lunes, 10 de marzo de 2008

Aiiiiiiiiiiiiiiii

Ídesvos rir de min... Cris G., canto me lembrei de ti onte!!
Veredes, onte pola noite o Moucho deitouse á mesma hora que a tartarouchiña porque andaba canso, así que eu quedei soa e decidín poñer unha película "das serias" xa que dende que naceu a Z., coas interrupcións non me prestaba velas.
Escollín Mar Adentro, e chorei, claro: "Máis duro que che morra un fillo é que non queira vivir". Pero iso non era o que vos quería contar... cara o final da película escoitamos un ruidiño Olivia e máis eu, viña da miña caixa de cartón onde gardo as las. Escoitámolo dúas veces e despois desapareceu, pero eu xa non puiden deixar de relacionar sucesos.
Na última semana Olivia estivo un pouco rara, miañaba onde a comida co cacharro cheo e con ese timbre distinto, unha das noites chamábamos coma se tivese unha presa para nós, miañaba baixo o frigorífico (ata me puxen a mirar debaixo cunha lanterniña por se vía algo, pero non), a nosa lámpada de pe do salón estragouse misteriosamente despois dun estourido...
Claro, xa imaxinaredes que fun mirar na caixa e confirmei que alí estivera... un rato!! Semella que non esnaquizou as las, pero imaxino que non o saberei ara que as use... A caixa estaba chea de cagadiñas e as bolsas onde gasdaba as las estaban roídas. O primeiro que fixen foi cambialas de sitio a un lugar máis seguro, claro, e despois de mirar baixo os mobles do salón sen ver nada marchei para cama.

Non podía durmir. Se xa estragara a lámpada e andaba por atrás da cociña... menuda desfeita podía causar. E seguro que co que hai debaixo do salón podemos alimentar a un par de familias... e se crían e comezan a esnaquizar todo? Como nos libramos deles? Teño que limpar todo ben mañá, para que teñan comida ó alcance e poñer trampas. Xa verei que fago coa comida de Olivia, se cadra podo botarlle moitas veces ó día e retirarlla para que non coman o pienso e vaian cara as trampas...

Rídevos, rídevos, pero apoderouse de min un medo... non ó animaliño en si, senón ás súas consecuencias. Temín unha plaga incontrolada...

Hoxe erguinme e decidín limpar en condicións, eliminando calquer posible reserva de comida. Comecei por mover os sofás e atopar moitas cagadiñas debaixo dun deles ademáis de boliñas varias de cereais, pipas e patacas... Seguín debaixo de todos os mobles e cada vez que chegaba a algún curruncho da casa aparecían máis cacas, comezábase a semellar á hurona Nikita (será que os roedores buscan as esquinas para marcar?). Ata debaixo do aspirador, mirei dentro dun dos accesorios porque o buratiño pareceume o niño perfeto, pero non, alí tampouco estaba. Agora quedaba limpar o rincón de Olivia, así que quitei o comedeiro e... todo cheíño de cagadas por abaixo! Pobre Olivia, que frustración! Estaba alí mesmo, ela sabíao, pero non podía chegarlle, intentaba avisarnos e non a entendiamos. Librei todas as cousas que hai enriba da caixa da area e movina. TACHÁN!!! O seu almacén! Non so tiña que aturar que merodease polo seu comedeiro, senón que descaradamente lle roubaba a comida e a tiña agachada a menos dun metro, pero nun lugar totalmente inaccesible para a pobre gata. Movina de novo e vino!! Estaba alí!! Non esperaba atopalo... fun á cociña, collín unha friameira e metino dentro!!!

Mosaico do cazado!

Ja! Sen trampa, sen morte, sen plaga!!!

A Z. pasou un bo rato mirando para el, e a Olivia non había quen a separase do tupper.
Despois de telo alí un rato soltámolo nun prado para que estivese contento e fose ver ó seu papá, á sú mamá e ó seu avó.

E colorín, colorado, este conto está contado

Edito para engadir a confirmación das miñas sospeitas pola listísima tía Rita: que é unha musaraña!!! Non un rato.
E ademáis isto que vou gardar para a seguinte ocasión: trampas que non matan


3 comentarios:

  1. Que contos máis bonitos contas... case semella de verdad :oDDDDDDDDD, bicos, cazadora arteira.

    ResponderEliminar
  2. Pobre Olivia e que satisfacción a túa, imaxino... Encantoume ler o relato (le-rato) ;-) Bicos

    ResponderEliminar
  3. me gusta la foto en que sale la bebé y el gato viendo el tuperware...que aventura debe haber sido...

    ResponderEliminar

Conta, conta...

Por se queres compartir