martes, 20 de mayo de 2008

O colexio

"O colexio é un edificio en que pasamos moitas horas durante o día. Nel facemos fichas, debuxos, traballos manuais con plastilina... "

Así comeza a descrición do colexio que fai o Imaxinario que lle agasallamos á Z. Que triste, que mágoa me da que sexa esta a realidade, que o colexio sexa un edificio onde os nenos pasan moitas horas ó día facendo fichas... e agora que está tan próximo dáme cada vez máis mágoa e máis medo.

Tócalle comezar no cole con 2 aniños e 9 meses, pero coma se fosen 3, non me gusta, ese é o problema. Non me gustan as normas e aínda menos as normas estrictas e estúpidas que hai moitas veces nos colexios. Entrar xa é unha loita: intentar que me deixen facer a adaptación entrando con ela na clase o tempo necesario, os días necesarios (temos a sorte de que serán como moito 16 nenos na clase, así que non debería ser un problema que algunhas nais ou pais decidisemos ir, porque sei que non todos van querer); que a Z. vaia co cueiro aínda se non controla (e sobre isto xa tiven abondo discusións últimamente: que se pegatinas feas cando se erquen mollados, que se "poñelos", que se problemas sicolóxicos... bah); que se a parada do autobús (pero pódense mandar nenos de 2 anos e pico nun autobús cun coidador e cheo de nenos grandes?); que se o comedor (de 9:30 a 4:30 sen sair do colexio... pois claro que me parecen demasiadas horas para unha nena de menos de 3 anos).

E despois a loita cos pais, non so co centro, ó final é sempre a miña loita contra o mundo o que me agota. E que lle vou facer se teño a cabeza contracorrente?

Os nenos non poden, por lei, levar traballos extraescolares no primeiro ciclo de primaria, pero todos os nenos levan deberes para casa. Levo tempo pensando que cando entre no cole me vou meter na ANPA so para convencelos de que non se pode e xa está, pero non contaba con que os pais quixesen que os seus nenos de 6 anos saian de pasar 7 horas no colexio e cheguen a casa para poñerse a facer deberes, e cos poucos que falei dei contra un muro: "pois unha horiña que están entretidos". Pero entretéñense igual se les un conto con eles, e se queres que fagan contas pois posllas ti, que teñen 6 anos... "Pero se o manda a profesora non hai máis que dicir, téñeno que facer, e se o digo eu... Deixa, deixa, que non lles fai mal ningún."
Así que vexo o panorama, a profesora poñendo deberes a todos e a nai da Z. que non quere que llos poña, pero claro, a Z. quere ser coma todos os seus compañeiros, é un animal social, aínda que non lle gustase facer contas na casa despois de facer contas na clase, seguro que ía necesitar traer para casa os seus deberes para ser igual que os demáis compañeiros e compañeiras... Cómo se loita contra isto, isto, que é a ponta do iceberg, porque aínda estamos fora e son cousas que se me ocorren pero que non coñezo de preto... e cando apareza algunha frase como "es moi grande para durmir cos teus papás", ou "que nena máis porca que non sabe facer caca no váter, parece un bebé", ou ... que medo, que angustia, non quero pensalo.

De momento imos facer a matrícula, pero estou convencida de que non vai ir aínda o vindeiro curso: é moi pequeniña, total por 28 horiñas non lle toca comezar ó ano seguinte; vai ter un irmán (ou irmá) dous meses despois de comezar o cole, e se non leva moi ben o comezo do cole, cando se estea comezando a habituar chegará o segundo batacazo; vai pillar de todo e vaillo pasar ó tartarouchiño pequeno; cumplir os horarios cun recén nado pode ser matador,... ocórrenseme moitas razóns para que non vaia e para que vaia... pois non.

E aínda que as nais adoitan comprendelo, tamén teño que escoitar algún comentario de que non quero deixar que se relacione con outros nenos e que algún día a vou ter que deixar saír da casa, e que a estou malcriando, e lindezas do estilo... pero a xente non se da conta de que son nenos moi pequenos? De que a necesidade de garderías e de ir a colexios con 3 anos non é dos nenos, senón dos pais, e da incorporación da muller ó traballo en tan malas (nulas) condicións de "conciliación da vida familiar e laboral"?

E non quero pensar no día que eu me poña a traballar, se é que pasa iso algún día: atopo un traballo de 10 a 4 (se alguén o coñece que mo diga) ou meto ós nenos a infinitas actividades extraescolares ata que chegue de traballar alá polas 9 da noite, que ven sendo o habitual?

Non me gusta esta vida extraña que me tocou vivir, pero hei intentar afacela ó meu gusto.

