegamos das de tea... beijos.

    ResponderEliminar
  5. Pois é boa idea o de usar bolsas de tea, se non as pedimos, non as temos que almacenar :)

    ResponderEliminar
  6. Xa, o problema é que as do súper nós gastámolas coma churros se non é cun lixo é co outro, pero xusto cando non levo bolsa de tea é cando cae algunha prenda de roupa ou similar.

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir