miércoles, 25 de junio de 2008

O colexio II

Estaba tranquila, se cadra porque sabía que non ía meter á Z. no cole o ano que ven, pero o outro día fun ó parque e unha mamá contoume que ela fóra inscribir ó seu fillo despois do prazo de matrícula (que se pode facer sempre que queden prazas) e que xa había máis de 25, pero que contra o que eu cría nun principio, de que farían dous grupos e sería mellor, porque habería menos nenos por clase, esta mamá díxome que segundo o centro, non tiñan espacio físico para facer outro grupo, non había outra aula, así que derivarían ós nenos a outro centro con prazas.

E aí comezou o meu medo. Eu matriculei á Z, si, pero non a ía levar, e que pasa se non a levo este ano? Que para o seguinte non tería praza, nin para o seguinte nin para o seguinte máis, cando chegase a idade de escolarización obrigatoria, con 6 anos, a Z. tería que ir a un colexio a máis de 20 kilómetros, sen transporte escolar, e sen ningunha vantaxe...

Estou triste e estou agobiada, porque dende que esta mamá mo dixo, fará unha semana, as cousas foron moi rápido. Tiña pensado pasarme polo colexio a preguntar como ían as cousas, pero onte recibín unha chamada da secretaria:
- Ola, chámote porque te esqueciches de cubrir un dato na matrícula: queres relixión ou atención educativa?
- Eh? Non, non me esquecín de cubrilo, é que pensei que os nenos de 3 anos non tiñan desas cousas.
- Ai, si, aquí dende pequeniños teñen de todo.

E que é menos malo? Que lle falen da relixión, seguramente católica, vai ti saber con que óptica, ou que lle dean máis atención á educación? É que soa que da medo, soa a clase de reforzo, a traballar no que "vas peor", que con 3 anos eu agardaba que nin sequera existise ese concepto. Teñen moito que aprender no colexio con 3 años, que non sexa a estar na clase e xogar cos compañeiros?

Pois seica si, porque onte tamén pola tarde, veu a casa o pai dun neno que comeza no mesmo colexio o vindeiro ano:
- Veño do colexio, de buscar a lista de libros.
- Lista de libros?
- Si, temos 8 libros, de inglés, de matemáticas e non sei que máis, e unha cantidade de material...
- (Como? con 3 anos? Van ter que estar todo o día facendo fichas e máis fichas, eu confiaba en que os meus medos fosen so medos, pero van ser realidades. Teñen 3 anos, teñen que xogar, non pasar horas sentados facendo fichas) Pois a min chamáronme hoxe porque non cubrira o de relixión ou ...
- Si, eu preguntei cando fun levar a matrícula e escollín Atención educativa, porque me dixeron que así xa facían alí os deberes.
- (Que? Pero que deberes? Con 3 anos? Pero que pasa, que se non lles mandan fichas para facer na casa non lles da tempo de acabalas no ano, non?Bufff. Pero é que non saben que está PROHIBIDO, por LEI os nenos non poden levar deberes ata 3º de primaria??!!) ... eu xa non digo nada, non me gusta nada o colexio, pero nada nada.
- ... xa nos dixeron que cambiaban a profesora este ano, que marchaba a que había e viña unha nova. E que xa nos chaman en setembro para avisernos de como será o periodo de adaptación, porque depende da profesora, pero que non máis de 15 días. Xa me preguntou se era de gardería, porque así seguro que non o necesitaba.
- (Vale, non podo máis, como funciona isto? Os nenos que antes se separen dos seus pais son os que máis vantaxes teñen? Se entran na gardería cun mes, mellor, que así non necesita adaptarse despois no colexio, e os que o necesiten, e necesiten máis de 15 días... pois que se vaian afacendo como poidan, que a vida é así, a foderse! Por certo, o que entra no cole con 3 anos, que non é obrigatorio, ten asegurada a praza con 6 anos, cando empeza a escolarización obrigatoria. É como darlle praza primeiro ós que foron á gardería, a única diferencia é que os de 3 anos e os de 6 están no mesmo centro. Será moi normal, pero eu non o vexo así.)
- ... pero vai ser outra etapa, xa verás que diferencia cando os deixes no autobús ás 8 e media ou ás 9 e chos devolvan ás 4 e media xa comidos. E como non durmen sesta, déitanse antes, así que ás 8 ou ás 9 na cama...

Funme, non podía máis xa, é que aínda por riba me lembra como van pensar o resto dos pais e o pouco que poderei facer eu soa. E agora non son imaxinacións miñas, agora é a realidade, está todo aí, a dous meses e medio escasos se non temos sorte. E eu estou... triste.
Este pai foi o mesmo que quería telos entretidos facendo unha horiña os deberes, así que botando contas saéme que para el o ideal é ter 2 horas e media ou 3 horas e media de fillos ó día.

E pola noite falei con outra nai e conteille que non me gustaba nada o colexio, comezando polo dos libros:
- "pero a ti que máis che da iso? Se son unha cousa boa, non? É bo que teñan inglés."
- Si, pero non con tres anos, con tres anos teñen que xogar, non pasar o día facendo fichas.
- Pois para iso tiñas que metela na gardería, non digo toda a mañá coma nós, pero unhas horiñas víñanlle moi ben.
- Como? Non, é que Z. na casa xoga todo o día, non é necesario ir a gardería para xogar, e si é necesario que os nenos de 3 anos xoguen.


Síntome atrapada, sen saída. Sempre dixen que os meus fillos irían a colexios públicos porque o que eu quería era loitar porque a educación fose para todos como eu quería, máis xusta coa evolución dos pequenos, pero agora mesmo o que me falta para meter á Z. nun privado que se achega ó que me gustaría (quitando o clasismo que se produce por ser un privado), son os cartos.

É igual, exactamente igual que os partos, aténdente sen problemas por vivir en España, tes dereito a elo, pero está todo mal feito, e sabes que tes dúas opcións: presentar un plan de parto no hospital que che toca e arriscarte a que fagan contigo e o teu fillo o que lles dea a gana e, ó mellor aínda con represalias; ou escoller unha opción máis segura, pagando. A diferencia é que agora non me vale con aforrar un ano para darlles a opción mellor. Sei que quero outra cousa, pero non hai outra cousa, hai isto e, ou o colles, ou amáñaste ti soa como poidas.

A miña esperanza é que os 20 nenos que me dixo a secretaria que había agora matriculados non sigan aumentando e a Z. poida ir cando lle apeteza e cando estea preparada. Se non hai sorte non sei o que faremos. Non tería problema en facer kilómetros se soubese que a opción ía ser mellor, pero por desgracia anda todo preto da mesma merda e aínda por riba sen servicios que algún día si poden ser útiles, como o transporte escolar.

E outra esperanza é que aprofe nova sexa diferente, que non poña ós nenos a facer fichas e máis fichas, que decida ampliar o periodo de adaptación...

E aínda así síntome fatal levando á miña filla a un sitio así... confío polo menos en que logre cambiar algo.

2 comentarios:

  1. Ola!
    Creio que ós 6 anos a matrícula faise "nova" para todos os nenos sen ter en conta se antes estudaron no centro ou non, infórmate ;)

    ResponderEliminar
  2. Ola;
    En España a Cosntitución consagra o "dereito" dos nenos a recibiren educación "formal" mais non di nada de que teña que ser obrigatoriamente nun centro escolar. Outra cousa é que sexa así na case totalidade dos casos. Cada vez hai máis familias que non escolarizan senón que ensinan na casa segundo a modalidade de "ensino doméstico" ou "homeschooling", que está recoñecido en Portugal, Inglaterra ou Estados Unidos. En moitos casos as familias son denunciadas por alguén (algunha autoridade local normalmente) e o fiscal de menores limítase a comprobar que non existe abandono senón todo o contrario e que o neno está aprendendo ao ritmo normal só que doutra maneira. E arquiva o caso.
    Con isto o que quero dicir é que non tés que escolarizar obrigatoriamente á Z cando chegue ós 6 anos. Ao mellor podes facer algo distinto, quen sabe?
    Saúdos.

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir