lunes, 21 de julio de 2008

Vacacións en Palafrugell · II

E seguimos:

IMG_1241

IMG_1231

Fomos á praia case a diario, cando non era á Gola do Ter coas cadeliñas, por certo, praia enorme e desembocadura curiosa con desaparición da auga do Ter a poucos metros do mar; era á de Calella, a praia non nos gustou moito porque xusto fomos a do medio do pobo e, ademáis de abrasar, a area mancaba nos pés, pero o pobo é precioso, encantounos o paseo e aínda máis os xeados artesáns que había nel, mmmmmmm. A Llafranc, como a Calella, tamén podiamos ir andando e na súa praia, cunhas rochas moi chulas fixemos snorkel o Moucho e máis eu por primeira vez na vida. E eu que pensei que me ía a agobiar sen respirar polo nariz e resulta que o pasei xenial, vin peixes variados, incríble ver o preto que nos andan e nós sen nos decatar: había uns semellantes ás douradas e cun punto negro xusto onde comezaba a cola; outros de raias negras e máis alargados, que se poñían cara abaixo nas rochas do fondo e se camuflaban entre as algas; outros longos e prateados; e a miña estrela: vin un polbo!! Encantoume! Agardo non esquecelo en moito tempo porque a imaxe era preciosa: estaba pegado na rocha e os peixes arremuiñábanse onda el, comezou a moverse e os peixes foron marchando así que a súa cor foise volvendo marrón, igualiña que a rocha, ata que un peixe se achegou a el, entón púxose escuro, cheíño de manchas negras punteadas que desapareceron en canto marchou o peixe. Despois vin unha sombra que me quitaba a luz e saín antes de que os nenos me atropelaran coa barca, e cando voltei fun incapaz de atopalo de novo... pero foi tan bonito!
Outro día fixemos unha viaxe en coche para ir a unha praia (non lembro o nome, anfitrións, axuda) na que en lugar de area había coios, o aparcamento estaba a tope, pero en cando chegamos atopamos sitio. Quedamos as mulleres no coche agardando a que a Z. espertara e o Madroño e o Moucho foron á praia a aproveitar o sol e poder facer snorkel nunha praia tan cheíña de recunchos para os animais mariños, pero non houbo sorte: era sábado pola mañá e non fomos moi madrugadores, así que cando chegaron á praia non atoparon sitio nin para pousar as cousas e voltaron. Eu non cheguei a vela sequera, pero seica é moi chula.

Ese día fomos tamén a Cadaqués, vimos a casa de Dalí (incríble que non estea aquelo masificado) e moi chulo o pobo cheo de casiñas brancas.

Pero non todo foi diversión, non vos pensedes, tivemos tamén algún incidente: nunha desas voltas da praia de Llafranc camiñando o Moucho, o Madro, a Z. e máis eu, Madro tivo a mala sorte de pisar unha tapa dunha alcantarilla que estaba mal posta e papamos un susto ben gordo. Eu pensei que rompera unha perna, pero como moito so rompeu algún óso do pe. Bueno, non foi unha broma, que o pobre andou ben magoado, pero non foi ó médico, así que non terá unha indenmización millonaria do Concello, cachis!!!

E tamén fixemos viaxes didácticas. Grazas á Tía Rita descubrimos e visitamos o centro da Fundación Mona. Que peniña! Pobres chimpancés condenados a unha vida así (ou peor se non fose así) co ben que estarían eles vivindo libres... Eu chorei xa co video que nos puxeron antes de comezar a visita, os pobres engaiolados toda a vida en gaiolas dun metro cúbico ou dous... bufff. Trouxemos de recordo-axuda unha camiseta e un chaveiro ben chulos. Se pasades por alí preto non deixedes de ir visitalos ou de axudalos, non se merecen o que lles fixemos.

monos 2

Por certo, descubrimos moitos nomes curiosos e algún macabro:
sanitarios Sangrá
Maroma projects
un negocio de non lembro o que que se chamaba Sarasa
e o macabro deste lugar, a que da mal rollo?

riumors

A Z. seguro que foi a que mellor o pasou de todos, entre praia, xirasoles, cadeliñas, a compaña da tía Rita e de Madro...

xirasoles 2

cociñeiras2

... bueno, e nós tamén!!! E non podemos esquecernos das (aínda que poucas) partidas nocturnas ó Viajeros al tren, aínda mellor que o Carcasonne. Cando voltamos??

Nota: teño que dicir que o mércores antes de pillar o tren moi polos pelos deunos tempo de ir visitar a tenda de tes de Sans & Sans en Barcelona, así que fixemos unha boa compra de tes e infusións sen excitantes... e están boísimas, mágoa non ter unha aquí ben preto. (Non son nada desastres estes anfitrións)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Conta, conta...

Por se queres compartir