7 comentarios:

  1. Cuantos quebraderos de cabeza conlleva tener hijos. Yo no tengo ni pienso por ahora, estoy apenas a las puertas de mi primer empleo y veo que con horarios de 8 a 7 de la tarde, hijos no se pueden tener a no ser que quieras que te los crien otros. Pero tengo hermanos pequeños y mi madre siempre se queja también mucho del colegio. Por una parte de los deberes, que les ponen tantos que acaban estresados (y eso que mis hermanos van bien y les gusta el cole), que si la direccion cuenta poco con la opinion de los padres...un rollo.
    Por cierto, yo pensaba que la edad obligatoria para empezar el colegio no era hasta los 6 años.
    Te has planteado educarla en casa? En estados unidos hay mas gente de lo que parece que lo hace, y en españa también hay algunas personas. Aunque bueno, para aprender a socializar es mejor que vayan al colegio, y para que tu tengas algun rato libre también, ;).
    Dios, cuanta responsabilidad.
    Animo

    ResponderEliminar
  2. Tienes razón, Mercè, la escolarización obligatoria no es hasta los 6 años, pero la presión social es agobiante, tengo mi carrera sin terminar, voy a tener otro hijo, no trabajo, hasta yo me presiono e intento buscar soluciones aunque sin ponerle ganas.

    Con la escolarización en casa no me atrevo porque soy un verdadero desastre, soy la desorganización en persona, y puedo asumirlo tratándose de mí misma, pero no de los demás, y menos aún de mis hijos. creo que sería una verdadera desescolarización.
    y sobre la sociabilización... pues hasta los 6 años o así los niños no comparten juegos, y para ver a otros niños están los vecinos, los hijos de los amigos, los niños del parque...

    Sobre todo para lo que ayuda el cole es para tener ese "rato libre"

    ResponderEliminar
  3. Ola! O tempo que estiven vivendo na Galiza estudiando Educación social quede sorprendida da cantidade de escolas "alternativas" que hay. Escolas non directivas, escolas libres... Miraste información disto? Eu non sei por onde vives pero se que en Vigo hay unha que funciona moi bien, é para nenos de infantil (de 3 ata 6 anos) porque de momento os pais non se atreven a deixalos mais tempo... Pero tempo ao tempo... Eu penso que estas escolas son a mellor alternativa si non queremos que os nosos filhos convirtanse en unos borreguinhos máis.
    É só a minha humilde opinión...

    ResponderEliminar
  4. Pois eu non adiantaría angustias... (xa sabes que eu as vivín en vivo e en directo) todo depende de cen mil imponderables... se vas a levala lévaa e se non vas levala non a leves... o demais sobre a marcha... á Sabela gústalle ir ó cole a pesar de todo...

    ResponderEliminar
  5. teño que escreber así a esguello, n non vexo a metade dereita do comentario, perdoa os erros. Os mmeus nenos nunca traen nin trouxeron deberes, coa excepción de que o neno en 3 de infantil comezou a ler e cómpre repasar con el na casa unhaa folla que lle toca do libro de lectura. Ao primeiro pasei, eu aprendin soíña, pero vin que cancando o meu ía no medio do libro 1 uns xa presumían de estar no 2, logo sí que me puxen, miña nai veo-o do mási natural, hai que axudar-lle un chisco, pois pode qeu sí, o meu é-che mi soñador e despistado e pasa. De todas paso polo momento da Apa, non teño ningunha queixa do colexio Anexa De Lugo, ao revés. Pero comprendo o que dis. Teño ganas de ver-che a ba barriguiña, pero chove a chuzo, como caía onte eh? que pasada. Bx

    ResponderEliminar
  6. Lídia, grazas polas suxerencias. A verdade é que coñezo algún colexio dese tipo por aquí, o maior problema é que son privados, e ademáis de non poder permitírnolo, ou ter que sacrificar os primeiros anos de vida nunha gardería para levalos despois a un colexio deste tipo, non é o que quero. A miña loita é conseguir que o ensino público cambie aínda que sexa un chisco, que todos os nenos e nenas teñan a posibilidade de ter a educación que eu busco para os meus. E, bueno, sempre me queda a esperanza de que algúns non saímos tan borregos despois de ir a monxas e curas ;-)

    Aivou, non podo evitalo, porque sei que ese día vai chegar, sexa este ano ou o seguinte, pero non teño a certeza de que vai serr o mellor nin do qeu vai ou nonn vai pasar, coma todo, imaxino, pero este ano falamos tanto do cole, que o teño máis presente.

    Olivia, a ver se ven a primaveira co sol, ou o verán xa, e nos vemos si.

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir