martes, 29 de julio de 2008

Comer do campo

Cando estivemos en Girona descubrimos que alí os piñeiros son ben distintos dos que temos nós en Galicia, teñen a copa redondeada e as pólas so comezan aló enriba. O Moucho apañou uns piñóns enormes comparados cos que temos por aquí e que eu me afanaba en abrir e comer cando era pequena coa miña curmá: tarefa imposible, porque co pequenos que eran cando conseguiamos abrilos estaban esnaquizados e era imposible separar o piñón da casca.
O caso é que non lle fixemos moito caso ó Moucho cando nos dixo que os abrisemos para facer unha comidiña, pensamos que cos seus coñecementos ata poderiamos envelenarnos.
Pero cando fomos a Grou, a avoa Carme, que si ten coñecementos de natureza, e polo menos da súa zona, fíxonos apañar piñóns coma tolos abaixo de dous piñeiros igualiños ós que había en Girona, e trouxémolos nós "que temos vagar para abirlos".

Piñóns

Hoxe comemos un revolto: con ovos das pitas dos avós de Grou, con espinacas do noso horto no que o Moucho pon as súas ganas, e con estes piñóns recolectados directamente da natureza (ademáis dalgún ingrediente máis que non puidemos sacar do noso arredor)... e parece que senta mellor, que sabe mellor,...

O próximo será unha marmelada de moras en canto sexa o tempo de ilas buscar. Teño un mes para localizar unha boa zona de silveiras lonxe do po dos camiños e o fume dos coches. Non sei que ten facer marmelada, pero senta tan ben como comer as cousiñas do teu horto, faime sentir na miña casa, nunha casa coma as de antes e sendo unha muller coma as de antes (aínda que nada teña que ver con elas agás o sexo feminino).

E é que últimamente teño ensoñacións sobre a vida no campo, no campo de verdade, con familias próximas e amigas, coas que compartir máis que un café, poder vivir da vida no campo. Antes era un soño, pero agora é máis ca iso, porque descubrín que hai máis xente que soña con isto coma nós, e incluso algúns deles o consiguen: vivir cos nosos cans e os nosos gatos, comer os ovos das nosas pitas, cultivar o noso horto, pasear polo monte, ver ós nenos subir ás árbores, encherse de lama e facer construcións de piñas e paus, que todos sexamos unha comunidade e que os nenos sexan máis que compañeiros cada día, que aprendan de todo xuntos e cunha idea semellante da educación e da vida dos seus pais.

Agora so necesito un bo plan, boa xente e moita forza... e coñecéndome todo quedará en nada, e así me vai, todo o día ensoñando.

4 comentarios:

  1. Aissssssss, que ben soñas!!! Ogallá sexa moito máis ca un soño (creo que xa o estás facendo realidade) e eu poida ser unha desas amigas... Moitos bicos

    ResponderEliminar
  2. Eu apúntome tamén á comuna :XD

    Por certo que eu nunca fixen marmelada, se puxeras a "receita" agradecíacho :)

    Ah!! o dos piñeiros: é que os de alá son "pinos piñoneros" pero nos temos ás ricas castañas e tamén as landras, que non saben tan ricas como as castañas pero tamén están boas :)

    ResponderEliminar
  3. Eu dende pequena como os pinhons dos "pins" catalans e estou tan ricamente! Asi que son comestibles, son bos, e si tes que mercalos no súper son carissssimos!!!!! No magosto aquí en Catalunya facemos uns pastelitos que chamamos "panallets" e levan estos pinhons tan riquisimos, tendes que probalos, mmm...

    ResponderEliminar
  4. Mochilinhas, moito nos falta para que sexa como o que soñamos, pero hai que ter soños na vida, non si?

    Meninheira, podes agardar un chisco pola receita? Se fago a marmelada prometo post con receita e fotos, e se non a receita vai seguro. Se a queres antes tampouco hai problema, vaia, pero teño que recuperala antes, que levo uns aniños sen facela.

    Lidia, o que é non saber, eh? Pois estaría ben probar eses panallets entre castaña e chourizo asado ;-)

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir